Concerto MÚSICA E EVOLUCIÓN, de Pablo Carpintero e Rosa Sánchez, no Auditorio Municipal de Vilalba

O INSTITUTO DE ESTUDOS CHAIREGOS organiza, coa colaboración do Concello de Vilalba, o venres 21 de xuño, ás 20:00 horas, no Auditorio Municipal, o concerto MÚSICA E EVOLUCIÓN” por PABLO CARPINTERO E ROSA SÁNCHEZ.  Presentará o acto Marisa Barreiro, presidenta do IESCHA.

Entrada de balde. Poderase facer reserva previa en https://entradasvilalba.es

NOTA-INFORMATIVA-Pablo-Carpintero

A Banda Do Poeta canta a Celso Emilio Ferreiro

A Banda Do Poeta (Coímbra, Portugal) liderada polo artista galego Juan Carballo, vén de publicar Não foi tão fugaz, o terceiro single do novo traballo de estudio chamado “Redimensão” e que comezarán a presentar despois do verán na Galiza e Portugal. 

Nesta ocasión elexiron unha adaptación de “Maio 1972, II” do poeta universal Celso Emilio Ferreiro. Son os músicos conimbricenses António Sanches, Francisco Ferreira, João Cardoso, Luís Serrano e Sílvia Bento os que poñen a banda sonora a esta nova interpretación do poeta de Celanova.

A Banda Do Poeta, ademais de crear cancións orixinais, un dos principais obxectivos e dar a coñecer autores portugueses na Galiza e como nesta ocasión, autores galegos en Portugal, xa sexan poetas ou cantores.

Para mais info sobre a Banda do Poeta:

Facebook: https://www.facebook.com/abandadopoeta

Instagram: https://www.instagram.com/abandadopoeta/ 

YouTube:  https://www.youtube.com/channel/UCN-63Tg6FuYIXWgImIuNquw 

Web Juan Carballo: www.juancarballo.es 

Nace ‘resaca emocional’, un colectivo de artistas musicais e visuais atravesado pola diversidade

Bolboretas é o primeiro sinxelo do colectivo, un tema que se pode escoitar desde este venres, 14 de xuño, en todas as plataformas dixitais e que se acompaña dun vídeo dirixido e animado por Peque Varela

Letra-Bolboretas

resaca emocional. Este é nome do novo colectivo creativo galego que hoxe se dá a coñecer co lanzamento do seu primeiro sinxelo, Bolboretas, e que xa se pode escoitar nas principais plataformas dixitais.

resaca emocional (RSK no seu nome curto) é un colectivo conformado por artistas do eido da música e das artes visuais, mais tamén dun amplo equipo técnico, no que a comunidade é a clave deste proxecto, atravesado polas diversidades e no que “todes sumen”. 
resaca emocional é un espazo seguro, no que todes suman. Apostamos pola creatividade e o traballo común desde a diversidade, sen importar a idade, identidade de xénero, orientación sexual ou condicionamentos mentais, sociais ou de saúde”, expresa o colectivo. 
resaca emocional opta por un son pop, naive e sensíbel con picos do baile e desfase techno. As emocións son o eixo do imaxinario do colectivo, tal e como se poderá escoitar no seu primeiro traballo, editado por Tremendo Audiovisual, no que exploran sentimentos coma o amor, a amizade ou a paixón en todas as súas formas.

O primeiro avance deste traballo en común é Bolboretas, o seu sinxelo debut, “unha viaxe pop que equilibra a tensión entre o desexo contido e a catarse, pintando unha imaxe vívida da delicada danza entre a atracción e o medo”. Por medio de sintetizadores e percusións “apertantes”, ademais dunha animación coidada -creada, nesta ocasión, por Peque Varela-, a canción tamén aborda a idea “de que todes somos museos vivos, seleccións formadas por pedazos que tomamos da xente á que queremos, dando forma así ao que somos”, expón resaca emocional.


