Andanzas do Suso de Lameliña. O RAPOSHOME

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

O RAPOSHOME

    

Crese que o primeiro raposhome, unha mutación do vulpes vulpes, tivo a súa orixe pola zona de Piornedo- Balouta, na serra dos Ancares.

Este ser entre raposo e home empezou a ser visto a finais do 2010 nas aldeas abandonadas desta zona da montaña luguesa e berciana.

Ao parecer habita nas casas que quedaron sen dono, levando unha vida, un tanto misteriosa, entre salvaxe e humana, e sempre agochándose cando alguén se aproxima polo seu entorno, sen apenas deixar pegada. Motivo polo cal é moi difícil que poida ser avistado.

A pesar diso, puido ser sorprendido en momentos puntuais, sobre todo de noite, neses intres no que o estado de vixilia dá paso ao de acougo e adormecemento dos sentidos. Os que o viron, descríbeno coma un raposo de pel moi fina, con cabeza humana, camiñando a catro patas. Hai outros que aseguran que anda a dúas patas, cunha elegancia que chama a atención.

O que parece ser certo e o seu grande amor polos cemiterios. A xente do lugar está convencida de que ten trato co máis alá e que celebra xuntanzas cos defuntos. Aos sepulcros destes camposantos, onde nos últimos anos ninguén se achega, non lles faltan flores, que de cando en cando son renovadas.

Sospéitase tamén, por certos indicios, que os moradores dos citados cemiterios, se erguen pola noite dos sartegos e guiados polo raposhome, percorren a aldea e visitan os seus antigos apousentos.

Sexa como sexa, parece demostrada a súa existencia, e que desde hai uns dez anos, as casas das aldeas destas zonas, comezan a verse, como máis coidadas, con menos maleza no seu entorno, mesmo con certos arranxos e reformas. Incluso, apareceron algunhas leiras cultivadas con centeo, do que ninguén di ser propietario.

Haberá que seguir con atención a evolución dos acontecementos, pero non sería de estrañar cunha nova civilización, estivese dando os primeiros pasos. Ante a deserción dos vivos,  os mortos serían os encargados de tomar as rendas para sacar as nosas aldeas do alarmante estado en que se atopan. O raposhome, neste caso, sería unha especie de caudillo necesario para levar a misión a bo porto.

Andanzas do Suso de Lameliña. UN AMOR IMPOSIBLE

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

UN AMOR IMPOSIBLE

Era media mañá dun día caloroso do mes de xullo. Estaba tomando o primeiro Mencía do día na Cafetería S. Marcos cando soa o móbil. Eladio, que raro! Ía para seis anos que non nos víamos, estará de vacacións, pensei para min.

Descolguei, e despois de saudarnos, dixo se nos podiamos ver, andaba pola rúa da Raiña e tiña que darme unha nova. Conteille onde estaba e agardei a que chegase, mentres remataba o viño acompañado dunha tapa de raxo.

Ao chegar e, tras darnos o abrazo de rigor, e de pedir, desta volta dous Mencías, comezamos a rememorar vellos tempos: De cando estudabamos, da viaxe que fixeramos no verán do 98 a Grecia, da noite que coñecera nun pub de Ribadeo a Isabel, a súa ex. De todo menos da nova que dixo querer darme, polo que decidín lembrarllo. A súa resposta foi pedir outros dous chatos, poñéndome largas e que xa mo contaría; “ao fin e ao cabo non ten grande importancia”, dixo.

De alí fomos ao Eduri, a uns cen metros, na mesma rúa. Outros viños e non había modo de que soltara o motivo polo que, en teoría,quedaramos citados.

Achegábanse as dúas da tarde e quedara ás catro á entrada do parque de Rosalía de Castro con Paula. Comenteillo, motivo polo cal tiña que marchar: “Vivo en Montirón e aínda teño que comer para poder estar puntual á cita, xa sabes coma é Paula”

“De Paula, precisamente tíñache que falar. Non me digas que quedou citada contigo? “, preguntoume con cara de estrañeza. “Non acudas á cita”, continuou a dicir. Por máis que insistín non fun quen de sacarlle nada do que xa me dixera: Que non fose, que me ía pesar. 

