O Festival Atlántica volve encher de contos Santiago e a súa contorna este mércores

·       Haberá contos en Compostela e tamén en Teo e mais en Palas de Rei

·       As actividades son gratuítas pero nalgunhas cómpre reservar por teléfono ou a través da web festivalatlantica.gal

·       A función de Cris de Caldas e o paseo narrado con Marga Alborés teñen esgotadas as súas entradas

Tras un breve descanso, o Festival Atlántica retoma a súa actividade en Santiago con catro espectáculos aos que se engaden funcións nas proximidades: Teo e Melide. Novamente as propostas abranguerán todas as idades, con espectáculos para cativos, mozos e adultos. Todas as actividades son gratuítas, pero algunhas xa esgotaron as súas prazas e para outras cómpre reservar o convite a través da web festivalatlantica.gal. O festival está presente na cidade compostelá grazas á Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e o Concello de Santiago.

A programación de Santiago comezará ás 18 horas cunha sesión de ‘Contos de aquí e de acolá’ de Fátima Fernández no CSC do Romaño. Trátase dunha escolma de contos recollidos en distintos lugares de Galicia e concibida para nenos con idades de entre 3 e 8 anos. Son contos alegres e tristes, curtos e longos, de mulleres e de homes, de animais e de plantas… un xeito, en definitiva, de mergullarse nos nosos costumes e pensamentos. Para asistir a esta sesión pódese reservar no teléfono para garantir a entrada 981 543 005 ou ben ir directamente ao lugar do evento o mesmo día da función.

Un chisco máis tarde, ás 19 horas, comezará o itinerario narrado con Marga Alborés titulado ‘Litorrelatos de Compostela’ un convite para descubrir as historias que agochan as pedras da zona da Almáciga. Esta actividade esgotou axiña as súas entradas e tamén ten completa a lista de agarda.

Ás 20:30 horas Cris de Caldas ocupará o xardín do claustro do Museo do Pobo Galego para compartir co público adulto ‘Un feixe de contos’, unha recompilación das historias que máis emocionaron á narradora ao longo da súa vida. Os convites para este espectáculo tamén están esgotados, pero está aberta unha lista de agarda por se hai cancelacións.

Xa pola noitiña, ás 21:30 horas, os ‘Contos de arrepío’ de Sofia Maul poderan ocupar o cemiterio de Bonaval tras o adiamento do domingo pola chuvia. Esta sesión está dirixida ao público adolescente, que terá a oportunidade de se achegar á tradición oral lusófona da man dunha das súas contadoras máis reputadas. Maul adoita incluír no seu repertorio historias de Madeira, a súa illa natal, que reflicten a idiosincrasia deste cachiño de terra no medio do océano. As entradas para este espectáculo pódense reservar aquí.

Sesión a dúas voces en Teo

O veciño concello de Teo acolle, ás 11 horas, unha sesión dobre para público infantil e xuvenil na que participarán a galega Raquel Queizás e o guipuscoano May Gorostiaga. O espectáculo de Queizás titúlase ‘Onda min’ e é un convite para ir á busca das historias de noso, da nosa memoria, para alimentar as novas xeracións. Tamén recorre aos libros para ir na procura de historias alleas doutras terras. Pola súa banda, Gorostiaga brindará unha sesión de ‘No meu mundo’, unha viaxe para indagar os mundos que cada un de nós albergamos no noso interior.

‘Contos no camiño’ en Melide

O narrador Pep Bruno vai celebrar en Melide a súa terceira sesión de contos prevista en ‘Contos no camiño’. Logo das súas contadas en Sarria e en Palas de Rei, Bruno recalará na praza do Convento para ofrecer unha sesión de contos para o público familiar ás 20 horas. Para asistir hai que reservar por adiantado en culturais@concellodemelide.gal ou ben no 981 505 003 (ext 2122).

Atlántica segue

As actividades de Atlántica continuarán ata o vindeiro 11 de xullo e están a se desenvolver por toda Galicia. O programa completo do festival e mais a información sobre os artistas, espectáculos e a reserva de entradas pódese consultar na web do festival. Por mor das cambiantes restricións sanitarias, cómpre consultar a web para coñecer a información máis actualizada sobre reservas e accesos aos espectáculos.