Bolboretas nas principais plataformas dixitais

Videoclip de Bolboretas

 

20240614-Nace-resaca-emocional

Fillas de Cassandra levará a súa xira ‘Últimas Dionisíacas’ a Marrocos

Sara Faro e María SOA actuarán, da man do Instituto Cervantes e AIE, en Tánxer, Tetuán, Fez, Casablanca e Marrakech do 24 ao 29 de xuño

O dúo tamén forma parte do cartel do Poborina Folk, en Teruel, onde estará o 21 de xuño, mentres que o día 22 participará no VESU Festival de Oviedo

Fillas de Cassandra levará a súa xira Últimas Dionisíacas a Marrocos este mes de xuño. O dúo conformado polas viguesas María SOA e Sara Faro visitará, do 24 ao 29 de xuño, as localidades de Tánxer, Tetuán, Fez, Casablanca e Marrakech da man do Instituto Cervantes, a través do seu programa musical Cervantes en ruta, e da AIE (Sociedad de Artistas Intérpretes o Ejecutantes) por medio da iniciativa AIEEnRuta – Artistas.

Tras estrear o pasado 16 de febreiro en Vigo o seu novo directo, no que Fillas de Cassandra revisa desde unha electrónica máis potente e escura o seu álbum Acrópole, e visitar desde entón numerosos recintos, salas e festivais de todo o territorio peninsular, as creadoras de éxitos como Lisístrata (Varre vasoira) ou Tataravoa visitarán por vez Marrocos. Antes, o venres 21, serán cabeza de cartel no festival Poborina Folk, na provincia de Teruel, e ao día seguinte, o sábado 22, compartirán escenario con figuras como Xoel López ou Carlos Ares no VESU Festival ovetense.

Así, o día de San Xoán (24 de xuño), Sara Faro e María SOA, acompañadas de Marina Vidal e Tania Caamaño -xuntas, as catro, conforman a banda destas Últimas Dionisíacas-, iniciarán a xira en Tánxer, onde actuarán no exterior do Colexio Español Ramón y Cajal. O martes 25 visitarán Tetuán, concretamente o campo de fútbol de La Corniche (Martil) e, dous días despois, trasladaranse a Fez para levar o seu directo até o Colexio Francés Jean de la Fontaine. Xa o día 28, o patio do Instituto Cervantes de Casablanca acollerá a proposta musical galega e, finalmente, o 29 de xuño pecharase a xira en Marrakech, cun concerto na Escola Superior de Artes Visuais.  

Vindeiras datas confirmadas das Últimas Dionisíacas

  • 21 de xuño. Teruel. Poborina Folk.
  • 22 de xuño. Oviedo. VESU Festival.
  • 24 ao 29 de xuño. Marrocos. Varias localidades. 
  • 6 de xullo. Santiago de Compostela. Gozo Fest. 
  • 11 ao 14 de xullo. Ortigueira. Festival de Ortigueira.
  • 25 ao 27 de xullo. Vilanova i la Geltrú. El Tingladu.
  • 2 de agosto. Bueu. SonRías Baixas.
  • 17 de agosto. Pontevedra. Festas da Peregrina. 
  • 23 ao 25 de agosto. Boimorto. Festival de la Luz.
  • 30 de agosto. Pantón. 13 Roeis Fest.
  • 12 ao 14 de setembro. Vilaxoán. Festival Revenidas. 