Camiño da casa, tiña claro o que facer, acudiría á cita malia non augurar nada bo, pero peor sería quedarme coa dúbida. Paula e mais eu foramos parella durante dez anos pero xa levabamos separados uns catro. Desde hai un mes empecei a recibir mensaxes dela en plan cariñoso. Que se lembraba moito de min, que tal me ía, que sería bo vernos… Onte, propúxome o que lle viña de comentar a Eladio, quedar á entrada do parque ás catro da tarde.

Cando cheguei, ás catro en punto (Paula era moi esixente coa puntualidade), alí estaba. Despois dos beixos oportunos, propuxo irmos sentar nun banco preto do palco da música, a onde de namorados adoitabamos ir.

Preguntoume pola vida, eu fixen o mesmo. Pero algo non me cadraba; por veces non me parecía ser ela. Foise achegando a min aos poucos e cando o asunto empezaba a tomar uns rumbos cada vez máis agarimosos, diante nosa apareceu Eladio.

A sorpresa de Paula foi enorme. “Que fas ti aquí?”, lle dixo, ao que el respondeu: “Ser testemuña do que lle vas contar a Xabier”.

Non comprendía nada do que estaba a pasar e empezaba a sentirme inquedo. Eladio continuou: “A ver, cóntalle a verdade ou queres que fale eu?”

“Perdoa, Xabier, sabes que sempre estiven namorada de ti e agora que Paula morreu, vin a oportunidade de, por fin, conquistarte”, comezou a dicir, cos ollos chorosos, a miña acompañante.

Fiquei de pedra, era Lucía, a irmá xemelga de Paula. Descoñecía  o da súa morte de forma repentina, ía para máis dun mes, coma me seguiu informando. Era a nova que quería darme Eladio, pero que non fixo, probablemente para deixala en evidencia diante miña e sabendo que eu a ía refusar.

Lucía fora a culpable da nosa ruptura. Eran tan iguais en todo, que máis dunha vez me deitei con ela, pensando que era a miña parella. A súa intromisión na nosa vida chegou a tal extremo que rematou por poñer punto final á nosa relación de parella. Agora que Paula morrera, pretendía facerse pasar por ela, anunciándome a falsa morte de Lucía.

Pasóuseme pola cabeza chamarlle de todo, pero contívenme. Erguinme do banco e sen dicir palabra abandonei o parque. Alí quedou con Eladio chorando no seu ombro. Desde entón non volvín saber nada máis deles.

Andanzas do Suso de Lameliña. Sara Abeleira, “Memorias procaces”

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

MEMORIAS PROCACES

Hoxe, nestas “andanzas do Suso de Lameliña”, vou falar de Sara Abeleira, un heterónimo de Xesús Trashorras. Deixo aquí, un capítulo da “Memorias procaces” da propia Sara e media ducia de poemas da mesma autora.

Desde que teño uso de razón na miña casa sempre estivo moi presente a morte, non en van os meus pais tiñan unha funeraria.

Meu pai era carpinteiro, pero a parte de facer mobles, a súa especialidade eran os ataúdes. Era o único que os facía de toda a vila, non só para a nosa funeraria senón para outras, mesmo de fóra do concello.

Por iso para min a morte sempre foi algo moi familiar e ver mortos non me supoñía ningún temor, todo o contrario, gustábame. Isto ía influír moito na miña personalidade e na forma de enfrontarme á vida, xa de adulta.

A miña nai era a encargada de forrar as caixas e a min prestábame moito axudala. Deste xeito aprendín o labor, que xa de máis grande realizaba ao rematar a tarefa que traía do instituto.

O taller de meu pai, era ao mesmo tempo un lugar de diversión. Alí traía ás miñas amigas a xogar. Unha das brincadeiras habituais era o xogo das “agachadas”. Os ataúdes servían de lugar de escondedoiro. Tamén era habitual esconderse tras das coroas ou ramos de flores. A morte ligada á vida e agora, xa pasadas varias décadas, ao paraíso perdido da infancia.

Pero non só a infancia, tamén á adolescencia e aos primeiros xogos sexuais. Xa non ían só nenas, a partir dos catorce anos, empezaron ir rapaces, e “as agachadas”, fixo posible o descubrimento de novas emocións e dun novo mundo por explorar.

