●       A estrea en Irlanda do documental de Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva será este xoves, 23 de xuño, no Trinity College Dublin

●       O Galician Film Forum, que adoita programar regularmente cinema galego en Londres, da o salto así á veciña Irlanda

Galician Film Forum (GFF) amplía as súa área xeográfica de actividade coa estrea en Irlanda do documental Negro púrpura de Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva. A proxección será no Trinity College Dublin e vai ser posible grazas á colaboración entre o GFF e o Department of Hispanic Studies da School of Languages, Literatures and Cultural Studies da institución dublinesa.

A actividade terá lugar este xoves, 23 de xuño, no Arts Building do campus universitario e o filme proxectarase en versión orixinal con subtítulos en inglés. Durante o evento vaise proxectar tamén un vídeo gravado expresamente por Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva, directoras de Negro púrpura, para a ocasión. A entrada do evento é gratuíta pero cómpre reservala con antelación nesta ligazón.

O documental Negro púrpura retrata a Galiza do século XX a través do Cláviceps purpúrea, un fungo alucinóxeno que agroma nos cereais e que agocha historia tan descoñecida como importante no devir da cultura e da economía galega dunha época. Coñecido por nomes como caruncho, cornecelo, dentón, cornello ou grao de corvo, por citar algúns, o Cláviceps purpúrea é o vínculo inesperado entre as historias da casa, as multinacionais farmacéuticas, a CIA, as pragas medievais, a medicina popular e o LSD.

Galician Film Forum

O GFF naceu no 2015 no seo dun grupo de galegos emigrados a Londres co obxectivo de crear un espazo para a difusión do cinema galego na capital británica. A súa actividade articúlase en tres eixes: como plataforma de exhibición, como observatorio da nova diáspora creativa audiovisual no Reino Unido e como espazo de reflexión sobre o cinema e a cultura galega en termos universais.

·         Entradas: https://negropurpuradublin.eventbrite.co.uk

·         Negro púrpurahttps://negropurpura.gal/ | Tráilerhttps://youtu.be/1-WYTzo4JRY

20220621-NP-GalicianFilmForum_Dublin