20240613-NP-Fillas-de-Cassandra-en-Marrocos

O Atlantic Pride 2024 completa o cartel da súa 5ª edición con Nena Daconte, Shego, Morreo e Raúl, entre outras figuras

Selena Leo, Eris MacKenzie e Filloas súmanse, tamén, ao programa do ‘Orgullo do Norte’, que celebrará a súa quinta edición do 7 ao 14 de xullo na Coruña impulsado pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO- e o Concello da Coruña, co apoio da Deputación da Coruña e o patrocinio principal de Estrella Galicia, Coruña The Style Outlets e Globalgrafic

Como novidade neste 2024, nacen as Afterpaties do Atlantic Pride, para que o público poida continuar a festa en salas seleccionadas da cidade unha vez rematados os concertos do festival

O dj’s encargados das pinchadas durante as oito xornadas do Atlantic Pride neste 2024 serán EME DJ, S.Alma, La Suprema, D-Lemma, DJ90, DJ Licho, Roi Porto, La Eterna e DJ Flashback

Na páxina web www.atlanticpride.es é posible consultar o programa por días desta quinta edición do encontro, un evento pioneiro, gratuíto e inclusivo, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva

Nena Daconte, Shego, Morreo, Raúl, Selena Leo, Eris MacKenzie e Filloas súmanse ao cartel da quinta edición do Atlantic Pride. Así o presentaron esta mañá en rolda de prensa no Pazo de María Pita a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e os  directores do Atlantic Pride, Iván Cervo, César Pérez e Luís Pazos, que estiveron acompañados polo responsable de patrocinios musicais de Estrella Galicia, Juan Martínez Inchausti, e as representantes das empresas patrocinadoras do evento Coruña The Style Outlets -Ainhoa Paz, xerente- e Globalgrafic -Judith Rama, xerente-.

Entre o 7 e o 14 de xullo, A Coruña volverá ser a sede do ‘Orgullo do Norte’ para celebrar a quinta edición do Atlantic Pride. Neste 2024, o festival propón oito xornadas de música e celebración ao redor da diversidade sexo-afectiva e de identidade na que promete ser, novamente, nunha das citas imprescindibles do verán no noroeste peninsular. O festival está impulsado pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO- e o Concello da Coruña, co apoio da Deputación da Coruña e o patrocinio principal de Estrella Galicia, Coruña The Style Outlets e Globalgrafic.

No acto de presentación celebrado esta mañá, o director do Atlantic Pride Iván Cervo fixo un repaso das novidades que lle agardan ao público nesta quinta edición do encontro e desvelou, tamén, o seu programa por días, que pódese consultar na web do festival: www.atlanticpride.es.

A diversión e autenticidade chegarán ao festival coa mestura de tradición, electrónica e verbena do produtor e músico Eris MacKenzie -o domingo 7 de xullo, na Fundación Luis Seoane- e da man do pop urbano en galego de Filloas -o martes 9 de xullo na Praza de Pontevedra-.

Pola súa banda, Morreo destilará hedonismo e xuventude sobre o escenario do Atlantic Pride o luns 8 de xullo na Praza de Pontevedra, para presentar o seu catálogo sinestésico de pop iberoamericano corido e luminoso, cargado de baixos tropicais, referencias castizas e riffs de teclados cañís.

Tras percorrer nos últimos tempos os escenarios de grandes festivais como o BBK, o Sonorama, o Vida ou o Low, Shego aterra no Atlantic Pride o mércores 10 de xullo para facer gala do seu hipnótico carisma xogando con xéneros diversos como o rock, o pop, o punk e o dance. Mentres, a integrante dun dos dúos máis icónicos dos anos 2000, Selena Leo, visitará o Atlantic Pride o xoves 11 de xullo, nos Xardíns de Méndez Núñez, disposta a que o público poida ‘bailar toda a noite’ coa súa fusión latina e a súa viaxe musical aos anos 90 e os 2000.

O venres 12 de xullo, Nena Daconte presentará en directo o seu último disco, Casi Perfecto, co que reivindica o seu pasado máis pop-rock en temas en torno ao amor, o desamor, a soidade e o paso do tempo. Finalmente, Raúl, gañador do Premio Latino de Oro á súa traxectoria musical, ofrecerá na Coruña -o domingo 14 de xullo, nos Xardíns de Méndez Núñez- un directo no que non faltarán os seus grandes éxitos dos 2000, como Sueño su bocaBaila ou Prohibida.