Foi precisamente entre ataúdes, onde tiven a miña primeira relación amorosa, con Andrés, tres anos maior ca min. Que mellor sitio ca un lugar coma aquel, morte e sexo, dúas caras dunha mesma moeda. Despois viñeron máis e non só con Andrés, estábase fraguando a miña futura promiscuidade. Ata que un día, nos sorprendeu mamá, en plena faena. Non quero lembrar a vergoña que pasei e coma Andrés saíu disparado, medio espido, camiño da rúa. Desde aquel día, non volveu entrar ninguén máis.

Foi naqueles anos, en torno aos catorce, cando comecei a escribir poemas, e claro morte e sexo, xa desde o primeiro momento, eran os temas que máis me gustaba tratar nos meus versos. Temas que seguen a estar aínda hoxe moi presentes na miña poesía.

Memorias Procaces

Sara Abeleira 

cansa de ser eu

cavarei a fosa

onde soterrar 

todos os delirios

ata ser ingrávida

amante de deus

con quen fornicar 

en redentor leito

beatífico arroubo

virxe sen coroa

———————————————————–

o silencio

era unha mordaza

no corazón das tebras

un averno

albergando mágoas

entre xemidos e sangue

a casa un lúgubre zulo

a túa palabra invisible

osmando a chegada da morte

gardo 

corpo vulva choiva

baleira de pombas

e de ausencias presentes

ese instante 

e a súa doce amargura

de herba campía

agardo

virada cara ao desenfreo

agardo

a que me ince co veriño 

da impudencia

corpo vulva choiva

que expira

——————————————-

agochada

nas túas coxas

cronoloxía dun amor

entre latexo e latexo

desbravarte 

dos meus beizos escravo

ata saciarme

prendida dos teus xemidos

conspirando contra o fastío

————————————————–

as miñas mans non están feitas

para escribir poemas finos

desde o día que abandonaron o fogar

afixéronse a vocear arengas insubmisas

mentres agardan por unha revolución

que nunca chega

as miñas mans andan ceibes 

por unha terra sumida na desfeita

á procura de salagres versos 

cos que cuspir na faciana do desleixo

desde o día en que se botaron ao monte

son lobas solitarias 

ouveando polas congostras

as miñas mans non están feitas

para escribir poemas finos

as miñas mans beben da doce anguria da derrota

———————————————————

Gústame Cristina Rosenvinge,

enxalzar, sublimar a derrota,

as novelas de Mccarthy,

todos os fermosos cabalos,

as películas de Fassbinder,

as lágrimas de Petra von Kant.

Gústame Cristina Rosenvinge,

pulgas no corazón,

deitarme soa na cama,

escribir un poema de amor,

tiralo máis tarde ao lixo.

Gústame Cristina Rosenvinge,

mesturar whisky con auga bendita,

espertar sendo Sylvia Plath.

Andanzas do Suso de Lameliña. HISTORIAS DA RAIA: O MOCHILERO

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

HISTORIAS DA RAIA: O MOCHILERO

Mediados de decembro, achegábase o Nadal, época propicia para poder colocar algún que outro quilo de café e así acadar uns cartos ben necesarios para dar de comer á familia que tan necesitada estaba. Germán era o maior de seis irmáns, dúas mulleres e catro homes, fillos de Alcira, viúva dun peón camiñeiro, alcohólico e mullereiro, para quen a muller era só unha criada para prepararlle a comida a punto ou deitarse con ela cando se lle apetecía. Morreu dun infarto nunha casa de putas de Ciudad Rodrigo e non deixou de ser un alivio para a familia, xa que o único que achegaba eran berros, desgustos e paus. 

A situación económica da familia era moi crítica. A súa morada, unha casiña onde se tiñan que amañar con dous cuartos e unha cociña, amais dun pequeno horto, que ao mesmo tempo servía de retrete; catro galiñas e un porco aliviaban un pouco a situación. Alcira sacaba algunhas pesetas arranxando medias ou zurcindo camisas e calzóns, mais isto e algunha axuda dos veciños a pouco chegaba para alimentar seis bocas, polo que o maior, que rondaba os vinte e cinco anos, decidira adicarse a “mochilero”. Nesta raia da fronteira un “mochilero” era aquel que “trapicheaba” con produtos dun lado a outro: café, azucre, panos, aceite.. Era un xeito de gañar algún diñeiro, tampouco gran cousa, pero menos daba unha pedra. Os “mochileros”, traballaban para eles, mentres que os “cargueros” eran asalariados de outros que lles pagaban polo labor.

