por Suso De Lameliña | Jun 21, 2024 | Andanzas do Suso de Lameliña, Autores/as, Colaboracións, Creación, Literaria, Xeral
Andanzas do Suso de Lameliña
Suso de Lameliña
O LOBISHOME DE CERVANTES
Conta a lenda que vai tempo,
polas terras de Cervantes,
un lobishome arnal
grandes estragos facía.
Moitos años e carneiros
levaba xa degolado,
mais ninguén era capaz
de a vista botarlle encima.
Por aquel entón moraba,
nunha aldea das montañas,
desta bisbarra ancaresa,
un home de gran carácter.
Ía xa para ben tempo
que o fillo deste veciño
da súa aldea faltaba,
ninguén sabía o por que.
Estaba o pai preocupado,
razón non daba do caso,
ata que un día lembrouse
dunha maldición pasada.
Conta a xente da contorna
que a historia que sucedeu,
máis ou menos veu a ser,
a que aquí vos participo.
O home de quen falamos,
como xa dixen denantes,
era xoto de carácter,
enrabechaba por todo.
Era un mozallón o fillo,
bo rapaz, traballador,
a quen lle gustaba a festa
para as nenas cortexar.
Cada cousa a seu tempo,
era a opinión do mancebo,
mais o pai non concordaba
con este dito e rifaban.
Un día o enfrontamento
alcanzou cotas maiores.
Á festa de Pedrafita
o mozo arelaba ir.
O pai teimaba que había
unha queima que facer,
o fillo que era pecado,
en festivo traballar.
Ninguén quería ceder,
pai e fillo se enlearon
nunha forte discusión.
Exaltado o vello dixo:
-Vaite, vaite para festa,
e permita Deus que andes
atrás das lobas, o mesmo,
coma tras das mozas vas”
Nunca tal dixera o home!
Pasadas xa unhas noites,
desacougado o rapaz,
cara o monte colleu rumbo.
En chegando a un lamazal
envorcallouse na herba,
polo orballo humedecida.
Creto non daba do feito.
Cando tratou de se erguer,
xa non o puido facer,
e a catro pés a correr,
presto botou para o cume.
O pai co paso do tempo
lembrouse da maldición
e a unha que por meiga tiñan,
decidiu ir consultar.
Moi mal lle prestou á vella
o que lle fixera ao mozo,
non hai peor maleficio
que o dun pai para o seu fillo.
-Non se pode maldicir
xamais o teu propio sangue.
Sangue lle has de facer
pero sen dano causar.
Isto foi o que a bruxa,
severa, lle dixo ao vello,
este moi meditabundo
para a casa se marchou.
Polo camiño acordou,
que ao monte debía ir
na mesma noite seguinte
sen máis tempo que perder.
Armado cun bo coitelo,
levou consigo un rexelo,
na procura daquel lobo
no que o fillo se volvera.
A carón dunha toxeira
atou o coitado año,
agochándose entre as uces,
a faca, xa preparada.
A media noite o rexelo
comezou a estarrecer,
era o lobo que chegaba
a trabar en carne mol.
En vendo isto, o ancián,
virándose cara o lobo,
no lombo espetoulle o ferro;
grande cortada lle fixo.
Ao colo, botoulle os brazos,
exclamando – Fillo, fillo!
e pedíndolle perdón.
Moito salaiaba o vello!
Entón o pelexo do lobo
pola ferida se abriu,
desprendéndose do corpo
coma se for un folecho.
Tras unha sacudidiña
e un enlamarse entre as uces,
por fin de novo o rapaz
recuperou o seu ser.
