La capital del pecado 2.0, Mentes peligrosas, Esto no es un show, La ruina, Humoris Causa Fantastic Colofon penduraron o cartel de ‘entradas esgotadas’ hai semanas; ao igual que as actividades Lo que me han enseñado los mayores El sentido de la birra, citas para as que non quedan convites dispoñibles

Aínda é posible adquirir os últimos billetes para os espectáculos Celebreixon, Go Home, Tengo cosas para hacer La nueva normalidad

EMHU colaborará coa Obra Social ABANCA na campaña Cultura por Alimentos, convidando ao público asistente ás actividades paralelas gratuítas que teñan lugar na Sede Afundación a que faga as súas achegas con produtos non perecedoiros que distribuirán, posteriormente, desde o Banco de Alimentos Rías Altas

A dez días do inicio da súa cuarta edición, o Encontro Mundial de Humorismo segue a bater récords. O EMHU leva despachadas máis de 20.000 entradas e convites para os seus espectáculos e actividades, que terán lugar entre o 25 de abril e o 5 de maio na Coruña. Numerosos shows xa penduraron hai semanas o cartel de ‘sold out’. É o caso de La capital del pecado 2.0 e Fantastic Colofon, ademais das propostas que contarán con dobre función, como son Mentes peligrosas, Esto no es un show, La ruina e Humoris Causa. Alén dos espectáculos, as actividades gratuítas que requiren retirada de convite previo, como é Lo que me han enseñado los mayores ou El sentido de la birra, tamén despertaron interese entre o público, que esgotou todas as invitacións dispoñibles. 

Porén, todas as persoas que aínda non teñan abono ou entradas para o EMHU, teñen opción de mercar algunhas das últimas entradas dispoñibles para propostas como Celebreixon (con Roberto Vilar, 28 de abril), Go Home (con David Amor e Josito Porto, 1 de maio), Tengo cosas para hacer (con Dalia Gutmann, 3 de maio) ou La nueva normalidad (con Álex Clavero, 3 de maio). 

Alén destes espectáculos, o EMHU conta cunha ampla programación de actividades paralelas gratuítas, de xeito que todos os públicos poidan acceder ao grande evento do humor do país. É o caso da gravación do podcast El Nicho (con David Perdomo e Xosé A. Touriñán), do espectáculo de improvisación Match de Impro (co alumnado da Escuela de Impro Coruña), dos parladoiros Coidado coas bromas: os perigos da comedia e O negocio do humor, que terán lugar na Sede de Afundación; ou da presentación do libro Pérdidas de risa, no que Sílvia Abril conversará co público nun diálogo moderado polo director artístico do EMHU, Luis Piedrahita.

O EMHU colabora con Cultura por Alimentos

O Encontro Mundial de Humorismo colabora na súa cuarta edición co programa Cultura por Alimentos, impulsado por Afundación, Obra social ABANCA. A intención desta campaña é que o público que asista ás actividades paralelas gratuítas do EMHU que teñan lugar na Sede de Afundació  poida participar desta acción solidaria facendo unha doazón de alimentos non perecedoiros. 

A campaña Cultura por Alimentos consiste en cambiar simbolicamente a entrada -de balde- pola doazón de produtos que, grazas á colaboración coa Federación Española de Bancos de Alimentos, Afundación entregará á entidade local Banco de Alimentos Rías Altas para a súa posterior distribución. Desde o Encontro Mundial de Humorismo convídase a todas as persoas asistentes ás actividades da programación paralela a que fagan a súa achega (troquen o seu acceso libre e gratuíto por unha doazón de alimentos non perecedoiros) e así poder construír un EMHU diferente. 

20240415-GAL-20000-personas-no-EMHU-2024

Programa_EMHU2024_baixa