O Noia Harp Fest convoca o III Premio Internacional PortusApostoli

O Noia Harp Fest convoca a terceira edición do Premio Internacional de Composición Portus Apostoli, que promoverá a creación de pezas para arpa e orquestra de cordas



A obra gañadora do certame recibirá 2.500 euros e a súa estrea oficial terá lugar no 2025, durante a 12ª edición do evento

O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia presentará o luns 17, ás 12.30 horas, a programación da súa 11ª edición, que se celebrará do 8 ao 10 de agosto

O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, coñecido como Noia Harp Fest, vén de publicar na súa páxina web as bases da terceira convocatoria do Premio Internacional de Composición Portus Apostoli, certame innovador promovido polo propio evento, coa colaboración do Concello de Noia, á fin de promover a creación de obras para arpa e orquestra e ampliar, deste xeito, o repertorio actual. O galardón, que conleva unha achega económica de 2.500 euros, suporá tamén a estrea da propia obra na seguinte edición do festival, que terá lugar no verán de 2025. 
A convocatoria do Premio Portus Apostoli está aberta desde hoxe e até o vindeiro 23 de decembro a todas e todos os compositores de calquera nacionalidade e sen límite de idade. Un xurado internacional, conformado por arpistas e directores de orquestra de recoñecido prestixio, será o responsable de valorar e premiar as creacións, nas que se terán en conta, entre outros aspectos, a proposta creativa; o tratamento da técnica e da escritura para arpa -así como da orquestración-; a coherencia, proporción e equilibrio no traballo técnico; ou o equilibrio entre dificultade e resultado musical. Ademais, o tribunal valorará positivamente aquelas obras con referencias á música ou á cultura galega.

Cada compositora ou compositor poderá presentar unha soa obra, que deberá ser orixinal e inédita, de xeito que non poderán participar no certame pezas creadas froito dun encargo remunerado, premiadas noutro concurso ou que fosen interpretadas anteriormente en concertos ou actos públicos. A nova composición será de tema libre, deberá estar escrita para arpa e orquestra de cordas (sen medios electroacústicos) e poderá ter unha duración de entre 10 e 15 minutos. Os materiais (un arquivo comprimido coa partitura da parte de arpa e outra xeral, ademais dun ficheiro en .mp3 ou .wav) poderanse enviar até as 24 horas do 23 de decembro de 2024. Tanto a obra gañadora como a que se corresponda coa mención de honra, -ambas distinguidas por un xurado especializado- poderanse escoitar, ao vivo, na seguinte edición do Noia Harp Fest.

O luns 17 presentarase a 11ª edición do NHF

O Noia Harp Fest dará a coñecer o vindeiro luns, 17 de xuño, a programación ao completo da súa 11ª edición, que terá terá lugar do 8 ao 10 de agosto en distintos escenarios da localidade coruñesa. Figuras galegas e internacionais de diversa orixe e estilo musical, unidas pola súa vinculación á arpa, actuarán no marco dun festival singular, pois é o único  dedicado a este instrumento en todo o noroeste peninsular.

A presentación do Noia Harp Fest, que conta co patrocinio do Concello de Noia e da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia, e coa colaboración da Deputación da Coruña, será luns 17, ás 12.30 horas, no Claustro do Concello de Noia, e contará cunha pequena actuación musical ao vivo.

20240611-NHF-Portus-Apostoli

Sinsal SON Estrella Galicia comezará o 25 de xullo no Escenario Océano, no porto de Vigo

Sinsal SON Estrella Galicia abrirase o 25 de xullo cunha xornada divulgativa e musical no Escenario Océano, que se situará na terminal de Kaleido Logistics no porto de Vigo   


A iniciativa, que se celebrará a partir das 20.30 horas, abrirá o porto vigués á cidadanía para poñer en relación a diversidade cultural e o patrimonio industrial a través dunha visita guiada, conversa e peche da man do proxecto musical Ombligo  

