Este vindeiro sábado teremos a oportunidade de darlle a benvida á primavera. Castiñeiro Milenario organiza unha xornada de cultura e música tradicional, na que as protagonistas serán as nenas e nenos que se acheguen ata a parroquia do Castro (Begonte), onde, guiadas por Branca Villares, van aprender a facer un maio e botar unhas cantigas ao seu arredor. Xa pola noite a música será a protagonistra nunha nova edición da Foliada de Primavera.

Velaí vai o programa do día.

Comezaremos pola tarde cunha merenda para a cativada, chocolate e biscoito para coller forzas e ir apañar flores e fentos e xestas para facer un maio ben bonito e grande. Dirixidos polas sabias indicacións de Branca Villares faremos un maio, probaremos a facer algún “maio vivo” e cantaremos unhas pezas ao redor do maio, nenos, nenas e maiores todas xuntas para dar a benvida á primavera.

Despois haberá uns petiscos para empezar unha nova edición da Foliada de Primavera. A partir das nove, comezará a festa o grupo residente, Foliadeir@s do Castro, nesta ocasión moi ben acompañado pola Asociación A Legua Dereita desde O Corgo, As Cernellas de Santa María de Bóveda e para rematar, Troupelear desde Baralla. Ao remate, foliada aberta ata que os corpos aguanten.

Agradecemos, como sempre, a boa disposición dos grupos para participar neste acto festivo, a Branca Villares pola axuda e á Asociación Veciñal do Castro por cedernos o local para facer esta gran festa da primavera.

Toda a información na nosa páxina

https://castinheiromilenario.wordpress.com/2018/05/04/actos-foliada-de-primavera-e-maios/

Adxuntamos o cartaz do evento.

 

AC Castiñeiro Milenario
Pacios, 85 27373 Begonte
http://castinheiromilenario.wordpress.com
https://gl-es.facebook.com/castineiro.milenario
https://twitter.com/CastinheiroMile
https://www.flickr.com/photos/castinheiromilenario/
http://festival27373.wordpress.com/