Xa está aquí unha nova edición das Foliadas de Outono de Castiñeiro Milenario.

Comezaremos a xornada foliadeira cun tempo adicado á aprendizaxe da música tradicional. Nesta ocasión propoñemos un obradoiro de bombo que impartirá Miguel Anxo López “Chino”, recoñecido percusionista na escena da música tradicional. O obradoiro empezará ás 19:30 e terá unha duración aproximada de 90 minutos. Para @s asociad@s de Castiñeiro Milenario será de balde e un custe de 10€ para os non asociad@s. É preciso apuntarse se queres asistir e podes facelo enviando un correo a castineiromilenario@hotmail.com ou chamando ao 616705174.

Despois do tempo de formación, comezará a foliada propiamente dita a partir das 21:30, aproximadamente. Nesta ocasión estamos especialmente orgullosos da presenza dos dous primeiros grupos: Os Miñocas e os Airiños da Terra Chá, pois moitos dos seus integrantes teñen unha estreita relación coa nosa asociación. Así que abrirán a foliada, dirixidos polo gran Brais Monxardín, os nenos e nenas do grupo de música tradicional da escola de Rábade, Begonte e Outeiro de Rei, que viñeron a chamarse Os Miñocas e despois collerán o testemuño o grupo de veteran@s da mesma escola, Os Airiños da Terra Chá; para rematar por todo o alto, os marabillosos cantareiros de Trevellos que porán peche á foliada oficial. Ao remate da súa intervención, comezará a foliada aberta.

Como sempre, agradecer aos grupos que participan na foliada a súa presenza, a Miguel Anxo polas facilidades postas para desenvolver o obradoiro, a Brais Monxardín polo seu empeño para que a escola de Rábade, Begonte e Outeiro de Rei estivera nesta foliada e, por último, á Asociación Veciñal do Castro por deixarnos empregar ás súas instalacións da Casa do Pobo.

 

Toda a info en https://castinheiromilenario.wordpress.com/2018/11/21/foliada-de-outono-2018/

Adxuntamos o cartaz da foliada.

 

 

AC Castiñeiro Milenario
Pacios, 85 27373 Begonte
http://castinheiromilenario.wordpress.com
https://gl-es.facebook.com/castineiro.milenario
https://twitter.com/CastinheiroMile
https://www.flickr.com/photos/castinheiromilenario/
http://festival27373.wordpress.com/