Como novidade neste 2024, nacen as Afterpaties do Atlantic Pride, para que o público poida continuar a festa en salas seleccionadas da cidade unha vez rematados os concertos ao aire libre do festival. Moi pronto daranse a coñecer todos os detalles destas novas “sesións golfas” do festival.

Xunto aos novos nomes desvelados esta mañá -Nena Daconte, Shego, Morreo, Raúl, Selena Leo, Eris MacKenzie e Filloas-, no Atlantic Pride 2024 está tamén confirmada a presencia das estrelas eurovisivas NebulossaRosa LópezLas Ketchup e Lucía Pérez, xunto a figuras que pisan forte na nova escena galega, como MondraSila LúaO Rabelo e NenazaCatuxa SalomLontreira e Amoebo. Na festa deste ‘Orgullo do Norte’ non faltarán, tampouco, as voces de grandes divas como ChanelLuna Ki e Supremme de Luxe, ademais das drags Nomi BullCloe Savage e Meiga-I.

O grupo Vengaboys será o encargado de poñer o acento internacional a este Atlantic Pride 2024, mentres que as pinchadas correrán a cargo dos dj’s EME DJS.AlmaLa SupremaD-LemmaDJ90DJ LichoRoi PortoLa Eterna e DJ Flashback. O festival contará, tamén, coa actuación especial do Coro “Cores”. Na páxina web oficial www.atlanticpride.es é posible consultar todos os detalles e a información práctica desta quinta edición do festival.

SOBRE O FESTIVAL ATLANTIC PRIDE, O ORGULLO DO NORTE

O Atlantic Pride nace na Coruña no ano 2019 coa vontade de situar á cidade herculina como a capital do bo ambiente e a celebración sen distincións nin barreiras. Trátase dun festival pioneiro, gratuíto e inclusivo, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva. Está impulsado pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO- e o Concello da Coruña, co apoio da Deputación da Coruña e o patrocinio principal de Estrella Galicia, Coruña The Style Outlets e Globalgrafic.

O proxecto, que trata de aglutinar a todas as capas da sociedade coruñesa dentro dunha contorna segura e amigable, desenvólvese en torno a varios días de concertos e actividades culturais, entre elas, o seu Certame de Literatura LGTBI+, coa fin de atraer ao público local e de fóra, como un referente cultural, turístico e social do noroeste. Na súa pasada edición, en 2023, o Atlantic Pride logrou alcanzar máis de 40.000 espectadores, marca que a cita se propón bater este ano. 

20240613-NP-presentacion-Atlantic-Pride

Última semana para participar no I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2023-2024

A Asociación Cultural Autobán, co apoio do Concello da Coruña, promove este novo certame, pioneiro no sector da autoedición, cuxo premio constará dunha dotación económica de 1.250 €

O prazo para a preinscrición en liña no premio remata este domingo, 16 de xuño, e pode realizarse a través de https://www.autoban.gal/premio24

A escultora, deseñadora e pintora de modelos en producións de Stop Motion Laura Pazos foi a encargada de deseñar o trofeo deste I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2023-2024, que a artista Aisha Rey (gañadora do Combate de Debuxantes de Autobán 2023) pintará para que sexa unha peza única

O certame está dirixido a todas as autoras, autores e colectivos que autoeditaron un cómic ou fanzine gráfico en lingua galega ou desde Galicia entre o 1 de xaneiro de 2023 e o 15 de maio de 2024

O xurado especializado encargado de valorar as obras recibidas -que, polo de agora, superan xa a trintena- está integrado polos profesionais María Gil, historiadora da arte e investigadora; Brais Rodríguez, ilustrador e profesor; e Toño Vilaverde, libreiro especializado

Este domingo, 16 de xuño, remata o prazo para participar no I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2023-2024, promovido pola Asociación Cultural Autobán, co apoio do Concello da Coruña. Trátase dun novo certame pioneiro no sector da autoedición, cuxo premio constará dunha dotación económica de 1.250 € e un trofeo que foi realizado pola escultora, deseñadora e pintora de modelos en producións de Stop Motion Laura Pazos. A creadora deseñou unha colección de catro esculturas destinadas a ser pintadas cada ano por un artista diferente como parte da recompensa á persoa gañadora do certame. Nesta primeira edición do premio, a artista Aisha Rey (gañadora do Combate de Debuxantes de Autobán 2023) será a encargada de pintar o trofeo para que sexa unha peza única.

