O pasado 21 de Xullo celebramos en terras de Chantada o “I Encontro da Irmandade poética galega”. Reunímonos ao redor de cincuenta persoas. En primeiro lugar os organizadores (Anxo Boán Rodríguez e José Carlos Ulloa García) demos a benvida e falamos do que pretendemos coa creación desta Irmandade e cos Encontros, que imos celebrar, cando menos, anualmente. A continuación houbo un recital poético. Vinte poetxs, de distintas partes de Galicia, recitaron poemas da súa autoría, relacionados coa Ribeira Sacra e o viño (temasdo Encontro). Estivemos acompañados polos Irmáns Melaque, que tocaron varias pezas durante o acto, rematándoo co Himno galego. Ao finalizar o recital entregóuselles un diploma de participación a cada un dxspoetxs, a modo de recordo.
A continuación celebramos un xantar de fraternidade no Restaurante “A Sardiñeira” do Saviñao, regada polo viño da Ribeira (Nogueira) de Boán, co que nos agasallou. As botellas, como non podía ser doutro xeito,estaban etiquetadas con sonetos do avogado, escritor e poeta, Anxo Boán Rodríguez. A alegría, a amizade, e o feito de atoparse persoas coas mesmas inquedanzas foi o denominador común deste xantar.
Logo fomos á Igrexa de Santa María de Nogueira, (a Capela Sixtina galega), a desfrutar da súa beleza. Fixo de Cicerone, o tamén escritor, Xosé Lois García, que non só nos falou dos frescos da Igrexa, senón tamén da pegada do Románico na nosa Ribeira Sacra. Rematou o Encontro na adega “Terras de Bendaña”, onde compartimos unha merenda. O dono da adega, Ramón Rodríguez Porto, tamén poeta, agasallounos cunha degustación dos seus caldos á sombra das nogueiras. De aí, ao redor das novedo serán, empezamos a partir aos nosos lugares de orixe, pensando xa no vindeiro Encontro da Irmandade.
Velaí o enlace a que amosa a crónica videográfica deste I ENCONTRO DA IRMANDADE POÉTICA GALEGA.
José Carlos Ulloa García