Ariadna Gil, Xavier Bobés, Zum-Zum Teatre e Kikolas, protagonistas dunha semana repleta de traxedia, compromiso e despedidas no #FIOT32

A estrea en Galicia de Hay alguien en el bosque, a obra de teatro documento con Ariadna Gil sobre as violacións a milleiros de nenas e mulleres durante a Guerra de Bosnia, acompañarase da proxección gratuíta do filme homónimo mañá mércores 25, ás 20.00 horas, no Pazo da Cultura

O Programa de sala acolle este venres 27 a función de El mar. Visión de unos niños que no lo han visto nunca, de Xavier Bobés e Alberto Conejero, o espectáculo sobre a historia de Antoni Benaiges, mestre fusilado no 1936, e que foi finalista á mellor dirección de escena nos Max 2023

O OTNI despídese do público fioteiro coa presentación do ‘work in progress’ este xoves 26 de Las bailarinas no tocan el cielo: las que bailan, de Clara Pampyn, e coa estrea en Galicia o sábado 28 de outubro de El testamento, de Zum-Zum Teatre, Premio FETÉN 2023 á mellor dirección

Jean Philippe Kikolas regresa a Carballo co seu novo traballo, Duelo, proposta de circo contemporáneo que se poderá ver na Praza do Concello tanto o venres 27 coma o sábado 28ás 19.00 horas

O Certame Micro-Escenas Metro Cadrado tamén di adeus este sábado con outras dúas estreas absolutas: O mundo derrúbase e nós tomamos chocolate, de Compañía Accidental, e Canta nai, canta, de Cía iO

O intérprete e ximnasta Víctor Ortiz ‘Wilbur’ pechará este sábado 28 a Rúa dos Contos coa estrea galega do seu espectáculo Piensa en Wilbur, ateigado de humor, risco e acrobacias imposibles



O 32º Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo afronta unha nova semana de programación repleta de traxedia e drama, ademais da despedida de ciclos como OTNI, Rúa dos Contos, Teatro de Rúa ou mesmo do Certame Micro-Escenas Metro Cadrado. Nunha semana na que destaca a presenza de dous pratos fortes desta edición, como son Ariadna Gil e Xavier Bobés, o festival pon o foco sobre a intransixencia como a orixe da xeración do conflito. As violacións de milleiros de nenas e mulleres na Guerra de Bosnia ou fusilamento de mestres na Guerra Civil española son as temáticas que se abordarán esta fin de semana no Programa de sala, a través da estrea en Galicia de Hay alguien en el bosque e da representación de El mar. Visión de unos niños que no lo han visto nunca. 

O Pazo da Cultura de Carballo acolle na xornada deste martes, 24 de outubro, as xornadas profesionais de Escena Galega, a asociación de produtoras teatrais do país; mais a semana dramática, como tal, comezará este mércores 25, a partir das 11.00 horas, coa representación de Puños de Harina, de El Aedo Teatro, unha función enmarcada no ciclo FIOTeen para público adolescente e á que asistirá o alumnado dos IES Alfredo Brañas, Isidro Parga Pondal e Monte Neme. O espectáculo, unha reflexión sobre o racismo, a homofobia, a violencia e a masculinidade, narra, por unha banda, a historia real de Rukeli, un boxeador alemán e xitano que desafiou ao propio Hitler na Alemaña nazi. Pola outra, conta a historia de Saúl, xitano homosexual que, na España rural dos 80, busca a súa identidade á vez que intenta sobrevivir no seo dunha familia e contorna tradicional. Ao finalizar celebrarase un encontro co público. 

Xa pola tarde, contra ás 20.00 horas, terá lugar a proxección do filme documental Hay alguien en el bosque, de Teresa Turiera-Puigbò, e que forma parte do proxecto multidisciplinar homónimo, cuxa obra de teatro poderase ver en Carballo o domingo 29. A película recolle a testemuña de mulleres vítimas de violacións durante a guerra de Bosnia e Herzegovina, así como das fillas e fillos xurdidos a raíz das mesmas. Ao finalizar a proxección, cuxo acceso no Pazo da Cultura será libre, celebrarase un coloquio mediante videoconferencia co equipo de Cultura i Conflicte. 

