O cantareiro e bailador actuará o mércores 29 de novembro no auditorio Gustavo Freire de Lugo, no que se acompañará tanto dunha ampla banda coma de Laura Burgué, Branca Villares, David Vilares, Xabi Iglesias e as pandeireteiras de Cántigas e Frores
O escenario do Teatro Afundación de Vigo será o derradeiro que Feijoó visite nesta xira, e ao que tamén subirán, como colaboradoras, Natalie Haas, Andrea Pousa, Fran Sieira, Luis Lavado, María e Luís Prego, María Vidal e as pandeireteiras de O Fiadeiro
O cantareiro, instrumentista e bailador Xisco Feijoó despedirase esta semana da xira de presentación de Peixe, o seu primeiro proxecto en solitario. Os dous derradeiros concertos terán lugar eno 29 de novembro en Lugo e p 1 de decembro en Vigo, e nestes directoso artista acompañarase tanto dunha ampla banda de oito músicas como de numerosas creadoras e amizades sobre o escenario, entre as que se atopan Fran Sieira, David Vilares, Andrea Pousa, Laura Burgué, as pandeireteiras de O Fiadeiro e de Cántigas e Frores, ou mesmo a chelista estadounidense Natalie Haas.
Cada concerto, ateigado de música, danza e arte, será único e irrepetible. Será a celebración da vida dun proxecto que, a partir do vindeiro ano, se transformará noutra proposta, con novas cores e sonoridades. Previamente, e para por o punto e final, Xisco Feijoó actuará como arrancou o proxecto: acompañado dunha imponente banda de grandes músicas do país. Miryam González, Pipo Alvariño, Galen Fraser, María San Miguel, José Manuel Díaz, Marilú Campos, Antón Pombar e Sandra Costa compartirán escenario con Feijoó nestas actuacións, que contan co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).
A primeira das citas chegará este mércores, 29 de novembro. Será no Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo. A partir das 20.30 horas, Xisco Feijoó despregará todo o seu talento da man tanto da súa banda coma da de Laura Burgué (gaita), Branca Villares (voz e percusión), David Vilares (voz), Xabi Iglesias (baile) e das pandeireteiras de Cántigas e Frores. As entradas para esta actuación están dispoñibles en www.enterticket.es
A derradeira volta para despedir Peixe será na súa cidade, Vigo. O venres 1 de decembro, o Teatro Afundación (García Barbón) será o escenario que acolla o derradeiro directo da xira, a partir das 20.30 horas. Será un festivo e alegre “enterro” do Peixe, unha singular metamorfose na que Xisco sairá ao escenario con artistas como Natalie Haas (cello), Andrea Pousa (voz), Fran Sieira (baile), Luis Lavado (voz), María e Luís Prego (baile), María Vidal (voz e percusión) e das pandeireteiras de O Fiadeiro. As entradas xa están á venda no espazo web www.ataquilla.com
Xisco Feijoó e a xira de Peixe
Xisco Feijoó é, sen dúbida, unha das figuras clave na recuperación de música tradicional galega durante as décadas do 80, 90 e primeiros 2000. Logo dun incesante traballo de recuperación etnográfica, así como de colaborar con ducias de artistas de proxección internacional, como Mercedes Peón, Xosé Manuel Budiño, Carlos Núñez, Kepa Junquera, Berrogüetto ou Rodrigo Romaní, en xullo de 2021 lanzou Peixe, o seu primeiro proxecto en solitario. Desde entón ofreceu case medio cento de actuacións en diferentes localidades de Galicia, ademais doutros municipios da península, como Madrid, Bilbao, Valencia, Segovia e Plasencia; ou mesmo de Europa, na que temas como Animal soaron en Xenebra, Munich, Hamburgo, Frankfurt e Varsovia.
Durante o desenvolvemento da xira Peixe, Feijoó compaxinou as distintas actuacións co seu labor como mestre da ETRAD, coordinador da sección de canto da orquestra folk SonDeSeu e como director xeral do espectáculo Unha xeración, dous mundos, que se estreou no Grand Liceu de Barcelona en decembro de 2022; ademais de ser un dos autores, xunto con C. Tangana, do himno Oliveira dos Cen Anos.
Agora, Xisco Feijoó regresa a dúas das cidades galegas que acolleron a presentación de Peixe. Volve para despedir, dun xeito único, un proxecto que marcou todo un fito na súa carreira artística: logo de máis de trinta anos de investigación e recuperación etnográfica, nos que recolleu e deu vida a numerosas melodías e ritmos tradicionais, e de colaboracións en numerosos proxectos do país; o artista publicou un traballo discográfico no que ofreceu unha novidosa mirada contemporánea sobre a música tradicional. Dous anos despois, o creador dá a despedida “a un ilusionante proxecto que naceu no cerne da pandemia e que agora tomará novas formas, como parte desa metamorfose que todas e todos os artistas experimentamos grazas ás experiencias vividas”.
20231126-NP-Despedida-Peixe-Xisco-Feijoo