ESTRELA non FUGAZ
Non pretendían agarrar coas mans a lúa,
aínda que a luz de guía fora precisa
nesa noite que tinguía ao sol do día.
Só querían unha estrela, unha e núa,
para deixar prendida na bandeira.
Mais os sátrapas estaban á espreita
agardando a caída da escada,
ávidos da sangue temperada
dos castellers afeitos ás alturas.
Mans que termaban de corpos,
ombreiros que arrimaban palabras,
olladas que abrazaban as forzas máis humanas,
mentres as hordas de Sauron
esnaquizaban a dignidade e a cordura
na xornada en que todo remataba
con bágoas de ledicia e sorrisos de mágoa.
Hoxe a estrela continúa ondeando
sobre un ceo azul de triángulo equilátero;
hoxe apreixan orgullosos ese mastro
portador da esperanza na República.