O próximo sábado, 7 de abril, ás 20 hrs, no auditorio da Casa-Museo Manuel María imos ter a posibilidade de ver e escoitar en directo un interesantísimo proxecto musical que fusiona o jazz coa música oral da tradición galega, AZUL DE BUEU. Este grupo que o ano pasado presentou un traballo homónimo, está integrado por experimentados músicos de recoñecido renome e traxectoria na escena galega do jazz e da música tradicional (Sonsoles Penadique (voz e acordeón diatónico), Xosé Miguélez (saxo), Juansy Santomé (contrabaixo), Wilfried Wilde (guitarra) e Iago Fernández (batería)).

A partir das melodías da tradición vogal galega, AZUL DE BUEU mostraranos a súa proposta interpretándoas con cores harmónicas e tímbricas xenuinamente jazzísticas. Podemos falar dun auténtico jazz galego. Os puntais do proxecto son os ritmos, as melodías, as escalas, as harmonías, a improvisación e a flexibilidade formal. En todos estes aspectos AZUL DE BUEU encontrou fortes e fermosos nexos de unión entre a tradición oral galega, o jazz e outras músicas modernas, desenvolvendo un proxecto de fusión onde se afonda no repertorio máis antigo e tradicional galego para o introducir no universo do jazz e a música moderna, sempre desde o respecto á tradición e o afán anovador. Un concerto para non o perder.
Pode reservarse anticipadamente o billete (5 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou tel. 698177621