Este encontro será o preámbulo da función do domingo 29 no Programa de sala que suporá a estrea en Galicia do espectáculo de teatro documental Hay alguien en el bosque, que parte do libro da escritora croata S. Drakulic para visualizar a traxedia e por o foco na memoria dos milleiros de nenas e mulleres que foron violadas, como estratexia de limpeza étnica a principios dos anos 90 durante a guerra de Bosnia e Herzegovina. Ariadna Gil é unha das sete intérpretes que estarán en escena nesta peza, cuxa dramaturxia é de Anna Maria Ricart Codina e que dirixe Joan Arqué Solà. 

Dous días antes, o venres 27, terá lugar a representación, tamén no marco do Programa de sala, doutro dos pratos fortes deste #FIOT32: El mar. Visión de unos niños que no lo han visto nunca, o espectáculo escrito e dirixido a catro mans polo destacado dramaturgo Alberto Conejero e do creador escénico e intérprete Xavier Bobés, referente do teatro de obxectos en España. A peza reconstrúe a historia de Antoni Benaiges, mestre catalán fusilado o 25 de xullo de 1936, a partir de textos do propio profesor, da escola na que impartiu aulas e de Marina Garcés. O espectáculo, finalista nos Premios Max 2023 á mellor dirección de escena, presenta a chegada de Benaiges en 1934 a unha escola burgalesa do rural. A raíz do uso dun gramófono e dunha rudimentaria imprenta, El mar dá conta do poder transformador da educación.

O OTNI despídese con Zum-Zum Teatre e Clara Pampyn

O ciclo de máis innovador e alternativo do FIOT, o OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado) propón dúas últimas funcións no marco desta edición do festival. A primeira delas chegará este xoves, 26 de outubro, coa presentación do work in progress de Las bailarinas no tocan el cielo: las que bailan,un traballo de investigación e mediación de Clara Pampyn no que rende homenaxe ás intérpretes de danza, observando, cuestionando e poñendo en valor as posicións que as bailarinas ocupan nos marcos de traballo contemporáneos. A artista, que realizou unha residencia o pasado mes de xullo no Pazo da Cultura, chega ao FIOT da man do programa Paraíso 2023 de residencias artísticas para a danza e as artes vivas impulsado polo Colectivo RPM co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia e coa colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Carballo. 

Dous días despois, o sábado 28, a partir das 20.30 horas, o Salón de actos do Pazo da Cultura acollerá a estrea en Galicia da nova creación da compañía catalá Zum-Zum Teatre, nomeada El Testamento, coa que acadou o Premio FETÉN 2023 á mellor dirección. Un traballo exquisito e premiado, para público a partir de 14 anos, que despertará a imaxinación e a emoción do público a partir da apertura dun singular testamento en vida e vital. Xoguetes, retratos e outros obxectos que xorden dun moble, guiados con humor e ironía por Ramón Molins, crearán un momento único para as e os asistentes ao #FIOT32.

Jean Philippe Kikolas regresa ao FIOT

Entre as propostas desta fin de semana destaca o regreso ao FIOT de Carballo do pallaso, artista de circo e creador escénico Quique Méndez, coñecido como Jean Philippe Kikolas. O artista presentará por vez primeira en Galicia Duelo, o seu novo espectáculo, unha proposta de circo contemporáneo e teatro físico e xestual, no que tamén emprega técnicas do circo clásico. Un espectáculo ateigado de humor negro sobre a perda e a aceptación da vida, no que a fantasía circense dialoga cos límites humanos e a fugacidade da vida para reconciliarse con ela. O espectáculo, apto para público a partir de 10 anos, representarase o venres 27 e o sábado 28 na Praza do Concello desde as 19.00 horas. Con Duelo, de Kikolas, o FIOT botará o pano da programación de Teatro de Rúa até o ano que vén. 

