Luneda Producións e Tremendo Audiovisual unen forzas nesta nova sociedade, que acolle un ecléctico catálogo que dá voz a algúns dos proxectos máis singulares da escena trad, rock, pop, gipsy jazz ou electrónica do país

Ataque Escampe, Berto, Caldo, David Regueiro, Familia Caamagno, Fillas de Cassandra, Moura ou Ruxe Ruxe son algunhas das bandas coas que traballan as promotoras

O sector da industria musical en Galicia conta cunha nova cooperativa cultural que nace para expandir os sons e ritmos galegos polo mundo adiante. As promotoras  de management, booking, produción e programación Luneda Producións e Tremendo Audiovisual unen as súas forzas para dar vida, xuntas, a Nave de Lata, unha sociedade que agroma como especializada na representación de artistas da escena galega, así como no acompañamento da súa carreira profesional.

Estilos coma o trad, rock, pop, electrónica ou gipsy jazz conflúen nesta cooperativa. Ao abeiro da unión entre as promotoras de Aitana Cuétara e Rubén Otero (Luneda Producións) e Manuel Tarrío (Tremendo Audiovisual), Nave de Lata acompañará a traxectoria de artistas e bandas cun fondo compromiso coa cultura galega. É o caso de Ataque Escampe, Berto, Caldo, David Regueiro, Familia Caamagno, Fillas de Cassandra, Moura ou Ruxe Ruxe, entre outras. 

“Somos dúas axencias ben coñecidas no panorama cultural de Galicia, especializadas na música tradicional, folk, do mundo ou jazz, como é o caso de Luneda; ou que atende ao pop, rock e electrónica, como é co caso de Tremendo”, apunta Manuel Tarrío, quen sinala que Nave de Lata “tamén producirá eventos relacionados coa difusión e promoción da música e da cultura galega”. Neste sentido, a cooperativa manterá a súa aposta por outras iniciativas impulsadas polo equipo. É o caso dos festivais Jazz de Ría e Psicotroita, das xornadas sobre patrimonio sonoro O que non se escribe, do desenvolvemento de espazos de creación e asesorías artísticas así como da produción doutros eventos. 

“Desde fóra pode semellar que Luneda e Tremendo son moi diferentes a nivel estético e case conceptual, mais nós entendémolas como dúas caras da mesma moeda, dous xeitos complementarios de ver e entender a música, a industria, a lingua… a cultura en xeral e, en fin, case a vida”, afirma Aitana Cuétara, responsable de Luneda Producións, quen asevera, citando un dos últimos temas de Familia Caamagno, que “xuntas somos máis fortes”. 

Para máis información sobre a nova cooperativa cultural Nave de Lata e as promotoras Luneda Producións e Tremendo Audiovisual, pódese consultar o espazo web www.navedelata.gal

20230208-NP-Nave-de-Lata