XURADO DO I PREMIO AUTOBÁN

Por outra banda, este I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2023-2024 confirmou xa ao xurado especializado que será o encargado de valorar as obras recibidas -que, polo de agora, superan xa a trintena- e estará integrado polos profesionais María Gil, historiadora da arte e investigadora; Brais Rodríguez, ilustrador e profesor; e Toño Vilaverde, libreiro especializado: 

María Gil I Investigadora na Universidade de Santiago de Compostela, onde traballa sobre arte gráfica na Galicia contemporánea e as relacións entre arte e política na autoedición. 

Brais Rodríguez I Colaborador de múltiples fanzines, publica cómics autoeditados desde o selo Carne Líquida. Foi merecedor de varios galardóns, coma o Premio Castelao, o GZ Crea e o Injuve. É profesor na EASD Pablo Picasso. 

Toño Vilaverde I Desde 2011 é libreiro na tenda Alita Cómics da Coruña. Foi tamén colaborador dos tres primeiros fanzines de Aministía Internacional Nai dos Desterrados.

MÁIS INFORMACIÓN E BASES DE PARTICIPACIÓN NO CERTAME

No certame poden participar todas as autoras, autores e colectivos que autoeditaron un cómic ou fanzine gráfico en lingua galega ou desde Galicia entre o 1 de xaneiro de 2023 e o 15 de maio de 2024, cun máximo de 3 obras por participante, sempre que o/a autor/a ou a maioría dos/as compoñentes do colectivo sexan de orixe galega ou estean fincados/as en Galicia. O tema, a técnica, o formato e o deseño do fanzine serán libres. A persoa gañadora do premio darase a coñecer no mes de agosto durante un acto de entrega no marco da edición de verán 2024 do Festival Autobán. A preinscrición en liña no premio, que remata este domingo, 16 de xuño, pode realizarse a través de https://www.autoban.gal/premio24, mentres que as bases completas de participación poden consultarse en: https://cutt.ly/Bases-Premio-Autoban-23-24.

SOBRE AUTOBÁN

Autobán é o festival coruñés de cómic autoeditado. No ano 2023, a iniciativa constitúese como asociación cultural. O seu obxectivo é a promoción da banda deseñada e a ilustración, a autoedición e a autoxestión, así como tecer unha rede de apoio para as persoas que se dedican a estas disciplinas. No seu labor inclúese a creación de eventos e actividades para a xestión de espazos nos que todos os e as amantes da autoedición sexan protagonistas.

A asociación organiza cada mes de agosto o Festival Autobán coincidindo co encontro internacional Viñetas desde o Atlántico. Trátase dun mercado de autoedición que ofrece a autores e autoras, colectivos, proxectos de autoedición e microeditoriais de toda a Península a oportunidade de amosar e vender o seu material. O Festival Autobán propón, tamén, combates de debuxantes, presentacións de proxectos, obradoiros, exposicións, música e gastronomía durante a súa celebración. 

Por outra banda, a asociación promove, tamén, iniciativas como o Autobom, que se presenta como a edición de primavera do Autobán, coa vontade de ser un encontro entre a xente que se dedica e goza coa autoedición gráfica e a BD alternativa, con charlas, faladoiros, obradoiros e actividades diversas en torno ao mundo dos fanzines. De forma mensual, Autobán organiza, asimesmo, un Club de Debuxo con diferentes temáticas en espazos afines do sector.

MÁIS INFORMACIÓN

https://www.autoban.gal/premio24