Últimas estreas absolutas do Metro Cadrado

Este sábado 28 tamén terá lugar a despedida do VII Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado, que afronta a súa terceira e derradeira fin de semana. O espazo para o microteatro no #FIOT32 ofrecerá outras dúas estreas absolutas noutras tantas localizacións pouco habituais para as representacións escénicas: esta semana, a acción decorrerá nunha habitación dunha pensión e nunha tenda de chocolate. 

Así, nunha das habitacións da Pensión Rama, a Cía iO presentará Canta nai, canta, unha proposta na que a través das novas linguaxes e das artes do movemento, presentará ao público unha atmósfera marcada pola quietude e a danza. Pola súa banda, a Compañía Accidental presentará O mundo derrúbase e nós tomamos chocolate, na tenda Chocolates Mariño, unha peza que, a pesares das desgrazas, guerras e pandemias, quere festexar a vida arredor do sabor e aroma do chocolate. Ambos espectáculos, cuxo acceso será gratuíto previa reserva de praza a través do correo electrónico fiot.microteatroentrada@gmail.com, contarán con catro pases no día: ás 12h, ás 13h, ás 18h e ás 19h. 

Piensa en Wilbur, peche da Rúa dos Contos

A Rúa dos Contos, o ciclo pioneiro de narración oral en Galicia, tamén dirá adeus ao público fioteiro este sábado 28. Será nunha intensa fin de semana na que a “ovella negra” do FIOT presentará unha proposta ateigada de humor, risco e acrobacias imposibles no mercado municipal carballés. O ximnasta e intérprete Víctor Ortiz, Wilbur, chega ao FIOT de Carballo para presentar Piensa en Wilbur, un espectáculo que impactará, literalmente, no público, creando situacións imposibles que darán boa conta de por que Wilbur eéun auténtico fenómeno da escena (Circo do Sol), do cinema (traballou con Santiago Segura ou Álex de la Iglesia) televisión (Grand Prix) e, moi especialmente, nas redes sociais, onde conta cunha importante comunidade dixital. 

AXENDA #FIOT32 | DO 25 AO 29 DE OUTUBRO


Mércores 25, 11.00 horas. Auditorio do Pazo da Cultura
Puños de harina, de El Aedo Teatro


Mércores 25, 20.00 horas. Pazo da Cultura
Proxección do documental Hay alguien en el bosquede Teresa Turiera-Puigbò

Xoves 26, 20.30 horas. Pazo da Cultura
Las bailarinas no tocan el cielo: Las que bailan, de Clara Pampyn | Work in progress


Venres 27 e sábado 28, 19.00 horas. Praza do Concello
Duelo, de Jean Philippe Kikolas | Estrea en Galicia


Venres 27, 21.00 horas. Auditorio do Pazo da Cultura
El mar. Visión de unos niños que no lo han visto nunca de Xavier Bobés


Sábado 28, 12.00, 13.00, 18.00 e 19.00 horas. Chocolates Mariño
O mundo derrúbase e nós tomamos chocolate, de Compañía Accidental | Estrea absoluta


Sábado 28, 12.00, 13.00, 18.00 e 19.00 horas. Habitación Pensión Rama
Canta nai, canta, de Cía iO | Estrea absoluta


Sábado 28, 20.30 horas. Auditorio do Pazo da Cultura
El testamento, de Zum-Zum Teatre | Estrea en Galicia


Sábado 28, 23.00 horas. Mercado Municipal
Piensa en Wilbur, de Wilbur | Estrea en Galicia


Domingo 29, 20.30 horas. Auditorio do Pazo da Cultura
Hay alguien en el bosque, de Cultura i Conflicte e Teatre de L’Aurora | Estrea en Galicia


Todos os días, de 16.00 a 21.00 horas. Sala de exposicións do Pazo da Cultura (andar -1)
Vida e legado de Carlos ‘O Xestal’

Todos os días, no Pazo da Cultura. Pazo da Cultura (andar 0)
Exposición Zoom FIOT 2022

20231024-NP-FIOT32-quinta-semana

Concerto de NIMBOS, este sábado na Casa-Museo Manuel María

Música da boa e diferente, para toda a xente con ganas de desfrutar e bailar, é a proposta que este sábado, ás 20 horas, o grupo pontés NIMBOS fará na Casa-Museo Manuel María. Cinco mozos, cuxa base musical é tradicional mais que o mostran dunha maneira un pouco diferente, combinando e fusionando a súa proposta con novos ritmos. 

