A Marcos Hermida e Herminio do Grueira; in memoriam.
ALAGADAS as pálpebras do soño perdido,
na transparencia azul que engana a esperanza
un poeta é unha lamia deglutindo o instante parido,
coa vertixe do lóstrego na súa pel
palpando o silencio desgarrado
por miméticos ecos de dor herdada,
un poeta é un fósforo declamando a hora dos ríos
que non volverán ferilo nas pedras irtas da linguaxe
pois cada polgada do seu ollar
irrompe coma unha crisálida
que xamais divisou outonar.
Ser poeta non é coñecerse a un mesmo
senón comprender o que un non é,
un home recatado, mentireiro compulsivo,
cariz de fraude cos vermes na boca,
manido cáncaro en primavera,
cifras e descifras o que non es
porque o estrato remanente da xenética
non é unha física amoral.
Aínda así, após das miñas melismáticas farsas,
chamade ao inferno que traia a incandescencia
das ascuas da furia, pois direivos realmente
o que un poeta é:
terra
terra
terra
terra
terra
terra
un millón duascentas mil veces terra,
terra de oso pulverizado
nutrindo a incerteza noutra carne.
E… AQUÍ ESTAMOS, amigos os poetas,
camiños longuísimos coma versos interminables;
que carallo queredes máis!?
(porque non despuntar a remanencia da miña irregular personalidade?)
que carallo queredes máis que coroar de loanza inmortal
a todos aqueles que nos amaron e nos deixaron?
NON, non bifurcarse nunha galla que estoura no silencio
é ser unha momia encinta de neurose,
emporiso deixádeme dicir con máis xenio que enxeño,
coa voz tersa en ollos azuis renovados,
que a vida é un resoar de morte:
un licor amargo bebido a grolos de inxustiza.
E despois de todo, cando o solpor musita co seu chasco,
sentirse un home que fala sen dicir nada,
ou perdón, aceptade as miñas introspectivas desculpas,
que lle fala á nada sumida no estertor do baleiro,
despois de todo o vivido:
ter no cálamo dos dedos
as persoas que te amaron,
que te seguen amando a pesar
da túa eterna impureza retrospectiva
de pasadas chagas pragada;
TER, na memoria as persoas
que estarabouzan na cicatriz do corazón,
pois sempre estiveron vivas.