O Festival Atlántica e a libraría Couceiro estrean liña editorial con Manuel Gago e ‘O sangue das pantasmas’

·       Este proxecto editorial nace coa vocación de levar ao papel as rutas narradas do Festival Atlántica

·       ‘O sangue dos pantasmas’ vaise regalar coa compra doutro libro en Couceiro

O Festival Atlántica pecha o ano coa estrea dunha liña editorial da man da Libraría Couceiro e que vai centrar as súas publicacións ao redor da tradición oral. O primeiro título deste proxecto é ‘O sangue das pantamas’ de Manuel Gago e nace coma una edición agasallo que os clientes de Couceiro recibirán cando merquen outro libro no establecemento.

Máis adiante vanse publicar novos títulos doutros autores vinculados a unha das actividades con mellor acollida do Festival Atlántica: as rutas narradas. Deste xeito, a experiencia dos paseos con historias fixaranse no papel para o goce de novos públicos.

‘O sangue das pantamas’ é un texto de autoficción que ten a súa orixe nunha estancia de Manuel Gago nun castelo escocés hai anos. A raíz desa experiencia, o autor preguntouse por que en Galicia, con tantas historias de mortos e aparecidos, apenas se coñecían pantasmas nos abundantes pazos e casas vedrañas do país. Nese momento comezou unha aventura cultural na procura dun territorio da imaxinación ben pouco coñecido. E a historia levou a Gago ás sombras de Compostela: ás mansións invisibles, os monstros míticos, os ocultistas decimonónicos e aos espectros que aínda sobreviven nas últimas fisgas da cidade, máis vivos do que parece.

Xornalista e moito máis

Manuel Gago é doutor en Ciencias da Información pola Universidade de Santiago de Compostela, onde tamén é profesor asociado na especialidade de ciberxornalismo. Na actualidade, é director de culturagalega.gal, o portal de divulgación cultural do Consello da Cultura Galega. É editor de Capítulo Cero (www.manuelgago.org/blog), un dos blogs referentes da rede galega, no ámbito da divulgación histórica, científica, en estilos de vida, gastronomía e cultura, e por el ten recibido premios e mencións de diferentes colectivos profesionais galegos. Colaborador habitual da Radio Galega, onde o seu último espazo foron as ‘Efeméridas’, no Galicia por Diante. Mantén as columnas ‘Vermello contra o mar’ en La Voz de Galicia, e ‘Seisentido’s, na Táboa Redonda, o suplemento cultural de El Progreso e Diario de Pontevedra.

A súa traxectoria caracterízase polo seu carácter polifacético de aí que desenvolva proxectos no eido da difusión e investigación arqueolóxica, do patrimonio cultural, do audiovisual, do ensaio o da literatura, entre outros. Publicou as novelas ‘O anxo negro’ (Xerais, 2016) e ‘O exército de fume’ (Xerais, 2018) e está a preparar unha nova obra prevista para marzo do 2021.