Mario Arranz, no contrabaixo, Álvaro García, na guitarra, Xalo Rubio, no acordeón, Diego Barro, na percusión, e Antía Franco, na voz, gaita e frauta, son Nimbos. Entre o seu repertorio, a formación musicaliza poemas de distintos autores galegos, entre os que está o guitiricense Díaz Castro, cuxo poemario acabou por dar nome ao grupo, e composicións musicais propias como a “Foliada da Borraleira”.

As persoa interesadas en asistir deben facer reserva (billete 5 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621.

Deixámosvos aquí algún pequeno vídeo desta formación

https://www.facebook.com/100093512475200/videos/608066861448040

https://www.facebook.com/100093512475200/videos/1010203866765099

Conferencia de Lidia Mariño na Casa da Cultura de Vilalba, dentro do Ciclo Mulleres Galegas

O Instituto de Estudos Chairegos, en colaboración co Concello de Vilalba, organiza o venres 27 de outubro de 2023, na Casa da Cultura de Vilalba, ás 20:00 horas, unha conferencia titulada TRALAS PEGADAS DA VELLA. O RECORDO NO FOLCLORE DA GRAN DEUSA PREHISTÓRICA, impartida por LIDIA MARIÑO,  Fisioterapeuta e Antropóloga.

Presentará o acto MARISA BARREIRO, presidenta do IESCHA.

NOTA_INFORMATIVA_LIDIA-MARINO

Andrea Barreira Freije gaña o VII Premio AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ de Literatura Infantil e Xuvenil pola Igualdade coa obra “Quen precisa unha avoa?”

O Xurado do VII Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola Igualdade, convocado polo Instituto de Estudos Chairegos, o Concello de Vilalba e Edicións Xerais de Galicia, e formado por Manuel Bragado Rodríguez, Beatriz Maceda Abeleira e Pablo Nogueira Campo acordou, por unanimidade, outorgar o VII Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade á obra titulada QUEN PRECISA UNHA AVOA?, de Andrea Barreira Freije.

COMUNICADO-ditame-XURADO-VII-PREMIO-AFP-copia

*Autoría da imaxe: Distrito Xermar (2022) Fototeca da autora no Arquivo da AELG


Sinsal SON Estrella Galicia suma tres candidaturas finalistas nos Premios FEST 2023

O festival, celebrado na illa de San Simón entre o 21 e o 23 de xullo, é o evento galego con maior número de candidaturas deste ano e opta ás distincións na área de innovación, sostibilidade ambiental e sostibilidade social, tres dos eixos fundamentais do evento cultural

Sinsalaudio suma en total 5 candidaturas dos galardóns que distinguen os mellores festivais  da tempada en España, ao sumar as dúas do SON Estrella Galicia Posidonia (Formentera), comisariado pola promotora viguesa



O Sinsal SON Estrella Galicia 2023 vén de ser escollido como finalista en tres das categorías dos Premios FEST. O xurado profesional deu a coñecer onte os seus votos, que sitúan como finalista o Sinsal nas ás areas de Innovación, Sostibilidade Ambiental, e Sostibilidade Social, tres áreas sobre as que, precisamente, pivotan os eixos de traballo do festival, que se celebra no verán na illa de San Simón. Deste ditame, despréndese que o Sinsal se sitúa como o festival galego con maior número de apoios profesionais nos Premios FEST 2023.

Nos últimos anos, o Sinsal obtivo dúas veces estes galardóns, que recoñecen os mellores festivais de España da tempada. O primeiro deles chegou no 2015, no que foi escollido como o Mellor festival de pequeno formato. Catro anos despois, gañou o Premio FEST 2019 ao Festival máis sostible.