A especialidade de Germán era o café. En toda Casillas de Flores era ben coñecida a súa destreza en pasar importantes cantidades deste produto burlando á garda civil e, aínda que o normal era actuar en cuadrilla, el sempre facía o traballo en solitario. Tamén o aciago dezaseis de decembro do ano 1952. Unha noite de cru inverno regresando co seu cargamento da localidade lusa de Sabugal, nada máis puxo os pés na provincia de Salamanca, unha patrulla da Garda Civil agardaba por el. Nunca se soubo quen fora o delator, aínda que se sospeitou dun veciño, que lle encargara o día anterior nada menos ca quince quilos de café, cousa que nunca fixera, sempre eran dous ou tres; as grandes cantidades adoitaban mercarllas os bares de Ciudad Rodrigo. Germán tiña moi ben estudado os diferentes pasos e nunca utilizaba o mesmo, nin cruzaba a raia á mesma hora; iso si, sempre de noite, as tebras eran a súas fieis encubridoras. A súa vista e olfacto estaba perfectamente adestrada para decatarse da presenza das forzas da orde, máis desta vez non puido sortear a trampa que lle tenderon.

O sarxento Cipriano era quen ía ao mando e atrancándolle o camiño, berroulle:

—Alto aí! As mans sobre a cabeza, fillo da gran puta! Por fin te cazo!

O coitado do mozo, nin tempo tivo de levar as mans á cabeza, un par de tiros desfíxolla.

—E vós a calar —dixo, dirixíndose aos colegas e colocando unha arma na man dereita do morto— Xa vistes coma non fixo caso ás miñas ordes e intentou dispararnos. 

O sarxento Cipriano tíñalla xurada desde o primeiro día que pisou a vila. Era natural de Hervás (Cáceres) e este era o segundo destino, despois de pasar tres anos en Vitigudino. A namorada de Germán era unha das mozas máis xeitosas e fermosas da vila. Desde que tiñan dez anos, sempre andaron xuntos e non se separaron ata que chegou o sarxento e se encaprichou con ela, dez anos máis nova. Non houbo nada que facer, falou cos pais e pediuna en matrimonio, e estes felices por casala cun garda, e por riba sarxento. A Germán ameazouno de morte se se achegaba a ela.

Pero o amor non morre da noite para a mañá, e menos deste xeito; todo o contrario, foi a máis, e seguíronse vendo ás agochadas sempre que podían. Levarían medio ano casados e a moza ficou preñada dunha fermosa nena, que nacería oito meses despois. Pronto comezou a correrse na zona que era cuspidiña ao “mochilero”, e claro chegou aos oídos do Cipriano. Foi entón cando lle tendeu a primeira trampa. Segundo se ergueu, díxolle á muller que aquela noite tocaba redada na raia. Chegadas as oito, era tamén inverno, finais de outubro, despediuse de nai e filla e marchou tomar uns viños a Ciudad Rodrigo. Coma María sabía que ía quedar ceibe polo menos ata medianoite, mandou recado ao namorado por medio dunha amiga de confianza. Este ás nove presentouse no cuartel entrando por unha xanela, que xa máis veces usara; desde alí era case imposible que os vira alguén. Pero claro, sobre as dez, chegou o cornudo do sarxento, e con sixilo e sen que se decatasen, escoitou detrás da porta e, efectivamente, o que sospeitaba confirmouse. Volveu para fóra e regresou á casa sobre a unha da mañá sen comentar nada do que viña de descubrir. Para que dar un espectáculo dun crime pasional, que era daquela coma se lles dicía, para se cadra, aínda que non o consideraba probable, acabar sendo culpable, se tiña outro xeito mellor para desfacerse del e quedar coma un heroe. A sentenza estaba ditada e en marcha a segunda e definitiva trampa.

