COMUNICADO DO IESCHA DE APOIO AO MUSEO DE PREHISTORIA E ARQUEOLOXÍA DE VILALBA


A xunta directiva do IESCHA manifesta a súa preocupación pola situación que está a sufrir dende hai anos o Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba, que presenta un estado lamentable das instalacións debido á falta de mantemento, responsabilidade do Concello, propietario do inmoble.
Para a conservación e o estudo do patrimonio bibliográfico e dos restos arqueolóxicos, expostos ou depositados, debe contar cun orzamento suficiente que lle permita desenvolver as actividades propias de tal institución (conservación, investigación, difusión e outras) e ser un referente importante non só para a cidadanía e para os centros educativos, senón tamén como lugar de interese para as persoas que se achegan a Vilalba facendo o Camiño Norte de Santiago ou en visita turística.
O IESCHA, como entidade cultural difusora do patrimonio material e inmaterial de Galiza e nomeadamente da Terra Chá, considera que o Concello de Vilalba debe amosar sensibilidade e apoiar esta entidade para non deixar esmorecer o único museo da nosa vila, que pode ser ademais un punto de atracción permanente para o turismo cultural.
No Concello de Vilalba, tanto dende o punto de vista histórico canto dende o aproveitamento turístico-cultural, hai xacementos moi importantes, como por exemplo a Pena Grande de Santaballa, que esmorece entre as toxeiras malia ser propiedade municipal dende que a institución municipal solicitara a súa cesión ao estado español para o seu estudo, difusión e posta en valor, o que non fixo dende que é propietario.
As institucións que conservan os restos do noso pasado conservan parte da nosa entidade, que é o que fomos e o que somos.
VILALBA, 3 de outubro de 2020
A Xunta Directiva do IESCHA