Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

MUDANZAS DE BRIGANCIA

Hai máis de dous anos, chámame ao móbil Bernardo: “Sabes o que está pasando en Santalla de Conforto?” “Se non mo contas, non”, respondinlle. E empezou a falar. O que me contou deixoume abraiado, e iso que aínda o asunto estaba en cueiros; tempo despois sería noticia de alcance internacional. 

Santalla de Conforto é unha pequena vila da Brigancia profunda. Alí un bo día, Consuelo, unha modista de prestixio, deixouse ver polas rúas da mesma, convertida en carballo. Para ser máis exacto, convertida, convertida, non, vestida de carballo. Pero era tan boa a caracterización, que realmente semellaba un “quercus robur” errante. A veciñanza non daba creto. “Volvéusevos louca Consuelo, mira polo que lle deu. A morte do seu marido deixouna traumatizada. Coitada!”.

Non pasarían quince días des que a modista mudara en carballo, cando se presentou no seu obradoiro, Pascual, o fillo máis novo do boticario: “ Cheliño, e poderíasme confeccionar un traxe de castiñeiro?”. Dito e feito. Ao cabo dunha semana Pascual estaba feito un castiro centenario. “Outro que toleou”, murmuraba a xente.

Mais a cousa non quedou así. Ao pouco apareceu Sonia do Fogueteiro mudada en acivro: a muller do alcalde, en pexegueiro; Dositeu de Cando, en cerdeira… Deste xeito a vila foise enchendo de árbores: carballos, castiñeiros, acivros, ameixeiras, bidueiros… Cando xa media vila mudara en árbore andante, presentouse na casa da modista, Fernando, o dono do serradoiro, querendo ser un eucalipto. “Iso si que non, Fernandiño. En eucaliptos e piñeiros non traballo, xa temos abondos”. “Faime logo un de teixo se non che importa”, pediulle. Pasada unha semana apareceu pola vila o primeiro teixo viaxeiro.

En cousa dun ano a vila mudou nunha fraga, algo insólito e rechamante. Ben, como adoita suceder, sempre hai unha excepción, Pepín da carnicería negouse en redondo a ser árbore. Nin a intervención do alcalde para que recapacitase e mudase en maceira ou no que quixese, valeu de nada. Mesmo o ameazaron con boicotearlle a carnicería, mais el resistiuse. “Onde mellor carne ían comprar que no seu establecemento? “ Remataron con deixalo en paz, ao ver que non cedía: “ Sempre foi medio raro, que lle imos facer. Ten que haber xente para todo”.

Nin que dicir ten, que o suceso transcendeu as fronteiras de Brigancia, para converterse en noticia mundial. Xa desde o momento que se deron os catro ou cinco primeiros casos ( daquela foi cando recibín a chamada de Bernardo), comezaron a chegar a Santalla os primeiros reporteiros. De feito, eu fun un deles, como enviado do diario “O Retroceso”. Logo virían as radios, as televisións, que seguirían o acontecemento día a día con programas especiais —nin cando fora da consulta de independencia de Brigancia se vira semellante despregue—; así durante cinco ou seis meses, ata que se soubo que en Castromourán de Abaixo, a xente comezara a mudar en mamíferos. Un día apareceu o alcalde transformado en burro, para logo verse polas rúas, cochos, vacas, raposos, osos, ratos…,, todo tipo de bichería do país. Unha auténtica animalada.

Agora tócalle a  Castreliño da Moura, alí a veciñanza está en proceso de mudar en réptil. Hai cousa duns días apareceron os primeiros lagartos, e algunha que outra pinchorra e escáncer, cos que de nenos tanto nos gustaba xogar. 

Hai rumores de que todo isto é unha estratexia dos independentistas, para chamar a atención e de paso ver se deste xeito, por fin, Iberlandia é quen de deixalos ceibes, acadando así a tan ansiada independencia. A min antes parecíame unha destas tan en voga teorías conspiranoicas, pero agora xa empezo a crer que algo de certo debe haber. Desde logo “O Retroceso”, vai seguir, como é a súa norma,  atento aos acontecementos para no seu momento informar dun xeito rigoroso de todo o que aconteza na nosa Brigancia.