Os espectáculos La capital del pecado 2.0, Mentes peligrosas, Esto no es un show, La ruina, Celebreixon, La nueva normalidad, Go Home e Tengo cosas para hacer formarán parte dunha programación que coroarán as galas Humoris Causa e Fantastic Colofon
Sílvia Abril, Leo Harlem, Goyo Jiménez e Luis Piedrahita conformarán o elenco que participe en Humoris Causa o 4 de maio no Pazo da Ópera; mentres que Javier Veiga, David Cepo, Xosé A. Touriñán e As R(h)umorosas serán os responsables de clausurar o EMHU o 5 de maio con Fantastic Colofon no Teatro Colón
As entradas e abonos da cuarta edición do EMHU poderanse adquirir desde este venres 22, a partir das 11.00 horas, en www.emhu.es e na plataforma en liña www.ataquilla.com
O Encontro Mundial de Humorismo avanza este mércores a programación troncal da súa agardada cuarta edición, que se celebrará na Coruña do 25 de abril ao 5de maio de 2024. Álex Clavero, Ana Morgade, Carolina Iglesias, Dalia Gutmann, David Amor, David Cepo, Eva Hache, Galder Varas, Goyo Jiménez, Henar Álvarez, Ignasi Taltavull, Javier Veiga, Juan Dávila, Leo Harlem, Luis Piedrahita, Roberto Vilar, Sílvia Abril, Tomàs Fuentes, Xosé A. Touriñán e As R(h)umorosas (Carmen Méndez, Ledicia Sola e Marta Doviro) son os primeiros nomes que se dan a coñecer do cartel do EMHU 2024, cuxas entradas sairán á venda este venres, 22 de decembro, a partir das 11.00 horas, na páxina web oficial www.ehmu.es e na plataforma en liña www.ataquilla.com.
O EMHU, a cita humorística máis relevante de España polo seu número de actividades e público (máis de 15.000 espectadores no 2023), está impulsado polas produtoras Etiqueta Negra e El Espectador, e conta co apoio de Estrella Galicia, Concello da Coruña e Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia. O Encontro Mundial de Humorismo reunirá no 2024, durante 11 xornadas, as figuras máis destacadas da comedia galega e estatal. Serán casi unha ducia de días nas que o humor e a improvisación provocarán o sorriso e o deleite do público da man dalgúns dos espectáculos máis seguidos do momento. É o caso de La capital del pecado 2.0, Mentes peligrosas ou Esto no es un show; mais tamén de producións propias como Fantastic Colofon e Humoris Causa, citas nas que o EMHU xunta en cada edición un elenco de grandes figuras que se atoparn, por primeira vez, nun mesmo escenario.
A programación troncal de espectáculos do Encontro Mundial de Humorismo 2024 arrancará o venres 26 de abril no Coliseum da Coruña, con La capital del pecado 2.0, de Juan Dávila, que regresa ao EMHU tras esgotar todas as entradas para a súa función da pasada edición en poucos minutos. O evento continuará o sábado 27 cun dos ‘shows’ máis relevantes do momento, que ten a súa orixe e inspiración no propio EMHU, e que se atopa de xira polos teatros españois: Mentes peligrosas. Así, Ana Morgade, Carolina Iglesias e Eva Hache visitarán o auditorio de Palexco nunha noite que contarán con Henar Álvarez como convidada especial. O domingo 28 será a quenda dun dos grandes cómicos da televisión galega: Roberto Vilar festexará 30 anos sobre as táboas en Celebreixon, que se poderá ver no Teatro Colón, unha das sedes habituais do EMHU.
