O álbum conta coa colaboración do violinista belga Alexandre Cavaliere, un dos intérpretes máis prestixiosos a nivel internacional do jazz manouche

O lanzamento acompañarase da publicación dun novo tema inédito, nomeado ‘The Seagull and the Frog’, escrito tamén por Regueiro

O guitarrista de gipsy jazz David Regueiro publicará o seu novo disco o vindeiro venres 24 de febreiro. ‘Perfect Match!’ é, ademais do título do álbum de estudio do trío liderado polo guitarrista ourensán, o resultado da colaboración xurdida entre o propio Regueiro e o recoñecido violinista belga Alexandre Cavaliere, unha das figuras máis relevantes, a nivel internacional, do jazz manouche. O álbum, gravado en agosto de 2022, poderase escoitar a partir da semana que vén nas principais plataformas dixitais. 

David Regueiro é un dos intérpretes e compositores con maior proxección a nivel ibérico da escena do gipsy jazz, tamén coñecido como jazz manouche, o estilo que agromou da guitarra de Django Reinhardt e no que Regueiro desenvolve a súa voz propia ao incorporar influencias do swing americano ou do be-pop. Máis dunha ducia de traballos discográficos entre proxectos propios (‘Areal’, ‘O Camiño’) e colaboracións, numerosas participacións en festivais de toda Europa ou mesmo a organización das jam session mensuais de swing e jazz na Casa das Crechas compostelá dan boa conta da prolífica traxectoria do músico galego.

David Regueiro lidera un trío no que se acompaña de de Juyma Estévez no contrabaixo e de Gonçalo Mendoça á guitarra rítmica. Nesta ocasión, a formación transfórmase nun cuarteto para acoller a un dos máis virtuosos violinistas do mundo deste estilo, o belga Alexandre Cavaliere, con quen Regueiro compartiu escenario na última edición do festival Jazz de Ría celebrada na Costa Ártabra. 

Deste ‘Perfect Match!’ xa se coñecen tres avances (‘Tone it down, turn it up!’, ‘Elsa’ e ‘Octopus Blues’), que contan con videos gravados no estudio de Diego Bea Besada. Coincidindo co lanzamento do disco, o venres 24 estrearase en Youtube a peza audiovisual que acompaña o tema inédito ‘The Seagull and the Frog’. Para máis información sobre David Regueiro e a súa discografía pódese visitar a súa páxina web oficial, www.davidregueiro.gal

20221021-Axenda-22-e-23-de-outubro