Despois de tres longos anos, volven as foliadas a Castiñeiro Milenario.

Logo destes anos tan duros para todo o mundo, tamén para o mundo da cultura, queren deixar atrás este inverno de pandemia e festexar a volta da máis fermosa das primaveras e buscan facelo como lles presta na asociación, celebrando a vida cos Maios e con música tradicional.

O sábado 7 de maio, a partir das seis da tarde no local do Pobo da Asociación Veciñal do Castro, guiados por Branca Villares realizarán un maio, fermoso e florido, para dicir ata nunca a este longo inverno e saudar a entrada da primavera. Despois do maio contarán con Xes O Mago, un rapaciño que engaiolará cos seus trucos e que vai a actuar por primeira vez en público, algo que, sen dúbida, nos enche de orgullo e satisfacción.

Ao remate haberá uns petiscos para repoñer forzas e encarar a primeira foliada postpandémica na que contarán con Foliadeir@s do Castro, a presentación de Treitoira e despois, foliada libre.

Dadas as circunstancias especiais aconsellan intentar gardar as distancias de seguridade e o uso do tapabocas no interior do local, aínda que a idea é facer a maior parte da festa no exterior.

*Información facilitada pola asociación Castiñeiro Milenario.