Desta maneira remata
a historia do lobishome,
non sei o que hai de certo,
a min así mo contaron.
por Suso De Lameliña | Jun 8, 2024 | Andanzas do Suso de Lameliña, Autores/as, Colaboracións, Creación, Literaria, Xeral
Andanzas do Suso de Lameliña
Suso de Lameliña
ALASCA
Creo que xa llo contei outra vez, doutor. O meu alcume non lle vén polo estado de USA, nin pola cantante. De feito é Alasca con “c” e non con “K”. Foille cousa de Darío, e remóntase a cando íamos en primaria. O señor cura, que nos impartía doutrina católica, decidiu formar un coro para as misas. Eu estaba moi animada, admiraba moito a Marta Sánchez e soñaba con ser de maior cantante. Tiña todos os discos de “Olé Olé” e na casa sempre estaba cantando —ben, cantar é un dicir, xa verá por que—temas como “No controles”, “Lili Marlene” ou “Voy a mil”. Así que me apuntei ao coro e resultou ser un desastre.
Ao segundo día, D. Remixio díxome: “Mira Elisa, o teu non é o canto, polo que é mellor que de agora en diante estés caladiña. Podes seguir no coro, pero só movendo os labios, facendo coma se cantases”. Asistín a dous ensaios máis, pero sentinme tan mal que abandonei, humillada e avergonzada- O único consolo veu de Darío, que achegándose a min dixo:
—Non fiques triste, Alasca; vales máis ca todas as rapazas da vila.
—Oes, e por que me chamas Alasca? —pregunteille
—Pensa no teu nome e apelidos, e daraste conta— contestoume.
E ao intre decateime; por suposto non tiña nada que ver con Alaska. (Amaia Lasarte Carreira:Alasca). O meu pai é de Zumaia, de aí o meu nome e o primeiro apelido.
Coitado de Darío, canto me quería! E como lle teño xa contado, D. Paulino, desde aquela fixémonos inseparables, ata converterse o noso, xa de adolescentes, nunha relación de parella que durou máis de dez anos. Que dedos, doutor, os daquel mozo, e que lingua. Como lle gustaba xogar co meu clítoris, que acababa por poñermo duro como ninguén o conseguía; ben, se exceptuamos a Sofia. Aínda hoxe con só lembrarme me corro, doutor. Estabamos no auxe da xuventude e xa se sabe, fodíamos en calquera momento e lugar. Tempos aqueles, divina xuventude!
Despois aparecería Sofía nas nosas vidas. Ao principio foinos moi ben. Entendiámonos os tres a perfección e sen asomo de celos. Cantas veces me teño ido, simplemente vendo como lla metía a Sofía mentres, móbil en man, os gravaba. Aínda conservo algúns vídeos. Ben o sabe, D. Paulino, pois xa os temos visto xuntos e ben que lle agradan.
Pero, aínda ben non sei por que, sería a rutina de tantos anos, comecei a cansarme de Darío, ao tempo que cada vez me tiraba máis a cona de Sofía. Acabamos por romper e quedar as dúas soas. Sofía non era só a miña amante, senón que tamén era a miña xefa; a dona de “AsesoraGest”. Foron anos marabillosos, pero todo o bo ten un fin. Nos últimos meses a cousa non pintaba nada ben. Eu cada vez estaba peor, totalmente dominada polo alcohol e sobre todo pola coca. Sofía non cesaba de rifarme e eu non soamente non lle facía caso, senón que me ría na súa cara. “ Vas acabar mal, nena. Non podes seguir así. E xa non é só por ti, é tamén por min. Eu non aguanto máis e calquera día destes mándote á merda”, adoitaba dicirme, día si e día tamén. E acabou por estourar todo dun xeito inusitado, unha mañá de principios de xuño. E todo por culpa daquel cliente, un italiano de Nápoles que tiña unha casa rural pola Ribeira Sacra. Que bo estaba o cabrón! Mentres lle cubría uns impresos comezou achegarse a min, solermeiro, coma quen non quere a cousa, e non puiden resistirme. Ía tempo que non probaba un mango, desde que deixara a Darío, case dous anos, así que o agarrei pola man e leveino ao baño. Se lle conto, doutor. Nunca tan ben me sentou un “polvo” como aquel; nunca, doutor, xúrollo. Nin con Darío nin con Sofía me sucedeu cousa igual e mire que teño gozado ben. Con só pensalo, humedécenseme as bragas, mi madriña! E xusto cando estabamos saíndo do niño de amor, entra Rosa, que viña de tomar o café e cázanos a medio vestir, acabando de arranxarnos. Non dixo nada, pero pola cara que puxo fun consciente de que o noso tocara ao seu fin. Agardou que marchara o cliente, e dirixíndose a min nun ton serio e seco sentenciou:
—Podes marchar tomar o café e non volvas máis. Esta tarde ou mañá vou polo piso, recollo as miñas cousas e marcho para xunto os meus pais. Para a semana o luns ou o martes pasas por aquí a recoller o finiquito.