As entradas para o Escenario Océano, que nace da alianza entre a promotora Sinsalaudio e Kaleido Logistics, están dispoñibles desde esta mañá en
www.enterticket.es 

Unha nova xornada dedicada aos océanos como as grandes vías de divulgación e riqueza cultural será o punto de partida da nova edición do festival Sinsal SON Estrella Galicia. O xoves 25 de xullo, o porto de Vigo será o espazo que acolla o Escenario Océano, a iniciativa posta en marcha no 2023 da man de Sinsalaudio e Kaleido Logistics, alianza que se mantén viva coa intención de favorecer e visualizar a relación entre a diversidade cultural e o patrimonio industrial vigués. A xornada acollerá unha visita guiada polos terreos portuarios, que se abren deste xeito á cidadanía; un coloquio e, como peche, o concerto do grupo musical de fusión Ombligo, liderado polos madrileños Anika e Ángel Cáceres. As entradas para a ocasión xa están á venda a través da plataforma www.enterticket.es 

O festival Sinsal SON Estrella Galicia, coñecido pola diversidade de procedencias e de estilos musicais das bandas e solistas que participan no evento, e Kaleido Logistics aúnan esforzos, por segundo ano consecutivo, para ofrecer unha xornada que poña en valor  os océanos, alén da súa relevancia na superficie do planeta, como as grandes vías de divulgación e riqueza cultural. Por estas grandes masas de auga, que serviron -e seguen a servir- para o intercambio de recursos, hoxe en día navegan grandes bloques de granito e outras mercancías que, de camiño a distintos lugares do mundo, fan escala en Vigo. Polo seu volume e forma poden parecer semellantes, mais no Escenario Océano o público descubrirá que, pola súa composición, textura e cor, cada bloque pode ser diferente. 

O Escenario Océano naceu no Sinsal 2023 como epílogo do mesmo e coa intención de tender pontes entre unha e outra edición, coa ollada posta na relevancia e celebración dos océanos. Desde xeito, se o ano pasado o Mosteiro de Oia foi o escenario no que se sucederon as actividades divulgativas e musicais que clausuraron o festival, este ano a acción trasládase á xornada de apertura e, como escenario, terá un dos piares do patrimonio industrial de Vigo: o seu porto. Este encontro e traballo conxunto entre Sinsalaudio e Kaleido Logistics mantén activa a rede de alianzas que Sinsal estableceu estes anos con entidades e institucións de proximidade na Ría de Vigo.

Programa do Escenario Océano

A xornada do 25 de xullo comezará ás 20.30 horas cunha visita guiada ao porto vigués, espazo estratéxico de gran valor económico e social para a cidade. Concretamente, as e os asistentes visitarán as instalacións de Kaleido Logistics situadas nos terreos portuarios, zona na que cada día acontece unha parte moi relevante da actividade industrial da cidade e que, en ocasións, resulta descoñecida para a súa veciñanza. 

O público, dividido en catro grupos, realizará un percorrido guiado a través dos materiais e grandes bloques de granito presentes nesa zona portuaria. Durante a visita, cuxo acceso e saída será a través do ‘Tinglado’ do porto, as e os asistentes achegaranse á xeoloxía deses monolitos xigantes, ao proceso loxístico que transcorre ata que chegan ao chan vigués e outros detalles da actividade industrial local. A actividade finalizará cunha pequena conversa e cunha intervención musical singular no peche, a partir das 21.45 horas, que chegará da man do dúo madrileño Ombligo, caracterizado pola fusión estilística; e no que, polos seus temas, flúe o folclore balcánico, o bolero ou mesmo o jazz contemporáneo.

As entradas para acceder ao Escenario Océano do Festival Sinsal SON Estrella Galicia, cuxa actividade se desenvolverá a partir das 20.30 horas do 25 de xullo, están dispoñibles desde hoxe, a partir de 15 euros (máis gastos de xestión) a través da plataforma en liña www.enterticket.es. Polas características do espazo de realización da actividade -zona de actividade industrial-, a organización non recomenda a asistencia de menores á mesma, convida a levar calzado cómodo e pechado, e lembra que non estará permitido fumar nas instalacións portuarias. Para máis información o festival Sinsal SON Estrella Galicia, pódese visitar http://festival.sins.al.

