O venres, 24 de marzo de 2017, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, o Instituto de Estudos Chairegos organiza unha conferencia do bengalí ANIK NANDI que leva por título Estratexias para a transmisión interxeracional do galego no contexto familiar. O acto será presentado por Rebeca Leal Eimil, licenciada en Filoloxía Clásica, e Marisa Barreiro Mejuto, presidenta do Iescha, estando previsto tamén ao final do mesmo un coloquio co conferenciante e un pequeno recital de poemas en galego e bengalí, coa participación de Ainé e Marcos Novo.
Anik Nandi (Burdwan-A India, 1981) é un sociolingüísta de orixe bengalí (a el gústalle que lle chamen “bengalego”), doutor nesa especialidade pola Heriot-Watt University de Edimburgo. Foi licenciado en Filoloxía Inglesa pola Universidade de Burdwan (A India) e estudou Diploma de Estudos Avanzados ma Unversidade de Santiago de Compostela coa especialización de Filoloxía Galega. É investigador en formación no proxecto da Unión Europea New Speakers in a Multilingual Europe sobre os neofalantes de galego. Tamén é investigardor asociado no Equipo de Sociolingüística do Instituto da Lingua Galega (USC) e colaborador na Cátedra UNESCO de Patrimonio Lingüístico Mundial da Universidade do País Vasco. Anik Nandi é especialista nas áreas de política lingüística, sociolingüística india e galega, linguas minoritarias/ameazadas e no ensino de linguas estranxeiras e participa activamente en conferencias nacioanais e internacionais. É tamén autor de diversas publicacións científicas recollidas en revistas prestixiosas. É importante resaltar tamén que o relator ten ampla experiencia en realizar obradoiros sobre linguas e culturas da India en diferentes institucións nacionais e internacionais.
Un dos obxectivos que busca Anik con estas charlas é a de ofrecer argumentos para que os galegos e galegas utilicen a lingua propia do país en todos os ámbitos da vida.
Nandi, que fala nun galego moi correcto e fluído, tentará por de manifesto o maltrato que sofren as linguas minorizadas, especialmente o galego, por mor dos prexuízos que seguen presentes na actualidade. Anik pensa que aínda que o goberno quere botarlle a culpa ás familias, non se lles pode responsabilizar completamente. Quen é realmente necesario que teña un papel favorable á lingua é o goberno, comenta. Asi mesmo cre que cómpre un traballo por parte dos pais.
*Información e imaxe facilitadas polo IESCHA