Como historiadora e investigadora do megalitismo. Nacida na Terra Chá, en Cospeito. Sendo un deber para min o que expoño a continuación.
O día 23 deste mes de setembro, arrasaron “unha das maiores concentracións tumularias do Neolítico en Galicia. Son dúas Mámoas da necrópole megalítica de A Millarada, no lugar de Penalba entre as parroquias de San Martiño de Pino e Santa María de Cospeito.
Este monumento funerario é o máis importante non só do conxunto Millarada, senón do Concello de Cospeito. O túmulo presenta agora mesmo fondos sucos, ao ter sido arrasado por maquinaria pesada de traballos forestais. Aínda estando protexidos pola Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, a impunidade dos continuos e citados traballos forestais provoca danos e graves agresións ás concentracións tumularios de Galicia.
Pretendo sinalar os eixes dun plan de conservación dos monumentos megalíticos, pasando por unha ampla información previa e asemade a adopción de medidas urxentes, preventivas e de difusión.
A preservación destes monumentos facilitaría a súa comprensión, das sociedades que os erixiron e nos que se atesoura unha gran cantidade de coñecemento.
Dende aquí quero deixar constancia, asociando o potencial científico, que amplía o seu valor patrimonial, facendo máis dolorosa a súa destrución á mans duns poucos e á indiferenza de todos.
Hai tempo que se levan notificando ás autoridades autonómicas a destrución e as alteracións graves do noso patrimonio. Estas deberían desenvolver medidas activas de protección. Vemos a cotío a dilatada distancia entre o incremento e o interese social, e a nula resposta administrativa e local (paradigma da ineptitude), onde o vandalismo unido ao insuficiente grao de aprecio de cara ao noso Patrimonio, é de falta de control administrativo e invisíbel.
Debo recoñecer que en Galicia, e para os servizos de arqueoloxía, os orzamentos son insuficientes.
Daquela, demandaría xestións ás institucións (provinciais, locais, veciñais), un deseño e execución dun organismo asesor, e coordinación con outros organismos, debendo ser unha prioridade ante a endogamia actual en todas as esferas da sociedade, que descentraliza responsabilidades. OXALÁ HAXA UN EQUILIBRIO!
E para rematar fago o meu chamamento ao Concello de Cospeito, que estando ligado a época prehistórica, onde Veria e Valverde tiveron asentamentos poboados, palafitas e cidades lacustres, e no seu conxunto salientar a Torre Caldaloba.
Calquera política de xestión patrimonial, aséntase nun coñecemento preciso dos bens que debe administrar, entre estes deberes o Patrimonio histórico, arqueolóxico e megalítico.
Ana Mar Fraga Rábade
Lúcido e moi interesante artigo que trata un tema moi sensibel. Ningún pobo que se precie, e por ende as súas administracións e gobernos, debe deixar campo libre ó abandono que conleva perda e destrucción das súas raíces. O Patrimonio herdado dos antergos, en todas as súas manifestacións, debe e tén que ser protexido, estudado e divulgado porque el nos conforma e define como pobo e o coñecemento, respecto e amor polo pasado que o Patrimonio representa é fundamental para encarar con claridade e eficacia a visión do futuro. Só somos custodios do que nos rodea e como tal temos a obriga, atrévome a dicir que sagrada, de transmitilo ás xeracións futuras…