*Esta historia non é real, aínda que ben podía ser, cousas similares sucederon, algunha das cales, me contou o amigo Jose de Villamiel (Cáceres)

Andanzas do Suso de Lameliña. INAUGURACIÓN

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

INAUGURACIÓN

Chegou o día e aquí estamos cos demais compañeiros da prensa para dar fe de tan relevante acontecemento. Anos agardando e por fin vaise converter nunha realidade o parque infantil tan desexado pola veciñanza. Realmente aínda non está rematado de todo: a sinalización, un par de bambáns e mesmo algunha zona terán que agardar algún tempo máis. Pero a inauguración, en boca do alcalde, xa non podía demorarse:  “Vai para máis de dez anos que os meus predecesores iniciaron esta importante obra e hoxe tócame a min proceder á súa apertura dun xeito oficial. Se ben, os cativos e as cativas terán que esperar para facer uso do mesmo, agardo que por pouco tempo, a que as obras finalicen. Dentro dun mes serán as eleccións e este vai ser un tema prioritario na próxima lexislatura se veciñas e veciños teñen a ben reelixirme.”

Nesta data tan importante para o concello, acompañarán ao alcalde amais dos concelleiros, a Presidenta da Deputación; a música correrá a cargo da  banda de gaitas da citada institución. Logo terá lugar unha gran churrascada de balde para todo aquel que o desexe. Falta case unha hora e isto xa se está convertendo nun auténtico fervedoiro de xente. Iso si, a maioría dos presentes, da terceira idade.

—Señora, señora! Aquí unhas preguntiñas para a TV12. Que me ten que dicir do acto que dentro dunha hora vai ter lugar?

—E que quere que lle diga? Unha tomadura de pelo! A boas horas chega o parque e por riba sen rematar. De todas formas dá igual, poden esperar outros dez anos. Para os nenos que quedan, o neto de Filomena e a sobriña da criada do cura. E quererá o señor alcalde que nos bambeemos nós, agora que imos vellas? Unha vergoña, xa digo, unha auténti…

—Cala, mala pécora. Desagradecida!, que es unha desagradecida! E a que vés logo aquí?  A papar, que é o único que che interesa —interrómpea unha asistente, toda encolerizada—. Non lle faga caso, señor, que esta élle da oposición e non saben máis ca criticar, pero cando hai algo que levar á boca, xa ve, a primeira, coma todas as da súa casta. Estámoslle moi agradecidas ao señor alcalde por esta importante obra. Que non hai nenas? Xa virán, non te preocupes, pendanga, que es unha pendanga.

—Oes, a min ti non me insultas, filla do demo. Vouche dar unha que non vas esquecer na vi…

—Que pasa aquí? —aparece poñéndose polo medio o señor crego—. —Haxa paz, irmás. 

—Mira que che dou, eh! Esta, señor cura, que é unha desagra…

Señoras e señores, devolvemos a conexión aos estudos centrais, a ver se se vai distendendo un pouco o ambiente. Volveremos máis tarde cando o acto dea comezo. 

—Pendanga, que es unha pen…

Andanzas do Suso de Lameliña. MORTE DOCE

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

MORTE DOCE

De repente atopouse só en plena rúa do centro da cidade. Coma por ensalmo desapareceron todos os viandantes; non comprendía nada do que estaba a suceder. Continuou o seu camiño, aínda non eran as oito da tarde, e a idea era ir tomar unhas cervexas ao bar do seu parente Xusto. Cambiou de rúa, tamén estaba baleira e todos os locais pechados a cal e canto, por suposto, o do seu parente. Un calafrío percorreu o seu espiñazo, algo grave estaba a ocorrer e semellaba que el era o único descoñecedor.

Decidiu regresar á casa. O silencio era sepulcral, a escuridade total. Estaban a principios de xaneiro e o alumeado público apagado. Nin nas vivendas se vía luz ningunha; talmente parecía que ninguén quedara na cidade. Cando estaba a uns douscentos metros da súa vivenda, pareceulle ver unha sombra nunha xanela que cun aceno lle conminaba a apurar o paso, algo que fixo, poñéndose a correr coma se tras del viñese o demo.

Cando entrou no portal da casa, tampouco había luz comunitaria e, por suposto, non funcionaba o ascensor. Así que tivo que subir ata ao sétimo piso, onde vivía, con serias dificultades, tentando as paredes na escuridade. Xa no piso, o primeiro que fixo foi darlle ao interruptor. Ao ver acenderse a lámpada do corredor, respirou. Dirixiuse, apresurado, ao salón e puxo o televisor. A programación en todos as canles era a habitual; ningunha nova fóra do normal. Cada vez comprendía menos o que estaba a pasar ou a pasarlle —chegou a pensar que era un problema seu, que estaba perdendo a razón—. Puxo en marcha a computadora, por ver se lle aclaraba algo, e ao igual que na televisión, non aparecía ningunha noticia alarmante.

