Os contos do Festival Atlántica regresan este xoves a Galicia
· A programación de Santiago comeza coa retransmisión en liña do espectáculo de Fernando Saldaña nas redes sociais dos centros socioculturais de Santiago
· A partir das 20.30 horas será a quenda de José Luis Gutiérrez ‘Guti’ no Centro Xove da Almáciga
· Todas as funcións son gratuítas pero cómpre reservar por adiantado o convite
· O espectáculo de Charo Pita xa esgotou as súas reservas e outros están a piques de completar o aforo
Este xoves, 5 de novembro, os contos do Festival Atlántica volverán a Galicia para completar a súa oitava edición, interrompida de súpeto pola declaración do estado de alarma. Malia as restricións sanitarias vixentes, o veterano encontro de narración oral vai dar programado 24 espectáculos, que se van desenvolver os días 5, 6, 7 e 13 de novembro e mais o 5 e o 6 de decembro cun formato híbrido que compaxinará as sesións presenciais coas actuacións en liña.
No caso de Santiago, a primeira cita será este xoves, 5 de novembro, co narrador Fernando Saldaña, que brindará unha función en liña do ‘Peixe de ouro’ que se retransmitirá a través das redes dos centros socioculturais de Santiago de Compostela. Trátase dun espectáculo para nenos de entre 3 e 8 anos que está baseado no conto clásico co mesmo título. Nel nárrase a historia de avaricia dunha familia que, tras recibir un desexo por parte dun peixe, quere máis e máis e máis.
O salmantino Fernando Saldaña é, ante todo, e sobre todo, contacontos. Tamén é mago, actor, director de teatro, ilustrador e humorista gráfico. Saldaña ten traballado na radio e en televisións locais, foi deseñador gráfico, locutor, profesor de circo e de programas informáticos… Pero o que máis lle gusta é contar historias. A todos. Para todas as idades: desde os bebés ata os que hai tempo que chegaron aos cen.
Nos seus cofres, baúis e maletas ten contos gardados para todos e cada un. Saldaña asenta a narración nos obxectos cotiáns, nos xogos de maxia, en bonecos e monicreques, no seu corpo e na súa voz, para que o espectador viva cada unha das súas palabras, como el as goza cando sobe a un escenario ou se coloca diante do seu público nunha escola, biblioteca, xardín ou praza.
Tradición oral zamorana
Algo máis tarde, ás 20.30 horas, José Luis Gutiérrez ‘Guti’ levará ata o Centro Xove da Almáciga as súas ‘Historias de filandar’ (reserva anticipada en festivalatlantica.gal). Neste espectáculo o romance e o conto tradicional vanse zarrapicando da xeografía, da vida das cociñas, dos traballos do campo, das historias de vida de cada informante, e de cada vella que entra e sae do escenario da man deste zamorano. Funciona como un exercicio de agradecemento a quen lle regalou o testemuño dun mundo oral, e aspira a ser, para quen escoita, unha volta ao tempo feliz no que a palabra do vello era necesaria
José Luis Gutiérrez é gaiteiro, cantador, bailador e, sobre todo, contador de historias. Todos os contos e romances que usa recolleunos directamente de narradores tradicionais, os máis deles de anciáns do mundo rural cos que compartiu moitos bos intres. Procura conservar o carácter dialectal de cada narración e mais a atmosfera que envolvía o narrador tradicional, carente de artificios nun mundo sen tele nin radio. ‘Guti’ traballa principalmente no ámbito rural procurando dalgún xeito restablecer a cadea de comunicación-transmisión da cultura oral rota pola condena dos anciáns ao silencio nunha sociedade dominada polo que se repite desde o televisor. Polo seu espectáculo A pelo recibiu no 2015 o Premio de Interpretación Masculina na XII Edición dos Premios Moretti de Teatro.
Entradas esgotadas
O Festival proseguirá nos vindeiros días con máis actuacións nos concellos de Ferrol, Ourense, Lalín, Pazos de Borbén, Brión, A Coruña, Teo e Vigo, alén de Santiago de Compostela. Algúns dos espectáculos xa teñen o cartel de entradas esgotadas, como no caso da función de Charo Pita, pero aínda quedan prazas para as restantes.
Outro evento que completou o seu aforo foi o de Pablo Díaz na Nave de Vidán (Santiago) pero por mor das novas restricións que entrarán en vigor o venres, a actividade vai ser adiada. As persoas que tiñan entrada terán preferencia para a nova data que será comunicada máis adiante pola organización.
A información sobre os artistas pódese consultar na web do festival (http://festivalatlantica.gal/). Tamén están dispoñibles o programa das actuacións e mais os detalles sobre o proceso de reserva de convites das funcións presenciais.
Agás no caso de Ferrol e Teo, a maioría das funcións son, polo de agora, presenciais, pero dada a cambiante situación sanitaria, esta previsión está suxeita a modificacións. En todo caso, calquera alteración será anunciada a través das canles do Festival Atlántica.