Pont Flotant e Chévere participan este sábado na ‘Escola do espectador nas ondas’

A ‘Escola do espectador nas ondas’ do FIOT acolle este sábado unha conversa aberta ao público entre Chévere e Pont Flotant 


O Salón social do Pazo da Cultura acollerá a partir das 13.00 horas o encontro, 
que conducirá a xornalista cultural Machús Osinaga

O VI Certame Metro Cadrado ofrecere as estreas absolutas de ‘Xeografía dos corpos’ baixo a ponte do Parque do Anllóns e de ‘Homeless’ no escaparate dunha tenda deportiva

O FIOT avanza no seu compromiso coa accesibilidade e programa esta fin de semana, no marco da Rúa dos Contos, a peza ‘Contando polos dedos’, con Quico Cadaval e Chusa Pérez, unha obra inclusiva que se representará en galego e lingua de signos

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo celebrará esta fin de semana unha nova sesión da Escola do espectador nas ondas, os encontros promovidos polo FIOT entre público, artistas e xornalistas especializadas en artes escénicas para promover a comprensión e o análise dos espectáculos que conforman a programación do festival. O Salón social do Pazo da Cultura de Carballo acollerá este sábado 22, ás 13.00 horas, unha conversa aberta ao público que conducirá a xornalista cultural  de RTVE Machús Osinaga (La Mandrágora, Atención Obras, Cine de Barrio) e que contará coa participación da compañía valenciá Pont Flotant e da galega Chévere. 

O encontro, aberto ao público, contará con petiscos e grolos para as e os asistentes, e permitirá ao público coñecer de primeira man ‘Eclipse total’, o novo traballo de Pont Flotant que se estrea este sábado en Galicia no marco do programa de Sala do FIOT, ou ‘Pequenas mentiras para contar grandes verdades’, a conferencia performativa que Patricia de Lorenzo (Xograresa de Outono 2019) presentará o vindeiro venres 28 no OTNI e no que aborda o proceso de reación dalgunhas das personaxes que interpretou en Chévere. 

Este mesmo sábado 22 o público do FIOT tamén poderá gozar con novas propostas do VI Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado, a liña de programación que promove a creación de pezas escénicas experimentais en espazos non teatrais e singulares de Carballo. Desta quenda serán dúas estreas absolutas: ‘Xeografía dos corpos’, da Compañía Ánxela Blanco, un espectáculo de danza-circo creado por Ánxela Blanco e Simone Romanò que se poderá ver baixo a ponte do Parque do Anllóns; e ‘Homeless’, peza qde Mónica Paradela que emprega o texto e as habilidades circenses para presentar o auxe e caída dunha deportista de élite, e que se poderá ver no escaparate da tenda Zocas. Ambas obras contarán con catro pases (13.00, 13.30, 19.00 e 19.30 horas). 

Xa pola noite o Mercado municipal acollerá unha nova función do ciclo de Narración Oral Rúa dos Contos, que este ano rende homenaxe a Pedro Brandariz. Será a quenda de ‘Contando polos dedos’, un espectáculo accesible para persoas ouvintes, xordas, interesadas na lingua de signos e ou nas capacidades expresivas desta fala en Galicia. Unha creación de palabras e sinlencios, na que Quico Cadaval e Chusa Pérez Vallejo retoman unha colaboración dos anos 90 e voltan con estas dúas maneiras de contar: pola boca e polos dedos.

A programación da fin de semana pecharase cunha das xoias da escena teatral alternativa: ‘Freak’, de Amor Producciones, baseada no texto da dramaturga Anna Jordan. Baixo a dirección de Paula Amor, a proposta -enmarcada no ciclo OTNI- é unha peza de teatro social sobre a feminidade que se converteu en toda unha referencia internacional pola súa maneira de abordar a sexualidade.

20221021-Axenda-22-e-23-de-outubro

‘Papagena’, a ópera electrónica en galego dirixida por ButacaZero, chega a Tui este venres 21 de outubro

‘Papagena’, a ópera electrónica en galego dirixida por ButacaZero, chega a Tui este venres 21 de outubro

  • Sobre o escenario estarán a soprano Esperanza Mara e o barítono cambadés Jacobo Rubianes que actúan acompañados no escenario polo director musical da peza, Iago Hermo, compositor ademais da música e do libreto
  • A ópera será no Teatro Municipal de Tui ás 21.30 h e a entrada gratuíta pódese reservar na web tui.gal

Papagena, á última creación da compañía ButacaZero, dirixida por Xavier Castiñeira e Esther F. Carrodeguas, vaise representar este venres 21 de outubro, ás 21.30 h, no Teatro Municipal de Tui. Trátase dunha ópera electrónica contemporánea de pequeno formato en galego, con perspectiva de xénero, que narra a historia dunha parella engaiolada nunha relación tóxica. O elenco está formado pola soprano Esperanza Mara e o barítono cambadés Jacobo Rubianes que actúan acompañados no escenario por Iago Hermo, compositor da ópera e do libreto e tamén director musical da peza.