Asomouse á xanela e a rúa seguía completamente deserta, así que decidiu ir ao piso da súa veciña, Amalia, que tamén vivía soa. Premeu o timbre, dúas ou tres veces e non houbo resposta. Á cuarta, cando xa ía meterse no piso, escoitou a voz da veciña: “ Que fas aí?, non sabes o que está a pasar?, métete dentro!”. Por moito que porfiou para que lle contase o que estaba sucedendo, non tivo contestación ningunha. O único que escoitou foi a voz do veciño de enfronte, que moi anoxado, lle ordenaba meterse dentro.

Non lle quedou máis remedio ca entrar no piso e agardar. Algo tería que ocorrer. Espiuse, puxo o pixama e deitouse; perdera totalmente as gañas de cear, o único que desexaba era que rematase dunha vez aquel pesadelo. Puxo a radio, que tiña enriba da mesiña, a súa compañeira de todas as noites. A programación era a habitual en todas as emisoras. Para desconectar un pouco, sintonizou Radio 3.  Juan Manuel Sánchez, acababa de iniciar o seu programa “El vuelo del Fénix”; hoxe, “Leyendas del rock 2”.

Non levaría nin quince minutos e un sono profundo comezou apoderarse del. Foi nese intre cando a viu a carón do leito: Manuela, a Sabia de Refoxo. Manuela levaba morta uns catro anos e na aldea dicíase que tiña tratos co demo, de aí os seus poderes de curandeira. O caso é, que aínda que as xentes do lugar falaban mal da boa muller por non cumprir coma todo o mundo coas obrigas cristiáns, cando tiñan algunha doenza acudían, sen dubidalo, a ela, antes có médico de cabeceira.

Pero chegou o día en que Manuela deixou este mundo, e o crego non permitiu que fose soterrada en lugar sagrado. Tivo que ser Eladio —as malas linguas comentaban que se vían ás agachadas— quen se fixera cargo do corpo e o enterrara ao carón da casoupa da coitada curandeira. Despois agardou medio ano a que lle chegase á hora da xubilación, e marchou para un piso da cidade que conseguira mercar grazas aos aforros de toda unha vida.

Agora, Eladio, recibía a visita de Manuela. Unha Manuela que se lle presentou tal é coma era en vida: A mesma roupa a cores, que ela mesma confeccionaba; o gorro de la, colocado medio atravesado; o sorriso pícaro, que tan ben coñecía, asomando por entre os beizos… E unha voz , un pouco máis rouca do que era a súa en vida, coma vida das entrañas da terra que lle dicía: “Boa noite, Eladio”.

Antes de seguir adiante co relato, cómpre contar o que foi da protagonista tras a súa morte, ocorrida despois de agonizar durante dous días, esquecida por toda a veciñanza, se non contamos a Eladio. Cando a alma se separou do corpo, esta (quen llo dixera ao cura e demais xente da aldea) foi recibida no Paraíso con todos os honores, chegando a formar parte dun selecto clan de espíritos aos que o Ser Supremo acode cando precisa algún consello ou algún tipo de axuda. E iso foi o que fixo esta noite, chamou a sabia de Refoxo e díxolle:

—Necesito que me fagas un favor. Tes que baixar á Terra e axudar a Eladio a morrer, coma el te axudou a ti. O pobre leva dous días agoniando, pero non hai xeito que a alma se desprenda por completo do seu corpo, anda vagando pola cidade sumida na desesperación. Para elo, vou facer que, durante unhas horas, as que precises para levar a cabo a túa misión, que a túa alma volva a formar parte do teu corpo. Non quero que te presentes ante Manuel coma unha pantasma (o habitual por outra parte), quero que te vexa tal e coma fuches en vida.

E niso anda agora. Superada a sorpresa por parte do doente, Manuela, a Sabia de Refoxo, vén de acurruncharse baixo as sabas a carón del e comeza a aloumiñalo. Sabe ben que poucas horas lle restan ao seu Eladio neste mundo, pero está disposta, que Deus a perdoe, a volver facer uso das súas facultades de curandeira para que a morte lle sexa o máis avelaíña e pracenteira posible.