Ao longo deste 2023, o Sinsal tamén acadou outro recoñecemento pola súa contribución á igualdade. Foi o pasado mes de marzo nos Iberian Festival Awards, os premios da industria de festivais en España e Portugal. O galardón recoñeceu a aposta do Sinsal por favorecer o achegamento a todos os sons, ideas e instrumentos do mundo; ademais de non repertir no seu cartel creadoras e creadoras, e potenciar o coñecemento de novos artistas -a meirande parte das bandas e solistas que actuaron este verán en San Simón fixéronno por vez primeira en Galicia ou España-. Alén disto, o compromiso de Sinsal coa igualdade vén referendado polo equilibrio da súa programación: un mínimo do 50% das artistas e do staff son mulleres, a presenza queer é relevante en cada edición e habitualmente teñen espazo todas as linguas da Península Ibérica, desde o galego até o catalán, portugués, euskera ou castelán.

Ademais, Sinsalaudio, a promotora viguesa que impulsa o Sinsal SON Estrella Galicia, cuxa última edición tivo lugar do 21 ao 23 de xullo en San Simón, obtivo outras dúas candidaturas (Sostibilidade Ambiental e Festival Boutique) a través do SON Estrella Galicia Posidonia, o festival celebrado este mes de outubro en Formentera e da que é responsable do seu comisariado, produción e coordinación. O evento balear, ao que asisten menos de 400 persoas en cada edición, é un festival que este ano loitará por acadar unha certificación Zero Waste grazas ao seu compromiso na redución e reciclaxe de residuos. 

Os Premios FEST entregaranse o vindeiro 25 de outubro, nunha gala que terá lugar en Bilbao no marco do BIME Live & PRO. Para máis información sobre estes galardóns, pódese visitar www.premiosfest.com 

202031020-Sinsal-Premios-FEST-2023

‘Fronterizas’ pecha este domingo en Santiago a quinta edición de Camiño Escena Norte

Fronterizas, da premiada bailarina e coreógrafa brasileira Mari Paula, despide este domingo 22 no Gaiás a quinta edición de Camiño Escena Norte
A compañía cántabra Mari Paula Danza & Performance actuará este domingo 22, a partir das 19.00 horas, na Cidade da Cultura e, ao remate da función, celebrará un encontro co público da man de VACAburra 
As entradas para o espectáculo serán gratuítas, previa retirada das mesmas a través do portal en liña ataquilla.com 

Camiño Escena Norte, o programa de intercambio cultural a través das artes escénicas entre Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra, despedirase do público esta fin de semana. Será co espectáculo Fronterizas, da compañía cántabra Mari Paula Danza & Performance, ás 19.00 horas deste domingo, 22 de outubro, no Museo do Gaiás. Os convites, gratuítos, pódense retirar na plataforma ataquilla.com

Fronterizas é unha obra autoficcional da bailarina, coreógrafa e xestora cultural brasileira Mari Paula (Mariana de Paula Ferreira) na que se abordan temas como a loita, o cansancio ou a aceptación do fracaso. Cunha estrutura narrativa non lineal, Fronterizas vislumbra un futuro a partir de anacos rotos do pasado e pecha, deste xeito, a triloxía integrada por Retrópica (2017), peza coa que acadou en Brasil o Premio Nacional de Danza – Funarte Klauss Vianna, e Devórate (2019). 

A construción dramatúrxica rompe coa linguaxe e o corpo da artista para transportar ao público a unha experiencia na que a danza se fusiona co texto, coa luz e coa experimentación sonora, creando imaxes dunha beleza cativadora ateigadas de simbolismos e reflexións. “Fronterizas é unha obra decolonial, non polo seu discurso, mais si porque pon en escena un corpo transmundano que desexa desestabilizar as lóxicas da produción”, expón Mari Paula. 

Ao finalizar a función, Andrea Quintana e Gena Baamonde, da compañía galega VACAburra, acompañarán a Mari Paula nun encontro co público. Previamente, a coreógrafa participará nun encontro co alumnado da ESAD de Galicia, como parte da programación expandida do CEN, nunha iniciativa que permite por en contacto ao alumnado das ensinanzas artísticas coas compañías profesionais en xira.

20231020-Camino-Escena-Norte-en-Santiago