O espectáculo é gratuíto pero cómpre reservar a entrada na web tui.gal. Esta función enmárcase no programa ‘Con-fiando Cultura’ da Deputación de Pontevedra que tamén levará proximamente Papagena ata Gondomar (5 de novembro) e Bueu (19 de novembro).

Papagena é unha ópera electrónica inspirada na parella de persoas-paxaro da célebre A frauta máxica, de Wolfgang Amadeus Mozart. A peza, na que Castiñeira e Carrodeguas asumen por primeira vez a dirección escénica dunha ópera, nace da vontade de afondar nos clixés de xénero presentes no eido da creación operística, mais tamén pretende rachar con outras percepcións habitualmente asociadas ao mundo da lírica: a lingua, os espazos de representación, o público destinatario ou mesmo o formato. Para conseguilo, Iago Hermo deseñou unha ópera electrónica, baseada nas súas investigacións arredor do espectralismo minimalista. O resultado, coa colaboración de Ana Arteaga na escenografía e de Diego Valeiras no vestiario, é un espectáculo musicalmente inmersivo e visualmente contemporáneo que levará a ópera a vilas onde non adoita chegar este estilo musical. 

Así, alén de Pontevedra, a xira de Papagena tamén ten previstas funcións en Oleiros (29 de outubro), Celanova (6 de novembro), Muros (12 de novembro), Boiro (18 de novembro) e Foz (25 de novembro). Na meirande parte das vilas o público poderá gozar desta experiencia única e inmersiva de xeito totalmente gratuíto. Todas as datas, horarios e sistema de acceso ás funcións de Papagena está dispoñible na páxina web da compañía, butacazero.net.

APOSTA POLA CREACIÓN EMERXENTE E O TERRITORIO

Con esta nova produción, unha ópera galega e en galego, ButacaZero mantén a súa aposta polo risco escénico, pola creación emerxente a través da colaboración con artistas de Galicia e pola creación vinculada á temática social e cunha fonda implicación no territorio. Neste sentido, un dos principais obxectivos da compañía viguesa é construír país arredor da cultura. Para iso, adaptarán a ópera contemporánea á realidade social galega, levándoa, ao longo do vindeiro trimestre, a espazos non convencionais para a súa representación. A entrada será de balde en todas as funcións para favorecer, deste xeito, o achegamento á ópera tanto do público adolescente coma adulto.

20221018-NP-ButacaZero-Papagena-TUI

Máis de 6.600 persoas asisten ás actividades do Camiño Escena Norte 2022

O proxecto de intercambio de artes escénicas pecha a súa cuarta edición con récord de participantes en todas as súas propostas

Camiño Escena Norte, o programa de intercambio cultural no que participan compañías de danza, teatro e novo circo de Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco e Navarra, acadou un novo récord na súa cuarta edición: CEN 2022 superou as 6.600 participantes, tanto nas funcións e encontros coas compañías, coma nos programas profesionais e formativos, o que supón un 47% máis de asistentes que no 2021. 

Diego Vázquez Meizoso, coordinador de Camiño Escena Norte, sinala que esta edición do CEN, cuxo programa de exhibición tivo lugar entre o 10 de setembro e o 9 de outubro, “comezou como a máis ilusionante da nosa pequena historia e, finalmente, superou amplamente todas as nosas expectativas”. Neste sentido, Meizoso salienta que esta cuarta edición, cuxo lema foi ‘Medran os sorrisos’, “fixo crecer o proxecto a todos os niveis coa incorporación da Comunidade Foral de Navarra e de novas sedes, ademais dun número récord (15) de compañías participantes no programa de exhibición”. “2022 é o ano que pode marcar o futuro deste proxecto plural de intercambio escénico”, asevera o coordinador.  

Precisamente este ano estreouse ESADS en Camiño, un proxecto que uniu o programa de exhibición Itinerario Constelacións co alumnado de Artes Escénicas de Galicia, Asturias e Euskadi. “Puxemos en contacto a case 60 estudantes coas compañías en xira a través de talleres e outras actividades”, apunta Meizoso. O resultado desta proposta foi, a ollos do coordinador, “enriquecedor” para o alumnado, pois o CEN achegou a posibilidade de coñecer, desde a proximidade, o traballo que unha compañía profesional realiza antes dunha función. A este respecto, Nacho Ortega, director da ESAD de Asturias, apunta que este novo programa “suma vantaxes pedagóxicas”. É unha sorte que agromara e que xere este tipo de sinerxías. Ao cabo, se unha escola de arte dramática non está en contacto coa profesión, non ofrece unha parte fundamental”, advirte.

