O Festival Atlántica fai escala en Lalín cunha sesión de contos de Soledad Felloza
· A función de ‘A vida é conto’ será no Museo Ramón María Aller o venres, 13 de novembro, a partir das 21 horas
· O espectáculo está concibido para público adulto e terá entrada libre ata completar o aforo
Os contos do Festival Atlántica seguen a percorrer Galicia e este venres, 13 de novembro, van desembarcar en Lalín coas historias de Soledad Felloza grazas á colaboración co Concello. O espectáculo, titulado ‘A vida é conto’, está dirixido ao público adulto e será no Museo Ramón María Aller a partir das 21 horas. A entrada é libre ata completar o aforo que por mor das restricións vixentes é de 25 prazas.
En ‘A vida é conto’ pode acontecer que o teu avó decida fuxir a mesma noite que nace o teu pai. Ou que a túa nai non dea creto a ter unha filla cun nariz tan pouco aristocrático e que practique con ela todo tipo de experimentos para mudala. Ou que che boten da academia de danza por non representar ben o difícil papel de penedo. Ou que un día, só por abrir unha botella de cervexa, gañes o premio gordo que consiste en viaxar coa selección de fútbol do teu país por toda América e marches decontado. Porque ás veces a vida énchese de tanto conto que o mínimo que se pode facer é contalo, pero nese caso, se a vida é conto, os contos, contos son?
A uruguaia Soledad Felloza (soledadfelloza.com) dedícase á narración oral desde hai 25 anos. Tamén é docente, actriz, fotógrafa, escritora de literatura infantil e xuvenil e dramaturga, cunha ampla formación no campo do teatro e no eido dos contos. Recibiu o Premio Europeo ao mellor conto para nenos e nenas por ‘A cociñeira do rei’ (Editorial Oqo). O seu programa de radio ‘La casa disparatada’ foi declarado pola UNESCO de interese por mor da súa contribución á difusión dos dereitos da infancia. Ten editados discos de contos para nenos baixo o titulo ‘De Tin Marín’, esgotados neste momento.
Atlántica segue en decembro
O Festival proseguirá durante os días 5 e 6 de decembro cunha función na Coruña e outra en Santiago, respectivamente. A información sobre os espectáculos e mais os detalles sobre o proceso de reserva de convites pódese consultar na web do festival (http://festivalatlantica.gal/). Dada a cambiante situación sanitaria, esta programación está suxeita a modificacións, pero calquera alteración será anunciada a través das canles do Festival Atlántica.