Compostela concentra boa parte da actividade do Festival Atlántica cunha vintena de espectáculos entre os días 3 e 8 de xullo

Contos, música e rutas narradas conforman un programa con funcións para todos os públicos

A Colexiata de Sar acollerá o 7 de xullo a estrea absoluta do último espectáculo de José Luis Gutiérrez ‘Don Guti’

A undécima edición do Festival Atlántica vai programar unha vintena de espectáculos en Santiago de Compostela entre os días 3 e 8 de xullo. Desta volta as identidades compartidas, a experiencia de artistas que pertencen e conviven en dous mundos e culturas distintas, son o tema central da oferta programática. Atlántica incorpora un fenómeno social cada vez máis habitual en Galicia e en todo o mundo, baseado na inmigración, a mobilidade e a mestura de culturas. Como é habitual neste encontro internacional de narración oral, alén de funcións de contos haberá tamén outras actividades como roteiros ou música. Toda a programación é gratuíta e de entrada libre ata completar o aforo, agás no caso das rutas, que precisan de inscrición previa. Esta intensa actividade na cidade é posible grazas ao financiamento da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña e mais á colaboración do Concello de Santiago de Compostela.

A cidade acollerá as historias dos portugueses Rosa Gonçalves e Luis Correia Carmelo, do cubano Pedro Mario López, dos zamoranos Charo Jaular e José Luis Gutierrez, máis coñecido como ‘Don Guti’, e dos galegos Raquel Queizás, Vero Rilo, Paco Nogueira e Bea Campos. A música tamén estará presente con Pakolas, Luis Prego e Santi Cribeiro e, alén diso, volverán os paseos narrados da man de Rebeca Blanco e de Sole Felloza, o primeiro dos cales xa ten as súas prazas esgotadas.

Boa parte da programación concentrarase nos centros socioculturais da cidade, pero Atlántica volverá ás súas sedes habituais, como o Museo do Pobo Galego, e recuncará no Castelo da Rocha Forte. Cómpre salientar o regreso das contadas á Colexiata de Sar, que o 7 de xullo será o escenario da estrea absoluta de ‘Cando deus andaba polo mundo’ de Don Guti. Tamén serán estrea todos os contos de Rosa Gonçalves, narradora portuguesa de ascendencia galega que actúa por primeira vez en España grazas a Atlántica. Outras novidades nacionais serán as historias de Pedro Mario López, un cubano asentado en Colombia que non visitaba Galicia desde o ano 2018.

Fiel á súa filosofía, Atlántica vai programar un amplo abano de funcións tan variadas como os públicos aos que se dirixe. Haberá espectáculos para todas as idades, de temática diversa, en horarios variados e en diferentes puntos da cidade. Tamén están previstos pases con interpretación en lingua de signos.

Algúns narradores: petiscos de arte

Luis Correia Carmelo. Este artista portugués emigrou a Brasil de neno e ao seu regreso, comezou no mundo dos contos a estudar e recoller historias e músicas tradicionais. Hoxe en día é un dos grandes referentes da narración oral lusa e trae a Santiago un espectáculo onde o humor, o marabilloso e o cotián palpitan ao ritmo da súa concertina.

Pedro Mario López. Cubano, neto de galegos emigrado a Colombia. A súa fala desbordante, chea de retranca, engaiola con historias onde mestura a gran literatura coa tradición oral. Realismo máxico e humor no escenario.

Bea Campos. Teatreira e contacontos, Bea Campos é integrante de Migallas, unha das familias históricas do teatro galego. Moi coñecida polo público infantil, sube por fin ao escenario cunha chea de historias para adultos nas quen non falta o humor. Hai que aproveitar e escoitala antes de que marche ao Festival Internacional de Cabaret de México.

Rosa Gonçalves. Neta de galega, esta portuguesa, pandeireteira e adufeira escribe e recolle contos e cantigas. E conta sen idades, coma nos tempos das tarefas colectivas, cando as historias facían os traballos máis alegres. Moito xogo, medo, absurdo e picardía envolto nunha voz fermosísima.

José Luis Gutierrez. ‘Don Guti’ chámanlle ás señoras da serra da Culebra por onde este bombeiro zamorano traballa cada día. O mesmo saca en brazos a unha muller do lume que canta unhas coplas, cociña unhas sopas ou baila con arte e conta coma ninguén. Un dos mellores narradores do estado español escolle Atlántica para estrear. A Colexiata de Sar poñeralle o marco a unha función única.

Vero Rilo e Santi Cribeiro. Vero é da casa e vai contar, dende a caloriña do fogar, historias de mulleres bravas. Elas foron polo mundo como un día tivo que ir -obrigada polos tempos revoltos- a súa familia. Familias que regresan e contan. Desta volta as historias piden viño e o viño pide contos e cantos. Para iso Santi Cribeiro (Berrogüetto) co seu acordeón fará realidade unha boa Tralalareira.

Teo, once anos con Atlántica

No tocante a Teo, que leva sendo sede do festival desde os seus inicios, a actividade vai comezar o sábado 1 de xullo con Rosa Gonçalves (18 h, Carballeira de Luou). O domingo 2 actuará Quico Cadaval (12 h, Carballeira de Francos), o xoves 6 será a quenda de Ramiro Neira (12 h, Parque dos Tilos) e o sábado 8 de xullo pechará o programa no concello veciño Paco Nogueira (20 h, Campo de San Domingo en Calo) e a catalá Sherezade Bardají (21 h, Cuberto de Cebeiro, no Lugar de Penelas).

Por toda Galicia… e Portugal

Os contos do Festival Atlántica vanse estar espallando por boa parte da xeografía galega ata o vindeiro 9 de xullo. Grazas ao esforzo conxunto das entidades que colaboran no festival, as máis de 90 actuacións desta edición chegarán ás 24 sedes repartidas polas catro provincias galegas. Amais de Santiago de Compostela e Teo, este ano participan en Atlántica os concellos da Coruña, Alfoz, Boiro, Brión, Carnota, Castro de Rei, Cuntis, Chantada, Dodro, Ferrol, Mondoñedo, Mugardos, Outes, Ourense, Paderne, Pobra de Trives, Pobra do Caramiñal, Rianxo, Ribeira, A Estrada, Sanxenxo e Vigo. A esta listaxe cómpre engadir a sede portuguesa de Pitões das Júnias, en Montalegre. Toda a información sobre os espectáculos e os artistas do festival está dispoñible na web festivalatlantica.gal.

Festival Atlántica

Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlanticista. Ao seu obxectivo de indagar nas raíces comúns das historias do océano cos anos foise agregando a posta en valor e difusión de espazos patrimoniais do país e a clara vocación de levar espectáculos de calidade a cidades e vilas das catro provincias. O número e a calidade de artistas e propostas escénicas foi medrando ata convertelo nunha cita ineludible da narración oral da Península.

20230627-NP-Festival-Atlantica-Santiago-Teo