No caso das actividades dirixidas especificamente ao público profesional, o CEN tamén experimentou un incremento notable de participación. O encontro Habitación Peregrina PRO acolleu en Lugo a 70 axentes escénicos (distribuidoras, técnicas de cultura, directoras de festivais, docentes e programadoras) e 40 compañías dos territorios implicados nesta edición (un 50% máis que na edición de 2021). En relación ao programa de estadías de creación Cruzamentos, recibiu neste 2022 un impulso económico, o que fortaleceu o intercambio escénico, artístico e profesional entre as compañías. Completando a participación profesional, CEN ofreceu cinco conversas en liña coas compañías, que están á disposición do público, en aberto, na canle de YouTube do proxecto.

Camiño Escena Norte 2022 

Camiño Escena Norte é unha iniciativa promovida polas asociacións profesionais de produtoras de artes escénicas Escena Galega (Galicia), EscenAsturias (Asturias), ACEPAE (Cantabria) e Eskena (País Vasco). Todas elas, unidas na supraentidade Camino Escena Norte AIE -creada especificamente para o desenvolvemento, xestión e produción deste proxecto-, impulsan unha intensa programación escénica coa intención de pór en valor a diversidade cultural, lingüística e de formatos e linguaxes da produción galega, asturiana, cántabra e vasca.

CEN conta co apoio económico de gobernos e institucións das comunidades autónomas implicadas, como son a Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a Deputación Provincial de Lugo, a Deputación Provincial da Coruña, o Goberno do Principado de Asturias, o Goberno de Cantabria, a Deputación Foral de Araba, a Deputación Foral de Bizkaia, a Deputación Foral de Gipuzkoa e o Goberno de Navarra;  ademais do Goberno de España a través do INAEM e de Vegalsa-Eroski como patrocinador oficial. Este ano, CEN tamén contou coa colaboración das casi 40 sedes locais nas que se desenvolveu. En Galicia CEN contou co apoio dos concellos de Lugo Arzúa, Vilalba, Ames e Viveiro; ademais do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT), da Fundación Cidade da Cultura de Galicia e do Centro Dramático Galego. 

Inauguración da exposición EXCÉNTRICAS, de Álvaro de la Vega, no Castelo de Pambre

O IEU organiza a exposición EXCÉNTRICAS, de Álvaro De la Vega, que se inaugurará o vindeiro sábado, 22 de outubro, ás 12 h. na Sala de exposicións do Castelo de Pambre.

Dita exposición permanecerá aberta desde o 22 de outubro ao 17 decembro de 2022.

Diptico-Excentricas-Alvaro-de-la-Vega-castelo-de-Pambre-Instituto-de-Estudos-Ulloans

Celebración do II Magosto Cal Da Loba este sábado, 22 de outubro, en Pino

O vindeiro sábado, 22 de outubro, a Asociación Recretativo Cultural de San Martiño de Pino, en colaboración coa web Caldaloba e Culturalia GZ, e o apoio da área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo e do Concello de Cospeito e outras entidades privadas, organiza o II Magosto Cal Da Loba en Pino (Cospeito), con actividades que se desenvolverán ao longo da xornada nas proximidades da Torre de Caldaloba.

PROGRAMA DE ACTIVIDADES

Persoas premiadas no II Certame de Debuxo Infantil ”A túa Caldaloba” e no II Certame de Caligramas ”Constanza de Castro”

Vídeo promocional do II Magosto Cal Da Loba

Os espectáculos que triunfan na escena ‘off’ estatal chegan a Carballo da man do FIOT31

Os espectáculos que triunfan na escena ‘off’ estatal chegan a Carballo da man do FIOT

  • Historias de mulleres e a posta en valor da creación feminina a través de diferentes xeracións marcan o fío da programación desta fin de semana no FIOT31
  • O Pazo da Cultura acolle, no marco do Programa de Sala, a estrea en Galicia de ‘Impalpable’, da compañía arxentina Sambuseck (venres 21), e ‘Eclipse total’, de Pont Flotant (sábado 22)
  • ‘Freak’, a adaptación que Paula Amor fai do texto de Anna Jordan -unha das dramaturgas europeas máis relevantes das últimas décadas- chega ao OTNI o domingo 23
  • ‘Amantis’, escrita e dirixida por Tamara Canosa, trasladará mañá ao público adolescente, no marco do FIOTeen, unha ollada optimista, aceda e sen prexuízos sobre as linguaxes dixitais e novas formas de relacionarnos; mentres que a creadora e intérprete Natalia Fernandes presentará o xoves 20 o work in progress de ‘¿Podemos hablar de Caetano?’