O mércores 1 de maio volverá a programación de espectáculos de pago ao Colón con Go Home, a nova proposta escénica dirixida por Tito Asorey e interpretada por David Amor e Josito Porto; que dará paso no mesmo recinto, ao día siguiente (xoves 2), a un dos grandes nomes da última tempada: o humorista Galder Varas con Esto no es un show, cuxos vídeos suman milleiros de reproducións nas redes sociais. E xa na súa segunda fin de semana, o EMHU comezará o venres 3 en Afundación, co espectáculo Tengo cosas para hacer, da arxentina Dalia Gutmann, e o monólogo cómico La nueva normalidad, de Álex Clavero, no Colón. Precisamente no mesmo teatro da avenida da Mariña terá lugar, na mañá do sábado 4, unha das propostas máis queridas polo público do EMHU: a gravación deLa ruina, con Ignasi Taltavull e Tomàs Fuentes, un show para escachar de risa no que os cómicos convidan aos espectadores a narrar “as súas ruínas” ou momentos mási vergoñentos. De noite, o Pazo da Ópera acollerá, como é habitual, a gala con maior traxectoria do evento: Humoris Causa, que nesta ocasión reunirá, por primeira vez sobre un escenario, a Sílvia Abril, Leo Harlem, Goyo Jiméneze Luis Piedrahita, director artístico do EMHU.
Finalmente, o EMHU botará o pano da súa cuarta edición o domingo 5 de maio, a partir das 20.00 horas, no Teatro Colón, coa gala final de clausura Fantastic Colofon, que nesta ocasión conducirán Javier Veiga, Xosé A. Touriñán, As R(h)umorosas (Carmen Méndez, Ledicia Sola e Marta Doviro) e David Cepo. Será unha noite ateigada de gags, risas e momentos únicos para gardar na memoria. Durante o desenvolvemento da gala, ademais, entregaranse os Premios EMHU 2024.
ENTRADAS E ABONOS
As entradas e abonos do EMHU 2024 sairán á ventda este venres 22, a partir das 11.00 horas, na web oficial www.ehmu.es e na plataforma en liña www.ataquilla.com. O público poderá adquirir, tal e como é habitual no EMHU, catro tipos de abonos:
- Abono ‘Bueno’: Humoris Causa + Mentes peligrosas (60€ + gastos de xestión)
- Abono ‘Bueno, bueno’: La capital del pecado 2.0 + Mentes peligrosas + Celebreixon + Go Home (78€ + gastos de xestión)
- Abono ‘Bueno, de lo bueno, lo mejor’: Tengo cosas para hacer + La nueva normalidad + La ruina + Humoris Causa + Fantastic Colofon (87€ + gastos de xestión)
- Abono ‘Bueno, de lo bueno lo mejor, de lo mejor, lo superior’: La capital del pecado 2.0 + Mentes peligrosas + Celebreixon + Go Home + La nueva normalidad + Esto no es un show + Tengo cosas para hacer + Humoris Causa + La ruina + Fantastic Colofon (162€ + gastos de xestión)
A programación do EMHU completarase con máis espectáculos e diferentes actividades paralelas, dirixidas a todos os públicos, que se darán a coñecer nas vindeiras semanas. Para máis información sobre horarios, artistas ou espectáculos, recoméndase visitar o espazo web oficial www.emhu.es.
AVANCE PROGRAMACIÓN EMHU 2024
26/04, Coliseum | La capital del pecado 2.0, de Juan Dávila.
27/04, Palexco | Mentes peligrosas. Con Ana Morgade, Carolina Iglesias, Eva Hache e Henar Álvarez.
28/04, Teatro Colón | Celebreixon, de Roberto Vilar.
01/05, Teatro Colón | Go Home. Con David Amor e Josito Porto.
02/05, Teatro Colón | Esto no es un show, de Galder Varas.
03/05, Afundación | Tengo cosas para hacer, de Dalia Gutmann.
03/05, Teatro Colón | La nueva normalidad, de Álex Clavero.
04/05, Teatro Colón | La ruina. Con Ignasi Taltavull e Tomàs Fuentes.
04/05, Pazo da Ópera | Humoris Causa. Con Goyo Jiménez, Leo Harlem, Luis Piedrahita e Sílvia Abril.
05/05, Teatro Colón | Fantastic Colofon. Con As R(H)umorosas (Carmen Méndez, Ledicia Sola e Marta Doviro), David Cepo, Javier Veiga e Xosé. A. Touriñán.