Palas de Rei e Larouco acollerán o ‘Proxecto Lugares’, unha iniciativa para transformar o espazo público do Camiño de Santiago, dun xeito sostible, a través da arquitectura da paisaxe, do deseño e da artesanía

A Xunta de Galicia e a Fundación “La Caixa” impulsan este novo programa enmarcado no cumprimento do Pacto Verde Europeo, que se desenvolverá o vindeiro mes de abril nas comarcas de Ulloa e Valdeorras a través dun seminario e dun taller

‘Proxecto Lugares’ propón a integración das comunidades locais á hora de deseñar solucións paisaxísticas e arquitectónicas sostibles, con materiais naturais e de proximidade, que se poderán implantar no territorio

Arquitectas como Izaskun Chinchilla ou María Fandiño, artesás como Verónica Moar ou Inés Rir, e as comunicadoras Anatxu Zabalbeascoa e Ariadna Cantis, entre outras, participarán nos espazos de encontro e debate do proxecto

O Castelo de Pambre, na localidade luguesa de Palas de Rei, acolleu esta mañá a presentación do Proxecto Lugares, unha nova iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia, e pola Fundación “La Caixa” coa intención de poñer en valor e transformar, dun xeito sostible, o espazo público dun dos itinerarios máis transitados no mundo: o Camiño de Santiago. O proxecto, enmarcado no cumprimento do Pacto Verde Europeo tanto polo seu debate central como polas súas solucións paisaxísticas e arquitectónicas para o territorio, e que terá presente tanto á veciñanza dos lugares coma ás persoas peregrinas, levarase a cabo nas comarcas de Ulloa e Valdeorras esta primavera. 

A presentación desta mañá contou coa participación da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; do alcalde de Palas de Rei, Pablo José Taboada Camoira; da responsable territorial da Fundación “La Caixa”, Susan Santos; e da comisaria do Proxecto Lugares, Natalia Balseiro. No acto déronse a coñecer os principais eixes de traballo da iniciativa así como a programación pública de eventos. É o caso do seminario que reunirá no Castelo de Pambre os días 18 e 19 de abril a figuras recoñecidas de ámbito galego e estatal, como as arquitectas Ana Amado, Izaskun Chinchilla, Maé Durant, María Fandiño -Premio Nacional 2022-, Carlos Pita ou Carlos Seoane, entre outras; as artesás Verónica Moar, Julia de la Cal, Inés Rir e Santiago Besteiro; as deseñadoras Amalia Puga e Uqui Permui ou as comunicadoras Anatxu Zabalbeascoa e Ariadna Cantis. Tamén participarán persoas expertas vinculadas ao mundo da paisaxe, como Amparo Maroño, Paola Sangalli e Pedro Calaza, ou investigadoras do espazo rural, coma a artista Estella Julian, ou o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade

Unha vez finalicen estas xornadas, a localidade ourensá de Larouco acollerá do 20 ao 22 de abril un taller aberto entre as comunidades locais e un grupo de participantes no seminario para imaxinar e desenvolver a maqueta ou prototipo dunha posible intervención no espazo público. Durante estes días realizaranse visitas e paseos polo territorio para identificar os lugares sobre os que as e os asistentes traballarán de forma colaborativa.

Unha mirada transdisciplinar sobre o Camiño de Santiago

O Proxecto Lugares é unha iniciativa de pensamento contemporáneo, aprendizaxe e intervención na paisaxe desde unha mirada transdisciplinar que agroma no contexto do Camiño de Santiago, coa intención de perdurar até o vindeiro Ano Santo 2027. O programa está conformado por catro procesos de traballo, dos cales o primeiro deles é a mediación, que se están a desenvolver desde o mes de febreiro tanto en Palas de Rei coma en Valdeorras, a través de conversas ou entrevistas, coa intención de identificar, desde a proximidade, lugares, materiais e valores no territorio do Camiño. 

O segundo dos procesos é a celebración dun seminario ou xornadas públicas de debate que terán lugar os días 18 e 19 de abril no Castelo de Pambre, en Palas de Rei, xunto ao Camiño Primitivo. Neste espazo de encontro, numerosas profesionais vinculadas á arquitectura da paisaxe, comunicación, deseño, artesanía e pensamento porán sobre a mesa experiencias de intervencións sostibles; abordarán cuestións como a hospitalidade ou o deseño de lugares contemporáneos no Camiño; as posibilidades de transformación do territorio a través da ruta xacobea, así como o coidado e a beleza na mesma; exemplos de boas prácticas de arquitectura, do paisaxismo, do deseño ou da artesanía; ou como pensar a paisaxe desde unha perspectiva sostible e contemporánea, entre outros aspectos. 

De seguido, os días 20, 21 e 22 de abril, o Proxecto Lugares trasladará a súa acción a un obradoiro que se desenvolverá nas covas de Seadur, na localidade ourensá de Laurouco, moi próxima ao Camiño de Inverno. Será un taller de tres días, aberto á comunidade e axentes locais, no que se tentará transmitir técnicas e coñecementos da arquitectura, do paisaxismo, do deseño ou da artesanía, á vez que se imaxina e deseña, de forma colaborativa -tendo presentes as conclusións do seminario-, unha maqueta ou prototipo dunha posible peza ou intervención no espazo público. 

Finalmente, todas as conclusións, fotografías e vídeos do traballo feito ao longo destes meses no marco do Proxecto Lugares, así como textos das persoas profesionais convidadas -ou mesmo a recompilación de testemuñas durante o seminario-, estarán dispoñibles nunha publicación crossmedia que se presentará despois do verán

dossier_proxecto-lugares

Dossier PROXECTO LUGARES

Para máis información sobre o Proxecto Lugares pódese visitar o espazo web da iniciativa ou os seus perfís nas redes sociais Instagram e Linkedin. Na propia web do proxecto están dispoñibles os formularios de inscrición tanto para asistir ao seminario como ao taller de Seadur, cun número de prazas moi limitado das núas opcións, polo que se recomenda formalizar a praza coa maior antelación posible para garantir a asistencia. Mentres que no caso do seminario a inscrición se realizará por rigorosa orde de solicitude, no caso do taller -que se abre tamén a estudantes ou profesionais do ámbito do deseño, da arquitectura, do paixase ou da artesanía- o prazo estará aberto até o mércores 5 de abril.

Natalia Balseiro sobre PROXECTO LUGARES

20230322-NP-Presentacion-Proxecto-Lugares

Nota de Prensa PROXECTO LUGARES