E da noite para a mañá quedei sen “curro”. Un ano de paro e enganchada á droga coma nunca, agora con máis motivo, pois atopábame moi soa e deprimida. Foi entón cando a miña veciña Luisa me botou unha man. Ben deitei dela, D. Paulino, que boa muller lle é. Mais como o asunto cada vez ía a peor, acabou convencéndome de ingresar nesta súa clínica, doutor, que tan boa fama ten.
Ai!, D. Paulino, non sexa malo, que me está poñendo coma unha moto. Aínda vai entrar dun momento a outro unha enfermeira e a que se pode armar; non me vaia pasar coma con aquel cliente. Que vergoña, doutor! Pero siga, siga. Xa que empezou. Cada día que pasa gústame máis o novo método que decidiu aplicarme desde que se esqueceu de Freud e de toda esa mandanga. Abofé, que a este paso, pronto vou estar curada. Xa deixei os “gin tonic” e case non consumo coca. Cando estea ben, vai ter que facerme un oquiño na súa clínica, de auxiliar, ou secretaria, do que vostede considere. Pero siga, doutor, non nota que duras se me están poñendo as tetas. Siga, siga…, non se corte, que o está facendo moi ben. Ai!, doutor, ben deito de vostede. Que sería de min sen o seu consolo e sen as súas mans tan delicadas.
por Suso De Lameliña | May 24, 2024 | Andanzas do Suso de Lameliña, Autores/as, Colaboracións, Creación, Literaria, Xeral
Andanzas do Suso de Lameliña
Suso de Lameliña
FRECHAZO
Tería uns dezasete ou dezaoito anos cando, atopándome na Mariña lucense, decidín ir cuns amigos á festa de San Pedro de Benquerencia. Os que me coñecen ben saben que iso do baile nunca me entusiasmou, nin agora tampouco, polo que decidín arrimarme a un chiringuito e tomar algo.
Nada máis chegar, xa a vin. Estaba alí, soa, con porte altivo, de aquí estou eu, como se fose a dona do lugar. Non lle prestei máis atención e pedín unha cervexa. Tras un trago, volvín a vista cara a ela que, con ollos grandes e curiosos, fixamente me observaba. Ao momento fun consciente de que algo especial acababa de acontecer. Ela, sen dicir nada, comezou a rozarse contra min. Eu non ía ser menos e, en resposta, comecei a acariñala.
Cando estabamos no mellor do noso tímido encontro, unha voz desafiante interrompeu o idilio:
—Claudia! Condenada, pero onde te metiches? Sempre igual, vaia susto. Que sexa a última vez que me fas isto!
E ela, sumisa e obediente, pero cun último ollar cómplice cara a min, arrincou miañando cara a quen debía ser a súa dona e deixoume só coa San Miguel na man, pensando naquela conexión máxica que só unha gata pode provocar.
por Suso De Lameliña | May 9, 2024 | Andanzas do Suso de Lameliña, Autores/as, Colaboracións, Creación, Literaria, Xeral
Andanzas do Suso de Lameliña
Suso de Lameliña
O CHAPEU DE AMANDINE BARBIER
Amandine, afamada cantante do século pasado, nacida en Arromanches, rexión de Calvados, destacou máis polos seus estrafalarios chapeus que pola súa voz ou letras. Os deseños únicos da casa parisiense “La Folie des Chapeaux” eran tan grandes que ocultaban case por completo o seu rostro, eclipsando o escaso talento que a natureza lle outorgara. Cada vez que o quitaba a inspiración desvanecíase e non era capaz de interpretar unha canción. Co tempo, os seus sombreiros chegaron a fusionarse con ela nunha só identidade, transformándoa nunha icona da moda mentres a música quedaba no esquecemento.
