Noia Harp Fest pecha unha novena edición “ateigada de descubrimentos” e na que contou “co apoio total” do público
- O director do IX Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, Rodrigo Romaní, pon en valor a liña pedagóxica inaugurada este ano, coa celebración do I Encontro do Alumnado das Escolas de Arpa de Galicia, ou as posibilidades que se abren a nivel europeo para NHF
- O festival celebrouse do 3 ao 7 agosto en distintas localizacións de Noia e contou con artistas procedentes de Galicia, Escocia, Senegal, Paraguai, Bretaña ou Polonia
O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia bota o pano da súa novena edición, que a dirección cualifica como “exitosa” grazas ao “apoio total” do público, que encheu os espazos nos que se celebrou, e salienta as “novas vías” que se abren para expandir o festival nas vindeiras edicións.
O director do Noia Harp Fest, Rodrigo Romaní, sinala que esta edición foi “moi especial” ao estar “ateigada de descubrimentos”, tanto para o público como para a propia organización do evento. Un dos momentos máis especiais foi precisamente a apertura, celebrada no Liceo de Noia, na que participaron máis de 25 estudantes de arpa das escolas de Galicia. “Se ben NHF sempre tivo un interese especial na liña divulgativa, que incorporamos tanto na propia concepción do festival á hora de aproximar o feito artístico e como pola súa programación de clases maxistrais, este ano abrimos unha liña pedagóxica específica e agardamos que o Noia Harp Fest sexa, a partir de agora, o espazo no que se celebre, cada ano, o encontro de todo o alumnado galego do instrumento. E, por que non, abrilo a outros territorios”, apunta Romaní.
Ao fío, o director tamén salienta as posibilidades que se abren para o festival no marco europeo, pois Noia acolleu unha xuntanza específica, grazas ao programa PICE, con representantes doutras citas arpísticas de prestixio, como son o Zagreb Harp Festival de Croacia e o o Arpe del Mondo, de Cerdeña. “Noia Harp Fest formará parte dun proxecto a nivel europeo que consolidará a situación da nosa vila no mapa arpístico internacional”, asevera o director.
Balance da programación
Rodrigo Romaní salienta a notable calidade artística das e dos participantes da IX edición do evento, o único festival de Galicia e do noroeste da Península Ibérica que ten como absoluta protagonista a arpa. Figuras como Savourna Stevenson, Steve Kettley, Hermanos Corbalán, Kora Jazz Trío, Clotilde Trouillaud, Anna Amigó, Beatriz Martínez, Carmen Bernal, Paula Ceremuzynksa, Manuel Vilas,Rafa Fernández Trio, Bleuenn le Friec e Trío Clepsidra, xunto ao alumnado das escolas de arpa de Galicia, formaron parte do cartel deste 2022, no que a veciñanza puido gozar, de xeito gratuíto, de todos os concertos que se celebraron no Liceo de Noia, Praza do Tapal, Teatro Coliseo Noela, Igrexa de Santa María A Nova ou nos xardíns da Central Hidroeléctrica do Tambre. Ademais, Noia Harp Fest colaborou na organización do concerto inaugural do auditorio das Cabaniñas do Bosque de Albeida, en Outes.
“O festival medra cada edición de xeito orgánico para expandirse pola vila e relacionarse non só co seu patrimonio arquitectónico, senón tamén cos espazos de importante valor natural que conforman a nosa contorna e os axentes do territorio. Ao cabo, Noia Harp Fest é moito máis que un festival de arpa: é un lugar de encontro entre público e artistas, un espazo para a música e para o coñecemento, e un elemento clave para o recoñecemento do patrimonio cultural e natural da Ría da Estrela”, sinala Romaní.
Neste sentido, o director artístico do Noia Harp Fest agradece a colaboración das institucións públicas e patrocinadores que fixeron posible esta edición, “quizais a máis ambiciosa até ao día de hoxe, pero sen dúbida a antesala da gran festa de celebración que será a décima edición do NHF o ano que vén”, e lembra que o festival mantén aberta a convocatoria da primeira edición do Premio Internacional de Composición Portus Apostoli, unha aposta innovadora por ampliar o repertorio das obras para arpa e orquestra. O galardón, que conlevará unha achega económica de 2.000 euros para a composición gañadora, suporá a estrea da obra, interpretada pola Real Filharmonía de Galicia na tempada 2022-2023. O prazo para a presentación de propostas está aberto ao longo deste 2022 a través do web www.noiaharpfest.gal.
O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia conta co patrocinio do Concello de Noia, coa colaboración institucional da Xunta de Galicia a través do Xacobeo 21-22 e da iniciativa concertosdoxacobeo.gal, ademais do soporte de Acción Cultural Española a través do programa PICE. Noia Harp Fest (NHF) conta tamén coa colaboración de Cabaniñas do Bosque e a distribuidora dixital de música Altafonte, ademais do apoio tanto do Liceo de Noia coma da Asociación Terra de Outes.
20220810-GAL-Balance-NHF