No decurso dunha entrevista radiofónica, bastante ridícula, por certo, e non por culpa do entrevistador, senón por causa dos despropósitos no discurso do entrevistado, este último louvou a súa personalidade, cargada de sabio criterio e firmeza nos seus principios, xa que, segundo o seu “sabio criterio” (estou en modo retranca), unha personalidade voluble e sen consistencia é propia de monicreques, ou, máis ben, de quen manexan ditas marionetas. Esta desconsideración lingüística por parte dun ‘señor’ (sigo en modo retranca) refereríndose ao respectábel oficio de persoa que manexa os monicreques vén sendo algo habitual nalgunha tendencia de pensamento anticultural e retrógrado. Mais, ¿como valorar as manifestacións esperpénticas e moi desafortunadas por parte dun individuo ferido no seu nobre espírito ‘infalíbel’ (non dou abandonado o modo retranca) contra uns seres que desenvolven unha tarefa de entretemento social, e case de balde, cando hai algún tempo uns elementos espelidos do sistema xudicial foron quen de xulgar a unhas persoas que escenificaban publicamente un espectáculo con monicreques, precisamente para divertir?  Ao final un chega á conclusión de que o problema non está en quen manipula os monicreques, senón en que controla a estulticia cultural, que practican algúns (demasiados), cando lle dá por arrebolarse contra a expresión cultural que busca ser crítica e comunicativa (e agora xa non estou falando en modo retranca).