Os contos do Festival Atlántica visitan a Aula de Pediatría do hospital de Santiago

·      Os brasileiros Aline Cântia e Chicó do Céu levarán a música e as historias do seu espectáculo ‘Contos de lá nos cantos de cá’

Enlace á nota de prensa.

Á poucos días para a inauguración oficial do Festival Atlántica, chega unha das citas tradicionais deste encontro de narración oral: a función na Aula de Pediatría do Hospital Clínico Universitario de Santiago. Este ano visitarán o centro hospitalario os brasileiros Aline Cântia e Chicó do Céu e levarán ata aló o seu espectáculo ‘Contos de lá nos cantos de cá’ [17:30, Aula de Pediatría, en portugués].

Todas as historias desta obra acontecen nunha inmensa árbore baixo a cal un avó de Minas Gerais se detén para descansar. Alí, sentado nun tronco, comeza a contar contos: o da árbore xenerosa ou o dun par de zapatos namorados. Narra contos que viñeron de lonxe, contados por camiñantes que chegaban alí traendo historias do mundo: dunha princesa medorenta, dun neno que danzaba coas abellas ou dunha árbore de froita amarela, da orixe das estrelas ou do amor entre Godofredo e Estela. Contos que invitan ao espectador a silenciar os ruídos externos e entrar no tempo do ‘érase unha vez…’.

A contadora Aline Cântia e o músico e compositor Chicó do Céu traballan xuntos dende hai dez anos en investigacións, proxectos e camiños compartidos. En 2011 fundaron o Instituto Cultural Abrapalavra, que xa gañou quince premios por diferentes traballos ligados á tradición. O Instituto traballa na produción de traballos que dialogan con recollidas de tradición oral, estudos independentes, creación de grupos de narradores de historias e actividades de formación artístico-cultural. Co obxectivo de descentralizar e democratizar o traballo artístico, o Instituto adoita realizar accións nacionais e locais, de carácter continuo ou permanente. Todas estas accións, actividades e presentacións contan cun rexistro sonoro e audiovisual. O dúo define o propósito do Instituto Cultural Abrapalavra nunha frase: “Contar, cantar e escoitar historias foi o camiño que escollemos para un profundo e pracenteiro intercambio de experiencias, saberes e feitos”.

O programa completo do Atlántica así como a información sobre os artistas pódese consultar na web do Festival (http://festivalatlantica.gal).