O escenario do Teatro Afundación de Vigo acollerá este venres 1, a partir das 20.30 horas, o espectáculo final da xira, no que o cantareiro e bailador estará acompañado de Natalie Haas, Andrea Pousa, Fran Sieira, Luis Lavado,  María e Luís Prego, María Vidal e as pandeireteiras de O Fiadeiro


O cantareiro, instrumentista e bailador Xisco Feijoó despedirase mañá en Vigo da xira de presentación de Peixe, o seu primeiro proxecto en solitario. Este derradeiro espectáculo, que comezará ás 20.30 horas do venres 1 de decembro no Teatro Afundación (García Barbón), será un concerto único e irrepetible no que tanto a música, como a danza e a arte terán unha presenza fundamental. Por iso e, para facilitar que todas as persoas que non poidan asistir á cita poidan gozar da proposta, este concerto poderase seguir vía streaming a través da plataforma Tolemias TV.

Xisco Feijoó actuará acompañado na súa cidade dunha imponente banda de grandes músicas do país. Miryam González, Pipo Alvariño, Galen Fraser, María San Miguel, José Manuel Díaz, Marilú Campos, Antón Pombar e Sandra Costa estarán no escenario deste festivo “enterro” do Peixe, unha singular metamorfose na que Xisco tamén convidará a participar a artistas como Natalie Haas (cello), Andrea Pousa (voz), Fran Sieira (baile), Luis Lavado (voz), María e Luís Prego (baile), María Vidal (voz e percusión) e as pandeireteiras de O Fiadeiro.

As entradas para o espectáculo de fin de xira de Peixe, que conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), están á venda a través da plataforma web www.ataquilla.com.


Xisco Feijoó e a xira de Peixe


Xisco Feijoó é, sen dúbida, unha das figuras clave na recuperación de música tradicional galega durante as décadas do 80, 90 e primeiros 2000. Logo dun incesante traballo de recuperación etnográfica, así como de colaborar con ducias de artistas de proxección internacional, como Mercedes Peón, Xosé Manuel Budiño, Carlos Núñez, Kepa Junquera, Berrogüetto ou Rodrigo Romaní, en xullo de 2021 lanzou Peixe, o seu primeiro proxecto en solitario, e que supuxo unha novidosa mirada contemporánea sobre a música tradicional. 
Nestes dous últimos anos Feijoó compaxinou as distintas actuacións co seu labor como mestre da ETRAD, coordinador da sección de canto da orquestra folk SonDeSeu,  director xeral do espectáculo Unha xeración, dous mundos, que se estreou no Grand Liceu de Barcelona en decembro de 2022; e como co-autor, xunto con C. Tangana, do himno Oliveira dos Cen Anos. Agora despide Peixe con dúas últimas actuacións, en Lugo e Vigo, nas que participarán numerosas amizades e artistas do país.

20231130-NP-Despedida-Peixe-Xisco-Feijoo-2