O espectáculo ‘Universo entre Canciones’, creado polo físico e divulgador José Edelstein, preséntase en Galicia

‘Universo entre Canciones’, un espectáculo único que fusiona arte e ciencia, presentarase en varias cidades de Galicia: Santiago de Compostela (28 de xuño), Lugo (29 de xuño), Vigo (30 de xuño) e A Coruña (2 de xullo).

Este proxecto foi creado por José Edelstein, físico teórico e profesor e investigador da Universidade de Santiago de Compostela, xunto coas músicas arxentinas Daniela De Rito e Lorena Edelstein, para achegar, ao público de todas as idades, un conxunto de narracións sobre o cosmos, entretexidas con cancións propias que o celebran, demostrando os elementos comúns que existen entre a arte e a ciencia: creatividade, imaxinación, técnica, método, inspiración, estética, unha noción de beleza e un criterio de verdade.

Este proxecto científico-musical enmárcase “nesta procura de coñecemento e xurdiu da necesidade de imprimir a propia identidade musical do grupo, aos temas de divulgación científica, pois, aínda que o cosmos da ciencia sexa o mesmo para calquera persoa, a forma de nomealo, de narralo e de cantalo, é singular de cada cultura”, manifestou José Edelstein. ‘Umbral, ‘Eureka’ e ‘Décimas cuánticas’ son as cancións que xa se poden escoitar na plataforma dixital Spotify, cuxa grabación que contou co respaldo do Fondo Nacional das Artes da República Arxentina.

A xira por terras de Galicia iniciarase no Auditorio do CGAC de Santiago de Compostela (28 de xuño),  e continuará no Auditorio Sede Afundación ABANCA de Lugo (29 de xuño), Café ‘De Catro a Catro’ de Vigo (30 de xuño) e no Circo de Artesáns da Coruña (2 de xullo).

A entradas pódense adquirir e consultar no link de venda xeral: https://linktr.ee/universoentrecanciones e nas súas Redes Sociais:

https://www.instagram.com/universo_entre_cancións/ (Instagram)

https://www.facebook.com/universo.entre.cancións (Facebook)

The Rapants acompañará a La Raíz no seu regreso aos escenarios no 2025

A banda muradá actuará no Coliseum da Coruña o 22 de marzo e no pavillón da Magdalena, en Avilés, o 26 de abril; e as entradas sairán á venda o 13 de xuño

Os rapantes retoman a súa xira La máquina del buen rollo este sábado 15 en Pontevedra, no marco do festival Surfing the Lérez 

The Rapants será unha das bandas de apertura dos concertos da nova xira de La Raíz, que regresa aos escenarios logo de seis anos de ausencia. Os muradáns acompañarán ao grupo liderado por Pablo Sánchez nos concertos que os valenciáns ofrecerán no 2025, coincidindo co 20 aniversario do nacemento da formación. Concretamente, os rapantes levarán La máquina del buen rollo aos directos que La Raíz dará o 22 marzo na Coruña (Coliseum) e o 26 de abril en Avilés (pavillón da Magdalena). As entradas sairán á venda este xoves, 13 de xuño, a partir das 10.00 am, nas plataformas Enterticket e Ataquilla.com

The Rapants suma así dúas novas citas no seu tour, que comezou esta primavera cun dobre ‘sold out’ na Sala Capitol (23 e 24 de marzo, cuxas entradas se esgotaron en cuestión de minutos) e co que visitaron o Náutico de San Vicente (O Grove), o festival Terraceo de Vigo ou mesmo La Sala do WiZink Center de Madrid, na que se coroaron como gañadores do certame Último acorde x Johnnie Walker celebrado o 26 de abril. 

20240611-The-Rapants-La-Raiz-e-novas-datas-LMDBR