A Casa-Museo Manuel María non só ten a encomenda de gardar e mostrar debidamente o importantísimo legado do escritor chairego, mais tamén a de levar a cabo todo tipo de actividades que lle dean continuidade ao incansábel labor de dinamización cultural que o poeta levou a cabo durante toda a súa vida.
É por iso que neste ano 2018 queremos que o Clube de Lectura da Casa-Museo Manuel María inicie a súa actividade.
As persoas interesadas en participaren (ou en teren máis información ao respecto), han de enviar un correo ao enderezo contacto@casamuseomanuelmaria.gal indicando o seu nome e mais un e-mail de contacto.
Terase en conta a orde de inscrición se o número de solicitudes for superior ao de participantes.
No venres 16 de febreiro, ás 19 h, terá lugar unha xuntanza de presentación na Casa-Museo (Outeiro de Rei, ao lado do concello), onde se desenvolverán habitualmente as sesións de comentario das obras. Nesta primeira xuntanza serán concretados algúns aspectos do funcionamento desta proposta lectora.