Os narradores Avelino González e Pep Bruno xa peregrinan con ‘Contos no camiño’
· Pep Bruno está a realizar o camiño francés a pé e ten funcións programadas en Sarria, Palas de Rei e Melide
· Pola súa banda, Avelino González comezará mañá, 6 de xullo, o camiño portugués en bicicleta e ten previstos espectáculos na Guarda, Soutomaior e Cuntis
· Logo de rematar o camiño, ambos os dous artistas contarán xuntos na Colexiata de Sar o sábado 10 de xullo
O Festival Atlántica achégase ao ecuador da súa programación co inicio dunha actividade concibida ex profeso para este ano xacobeo: ‘Contos no camiño’. Nesta iniciativa dous narradores, Avelino González e Pep Bruno, van realizar o camiño de Santiago seguindo o itinerario portugués e francés, respectivamente. Ao longo das súas andainas, ambos os dous realizarán funcións de contos programadas e espontáneas e tamén compartirán as súas experiencias a través das súas redes sociais co cancelo #contosnocamiño
No tocante a Pep Bruno, o narrador comezou a súa peregrinaxe o pasado sábado 4 de xullo coa realización da etapa entre O Cebreiro e Triacastela e xa tivo a súa primeira contada en Sarria o domingo. As vindeiras funcións programadas serán en Palas de Rei e mais Melide os días 6 e 8 de xullo, respectivamente. Bruno, moi activo nas redes sociais, está a compartir abundante material e é posible seguilo en Facebook (@pep.bruno), Twitter (@pep_bruno) e Instagram (@pepbruno).
Pola súa banda, Avelino González comeza mañá, martes 6 de xullo, o camiño portugués, que ten previsto percorrer en bicicleta. A súa primeira función será ese mesmo día no peirao alto da Guarda, onde estará a ‘botar’ contos desde a embarcación ‘Piueiro’. Os seguintes espectáculos serán o xoves 8 en Arcade, Soutomaior, na antiga fábrica de carburos Laforet, e no Castro de Castrolandín, Cuntis, o venres 9 de xullo. Alén de publicar as súas reflexións nos seus perfís sociais (Twitter @avelinogonzalez e Instagram @xavelino), o narrador galego prevé facer transmisións diarias de contos polo seu Twitch dende lugares senlleiros ás 12 e ás 18 horas (https://m.twitch.tv/xavelino).
Fin do camiño na Colexiata do Sar
Ao chegaren a Santiago, ambos os dous artistas participarán nun espectáculo conxunto na Colexiata do Sar, o sábado 10 de xullo a partir das 21 horas. Baixo o título de ‘Historias de andantes’ desenvolverase unha función que ha de servir de peche a esta singular peregrinación de contos, e nela Pep Bruno e Avelino González compartirán co público as súas aventuras ao longo do camiño. A entrada é gratuíta pero para asistir cómpre reservar a entrada nesta web.
Sobre os peregrinos
Pep Bruno, barcelonés afincado en Guadalaxara, é licenciado en Filoloxía Hispánica, Teoría da Literatura Comparada e diplomado en Traballo Social. Comezou a contar contos en 1994 e desde aquela xa percorreu numerosos festivais de todo o mundo compartindo historias para nenos e adultos. Compaxina a súa actividade como narrador coa súa faceta de blogueiro e coa impartición de cursos, conferencias e obradoiros literarios e de creación. Tamén organiza actividades de animación á lectura, escribe artigos de reflexión en revistas especializadas e colabora decote cos medios de comunicación. No ano 2010, coa obra ‘La familia C’, ganou o III Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado outorgado pola Editorial Kalandraka en colaboración co Concello de Santiago. Os seus libros están traducidos a máis de dez linguas.
Avelino González é actor, contador, tradutor e director. Traballou en teatro, televisión, cine e bares, en compañías como Ollomoltranvía, en espectáculos como ‘Commedia’, en películas como ‘Heroína’ ou ‘Gallego’, en series de televisión como ‘Padre Casares’, ‘Cuéntame’, ‘Hopital Central’… e o seu labor teatral foi recoñecido con varios Premios María Casares.
Cos contos xa andou por toda a península, percorreu Europa (Polonia, Alemaña, Suíza…) e saltou o Atlántico (Cuba). Fixo dous espectáculos de contos para teatros. Un deles, ‘Vento mareiro’, foi o espectáculo máis representado en Galicia no 2005 e recibiu o Premio María Casares á Mellor Música Orixinal.
Avelino González pódese atopar en teatros ou bares, na gran pantalla e na pequena (a da tele, e tamén a do ordenador). Pode parecer moita cousa e moi distinta pero en realidade é a mesma cousa: contar historias de seu ou axudar a contar as doutros en distintos formatos.
Ecuador de Atlántica
As actividades de Atlántica continuarán ata o vindeiro 11 de xullo e vanse desenvolver en lugares como Friol, Teo, Ourense, Ribeira, Sabucedo, Sanxenxo, Dodro, Folgoso do Courel, Mondoñedo, Outeiro de Rei, Outes, Alfoz e Santiago de Compostela. O programa completo do festival e mais a información sobre os artistas, espectáculos e a reserva de entradas pódese consultar na web do festival. Por mor das cambiantes restricións sanitarias, cómpre consultar a web para coñecer a información máis actualizada sobre reservas e accesos aos espectáculos.