A finais dos noventa a súa actuación no San Froilán de Lugo, nunha Praza Maior, totalmente ateigada, foi todo un acontecemento; o sombreiro que lucía quedou gravado na memoria dos espectadores. Aínda hoxe hai moitos que se lembran da asombrosa posta en escena por parte da diva francesa. Esa noite decidín imitala. Ao día seguinte acudín á Sombreirería Da Costa, na rúa Conde Pallares de Lugo e merquei o meu primeiro chapeu. Desde aquela e ata o día de hoxe, non saio da casa sen esta prenda talismán.
por Suso De Lameliña | Abr 26, 2024 | Andanzas do Suso de Lameliña, Autores/as, Colaboracións, Creación, Literaria, Xeral
Andanzas do Suso de Lameliña
Suso de Lameliña
FALCATRUADA AFECTUOSA
Ás veces, é necesario e mesmo saudable romper coas normas. Iso foi o que fixen hoxe á tarde, cando, en compañía do meu amo, decidín gastarlle unha pequena faena. Non podedes imaxinar canto me rin. Fíxeno sufrir abondo, e ao final, ata sentín un pouco de pena por el, meu pobre! Sei que no fondo me ten aprecio e me quere ben, e despois do de hoxe, máis me vai estimar, abofé. Quedou de pedra, sen dar creto ao que lle viña de suceder e, cando xa se daba por vencido, determinei botarlle unha man.
Debedes estar preguntándovos que foi o que realmente aconteceu. Pois ben, é moi sinxelo: aproveitando unha ráfaga de vento —que esta tarde se facía sentir con forza na cidade das murallas—, escapei sen deixar rastro e agacheime baixo un Opel Corsa, xusto ao lado da roda traseira dereita, ben agochadiño. E el, a buscar e rebuscar por todos os recunchos sen atopar nada, mirando debaixo dos coches sen máis éxito. O seu querido panamá non aparecía por ningures. “Non hai nada que facer, só Deus sabe onde pode estar”, murmuraba entre dentes. Xa estaba a piques de renunciar á busca cando asomei un chisco e, nese intre… Viume e correu cara a min. O berro que soltou debeuse escoitar na outra punta da cidade. A xente que pasaba por alí, unha rúa bastante transitada, quedou mirando para el como se fose un tolo. Pero o home estaba feliz, colleume con máis agarimo do habitual, deume un bico e colocoume coidadosamente enriba da cabeza, asegurándose de que non se me ocorrese volver facer outra das miñas aduanadas.
por Suso De Lameliña | Abr 10, 2024 | Andanzas do Suso de Lameliña, Autores/as, Colaboracións, Creación, Literaria, Xeral
Andanzas do Suso de Lameliña
Suso de Lameliña
O ESPÍRITOS DE MIRAMAR
Ás veces, tendemos a non tomar en serio relatos de sucesos sobrenaturais; todo o contrario, reaccionamos con escepticismo ou mesmo con burla. Historias sobre aparicións de entes queridos ou coñecidos poden ser recibidas con risas ou incredulidade. Sen embargo, para aqueles que as contan, estes eventos poden ter un impacto profundo e persoal. En moitas ocasións, son algo máis máis ca simples contos; son expresións de medos, esperanzas e o desexo de conexión co máis alá.
Debo admitir que sempre me considerei parte do grupo de escépticos que dubidan destas historias. Non obstante, un suceso recente no Monestir de Miramar, situado na idílica Valldemossa ao pé da impresionante serra da Tramuntana, fixo que as miñas conviccións vacilasen.
