A peza abrirá a 40 edición da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia a noite do venres, 19 de xullo, no Auditorio ‘Rubén García’ do Castelo

Dique conta a épica historia das 200 mulleres que hai 150 anos escavaron o Dique da Campá de Ferrol, a obra de enxeñería hidráulica máis importante do século XIX, transportando 245.000 metros cúbicos de terra e pedras en 11.600.000 cestos sobre as súas cabezas

Trátase dun espectáculo coproducido por Nova Galega de Danza e a Xunta de Galicia, a través do Centro Coreográfico Galego, co patrocinio de Vegalsa e a MIT, que conta cun equipo artístico e técnico composto integramente por mulleres, coa coreografía de Belén Martí Lluch e a música de Clara Aguilar

Dique’, a nova produción de Nova Galega de Danza con dirección escénica de Marta Pazos,  será o espectáculo inaugural da MIT 2024. A peza abrirá a 40 edición da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia a noite do venres, 19 de xullo, no Auditorio ‘Rubén García’ do Castelo. Dique nace co desexo do director artístico de NGD, Jaime Pablo Díaz, de recuperar unha historia esquecida: a épica xesta das 200 mulleres que hai 150 anos escavaron o Dique da Campá de Ferrol, a obra de enxeñería hidráulica máis importante do século XIX,transportando 245.000 metros cúbicos de terra e pedras en 11.600.000 cestos sobre as súas cabezas. Dique, que conta cun equipo artístico e técnico composto integramente por mulleres, coa coreografía de Belén Martí Lluch e a música de Clara Aguilar, é un espectáculo coproducido por Nova Galega de Danza e a Xunta de Galicia, a través do Centro Coreográfico Galego, co patrocinio de Vegalsa e a MIT.

Dique pon en diálogo a danza contemporánea e a danza tradicional galega nunha conversa que reflicte a conexión entre o pasado e o presente. Nace do desexo de recuperar unha historia esquecida: o labor das mulleres na construción do Dique da Campá de Ferrol. Na súa execución, entre 1874 e 1879, 200 mulleres, as estibadoras, retiraron 245.000 metros cúbicos de terra e pedras que transportaron en 11.600.000 cestos sobre as súas cabezas -58.000 cada unha delas-. E, polo mesmo traballo, cobraban menos ca os homes.

No 150 aniversario do inicio da súa construción, a obra de enxeñería hidráulica máis importante do século XIX, Nova Galega de Danza convidou a directora de escena Marta Pazos a realizar a súa homenaxe a aquela xesta. Un xogo de cores, texturas e contrastes sobe á escena para ofrecer un desafío visual único. A peza explora os límites da forza mentres o telúrico se apodera da escena. En Dique hai resistencia e esforzo, pero afloran, tamén, a delicadeza e o lixeiro. 

Tradición e modernidade. Forza e resiliencia. Sindicalismo e empoderamento. Solidariedade e comunidade. Celebración e renacemento. Toda unha chea de emocións e sentimentos conflúen en Dique para narrar a historia daquelas estibadoras ou “cargadoras” silenciadas e crear un espazo de reflexión que, nun acto de xustiza poética, está artellado polo labor dun equipo composto integramente por mulleres nos eidos artístico e técnico.

SOBRE O EQUIPO

Directora artística, directora de escena de teatro e ópera, escenógrafa, dramaturga e artista visual, Marta Pazos é unha das creadoras máis influentes da vangarda escénica española actual. A súa obra destaca pola súa dimensión plástica e a súa emancipación estética. Nas súas montaxes, a cor aparece de maneira radical para impactar na retina do público e transformar a súa percepción. Con Dique a artista estrea a súa agardada primeira colaboración coa compañía Nova Galega de Danza, considerada como unha das formacións máis singulares e innovadoras da nosa escena.

Nova Galega de Danza fusiona en vivo danza e música de raíz galega. Bebe da tradición e da vangarda cunha vocación universal, abrindo unha liña de traballo única ao redor da danza en Galicia. Unha liña que é quen de se aproximar á tradición desde unha ollada contemporánea que lle permite transcender a vivencia tradicional do folclore e darlle un novo sentir. Nos seus xa máis de 20 anos de traxectoria, baixo a dirección de Jaime Pablo Díaz, produciu oito espectáculos: Dique (2024), Berro (2023), Credo (2022), Leira (2020), Son (2016), Dez (2013), Tradición (2008), Engado (2006) e Alento (2003). En Dique o elenco está composto por oito bailarinas: Nuria Alaña, Carmen Cebrián, Alba Cotelo, Estefanía Gómez, Alicia López, Laura Santamariña, María de Vicente e Inés Vieites.

A carón de Marta Pazos, artífice da dirección de escena e da dramaturxia da peza, destaca, tamén, a figura da coreógrafa Belén Martí Lluch, unha das novas voces que pisan forte na escena actual española. Coreógrafa, entre moitos outros proxectos, da celebrada serie La Mesías, Martí Lluch é unha das fundadoras de Mucha Muchacha, colectivo que investiga o folclore para cuestionalo e facelo contemporáneo e que se interroga asemade con perspectiva de xénero sobre a memoria e o corpo. 

A canda elas traballa, tamén, a compositora Clara Aguilar, considerada unha das figuras máis destacadas da escena musical contemporánea catalá. Habitual do Sónar ou do Primavera Sound, este 2024 foi candidata ao Goya pola banda sonora de Creatura e mais foi galardoada con cadanseu Premio Gaudí no 2023 e no 2024 pola mellor banda sonora.

Dique é unha coprodución de Nova Galega de Danza e Xunta de Galicia, a través do Centro Coreográfico Galego, que conta co patrocinio da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT) como espectáculo inaugural do festival no 2024. A peza ten tamén a colaboración do Concello das Pontes para a súa posta en escena na localidade. Nova Galega de Danza é unha compañía que conta con patrocinio de Vegalsa – Eroski.