Historias de mulleres e a posta en valor da creación feminina a través de diferentes xeracións marcan o relato que conforma a programación da cuarta fin de semana da 31ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro, o FIOT. Pezas que están a triunfar na escena ‘off’ madrileña, como ‘Impalpable’, da compañía arxentina Sambuseck, ou ‘Freak’, a adaptación que Amor Producciones realiza sobre a obra de Anna Jordan, chegan a Carballo da man do FIOT, nun momento no que tamén regresará ao certame Pont Flotant coa súa nova montaxe: ‘Eclipse total’. Ademais, o público adolescente terá ocasión de gozar dunha función de ‘Amantis’, a última creación de Rebordelos; e a Natalia Fernandes avanzará no OTNI o estado da súa nova creación, ‘¿Podemos hablar de Caetano?’, sobre o universo poético de Caetano Veloso. 

O FIOT propón para esta fin de semana, no marco do Programa de Sala dúas estreas en Galicia. A primeira das funcións chegará o venres 21 da man de Sambuseck, que trae a Carballo unha peza ambientada na Arxentina dos anos 50 que combina a complexidade das personaxes cunha coidada estética cinematográfica, na que as mulleres reivindican o seu espazo e territorio social. ‘Impalpable’ é unha creación colectiva fermosa, evocadora e agridoce que se inspira en textos, entrevistas e na biografía do escritor arxentino Manuel Puig (autor, entre outras, de ‘El beso de la mujer araña’). Nunha localidade na que o silencio e a mentiras son as premisas sobre as que se sustenta a vida cotiá, as mulleres protagonistas vense obrigadas a ocultar a realidade coa ficción. 

A segunda das citas do Programa de Sala co público do FIOT chegará o sábado 22 e será con outra compañía querida no certame: Pont Flotant. Os valenciáns presentan o seu ‘Eclipse total’, unha fermosa montaxe sobre o legado e a memoria, na que empregan o eclipse como metáfora para abordar como vivir sabendo que, un día, deixaremos de estar vivos. A compañía vólvese enredar nos fíos da memoria para cuestionar como nos preparamos ante un feito inevitable e irreversible como é a morte. Coa sinxeleza, naturalidade e delicadeza que caracteriza o universo da compañía, Pont Flotant presenta un exercicio escénico no que parten do humor e da beleza para mesturar o cotián co trascendental, e o o íntimo e persoal adquire unha dimensión o social. 


Xa na xornada do domingo, será a quenda doutra das xoias da carteleira estatal e cita imprescindible para as máis fioteiras e fioteiros: ‘Freak’, de Amor Producciones, o texto de Anna Jordan, unha das dramaturgas máis relevantes da escena europea dos últimos anos, e no que aborda o lugar que ocupa a muller dentro da sociedade. Freak, adaptada e dirixida por Paula Amor, é unha peza de teatro social que se converteu nunha referencia internacional polo seu xeito de abordar a sexualidade, entre a despesoeranza e o humor. A obra, na que as personaxes interpretadas por Lorena López e Lara Serrano se abren completamente ao público, fala de como loitar contra o que xa está establecido; do baleiro e de non recoñecerse a unha mesma fronte ao exterior e, ao cabo, de como o teatro pode dar resposta a os nosos problemas actuais.


Novas citas do FIOTeen e OTNI

A programación escénica desta semana do FIOT no Pazo da Cultura -pois nos institutos a compañía Galeatro segue a achegar a súa particular visión sobre o certame- comezará mañá mesmo, martes 18, cunha función de ‘Amantis’, de Rebordelos, dirixida por Tamara Canosa e escrita pola propia directora e Xacio Baño. A produción, na que o actor Roque Ruiz interpreta o protagonista, explora a fenda xeracional entre nativos e non nativos dixitais, tentando comprender como inclúen as redes sociais, os selfies, o sexting, a igualdade ou as novas masculinidades na formación da identidade propia e nas relacións interpersoais. A cita será ás 11.00 horas no auditorio do Pazo. 

O xoves 20 ás 20.30 horas, en paralelo á función do OTNI programada para este domingo -‘Freak’-, o ciclo achegará o work in progress de ‘¿Podemos hablar de Caetano?’, a nova creación da performer, bailarina e coreógrafa brasileira Natalia Fernandes, un proxecto a cabalo entre un álbum de música, unha conversa e unha coreografía que achegará ao centro do escenario o universo poético do cantante Caetano Veloso. A peza, aínda en proceso, é resultado da residencia que a artista levou a cabo no mes de agosto no Pazo da Cultura no marco das Residencias Paraíso, impulsado polo Colectivo RPM e que conta co apoio da Agadic e do Concello de Carballo. 

20221017-Avance-escena-off-no-FIOT31