A poesía de Eduardo Pondal chega este sábado, ás 20 hrs, á Casa-Museo Manuel María a través do concerto de Pondaliana que interpretará unha representación da poesía do escritor de Ponteceso, con temáticas vivas e actuais como o amor, a paisaxe, a emigración, o compromiso cívico, a reivindicación lingüística…
A música de Xoán Padín (guitarra e voz), Lidia Piñeiro (pandeiro e voz), Cabe García (guitarra) e Fernando Couce (percusión) profundará no valor do escritor, cunha ampla variedade de estilos e ritmos, que demostra que a poesía dos nosos clásicos está perfectamente inserida na modernidade musical. Entre os poemas que soarán encóntranse “O combate de Dumbría”, “Afiade esas fouces”, “Eu son galeguiña” ou “Carballos de Carballido”.
Pondaliana é un proxecto que se iniciou no ano 2017, centenario da morte de Eduardo Pondal. Daquela, a Sociedade Cultural Medúlio, de Ferrol, tomou como compromiso articular un espectáculo musical, baseado en poemas do grande poeta galego, para evidenciar o valor, a vixencia e a adecuación para a música do variado xénero e estilo da súa poesía.
O traballo editado nun libro-disco, en 2019, pola Asociación Sócio-Pedagóxica Galega e A Mesa e ilustrado por Leandro Lamas, foi resultado da colaboración de máis de unha ducia de músicos coordenados polo profesor Francisco Rodríguez Sánchez e a Sociedade Cultural Medúlio.
O prezo do billete para asistir a este concerto é de 5 euros e pode reservarse en contacto@casamuseomanuelmaria.gal.
*Información facilitada pola Casa-Museo Manuel María.