O Monestir de Miramar, fundado en 1271 polo visionario Ramón Llul e co patrocinio do rei Jaime II, foi unha institución pioneira dedicada á difusión do coñecemento e á comprensión intercultural. Alí, un grupo de frailes franciscanos entregouse á aprendizaxe do árabe e á práctica da arte luliana, un método de pensamento deseñado para promover a conversión dos non cristiáns a través do diálogo racional e respectuoso. A pesar da súa nobre misión, a iniciativa non durou moito tempo e, co paso dos séculos, o monasterio caeu no esquecemento, quedando case en ruínas.Sería no ano 1872 cando o arquiduque Luis Salvador de Austria, un erudito apaixonado pola cultura e a historia das Illas Baleares, redescubriu e restaurou o mosteiro. Co seu refinado gusto da época, o archiduque transformou o lugar nun santuario de aprendizaxe e beleza, preservando así unha peza clave do patrimonio cultural da rexión. Hoxe en día é unha especie de museo adicado a Llul e ao arquiduque.
Como xa ben dixen, a visita a este recinto fixo que a miña incredulidade sobre sucesos sobrenaturais se tambaleara. Ao entrar na estancia que alberga o mausoleo de Vratislau Viborny ˗unha escultura en mármol, obra de Antonio Tantardini, adicada por Luis Salvador ao seu primeiro secretario, suposto amante, a guía, unha agradable moza navarra, pechou a porta con discreción, un xesto pouco habitual xa que normalmente permanecen abertas. Tras finalizar a súa exposición, volveu abrila e revelounos o motivo do seu cerre. Contounos que unha mañá, mentres estaba totalmente concentrada relatando as aventuras amorosas do arquiduque (un home, en palabras da guía, a quen lle gustaba tanto o pescado como a carne), sentiu unha presenza detrás dela. Ao xirarse, viu como dúas sombras misteriosas se lle achegaban. Por un intre ficou en silencio, sen saber o que facer, ante o estupor dos visitantes, que temían por ela, crendo que lle ía dar un ataque. Recuperando a compostura, e sen máis explicacións, guiounos á seguinte sala. Segundo ela, está convencida que eran os espiritos de Vratislau e de Luis Salvador.
Continuamos a visita con total normalidade, mergullándonos na tranquilidade e beleza do lugar. O último punto do noso percorrido era a aula onde Ramón Llul impartía clases de árabe e desvelaba a súa teoría sobre a existencia de Dios. Era un espazo cargado de sabedoría e misticismo, onde o pasado parecía palpitar entre as paredes de pedra. Agardei a que marcharan todos, para mellor poder sacar unhas fotos. De súpeto, un estrondo sacudiu o silencio, un forte e seco golpe que fixo que me sobresaltara. Era a Tramuntana, ese vento mítico que sopla con forza por estas terras, que pechara con ímpetu a vella xanela. Fiquei tranquilo, pero cando me dispuña a saír sentín como unha forte presión no ombreiro. Lembreime do que nos viña de contar a guía, asustado, din a volta e alí por uns segundos crin ver a silueta de Ramón Llul, aínda que só fose unha ilusión creada pola luz e as sombras. Botei os pés fóra da sala e do mosteiro. A tramuntana soplaba con forza e semellaba burlarse dos meus medos. Non quitaba da cabeza o que me viña de pasar e sentíame identificado co que lle sucedera á moza navarra. Estiven a piques de comentarlle o suceso, pero decidín pechar a boca. Agora estou convencido que os espiritos de Ramón Llul e Luis Salvador de Austria permanecen entre as paredes deste lugar de sosego e paz. Deixei atrás o mosteiro e tras botar unha última ollada ás tranquilas e fermosas augas do Mediterráneo, que desde alí se divisan, dirixinme ao autobús, mentres ía lembrando o que nos dixera a guía que contaba o arquiduque na súa grande obra Die Balearen: “Ningún outro lugar da terra pode levar con máis propiedade o nome de Miramar”.