Cunha linguaxe delicadamente visual e cunha fonda estética minimalista, a compañía de teatro vasca Aboon Teatro propón unha fermosa e divertida viaxe para redescubrir o noso planeta
A entrada para os dous pases (18 e 19 horas Casa da Cultura do Milladoiro) é de balde, previa retirada de convite en abilleteira.concellodeames.gal
Camiño Escena Norte, o proxecto de intercambio cultural a través das artes escénicas no que participan compañías teatro, danza e novo circo de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra, chega esta fin de semana á localidade de Ames. Este venres, 6 de outubro, ofrecerá unha dobre función do espectáculo infantil e familiar Baby Esferic, da compañía vasca Aboon Teatro, na Casa da Cultura do Milladoiro. A entrada é gratuíta, previa retirada de convite a través da páxina web municipal abilleteira.concellodeames.gal
Baby Esferic é un espectáculo innovador que propón despertar a imaxinación de toda a familia, á ver que rende unha homenaxe á Terra. Sen texto, e cunha linguaxe delicadamente visual e estética minimalista, é unha divertida viaxe para redescubrir e emocionarnos co noso fogar a través dos ollos das máis pequenas e pequenos. A peza fala da maxia que nos une ao planeta e aos seus habitantes a través de diferentes historias e paisaxes. Unha grande esfera branca é a protagonista, e que se transforma en diferentes lugares e simpáticos animais, coma medusas que emerxen do fondo do mar, tartarugas milenarias que amosarán o ciclo da vida, abellas recolectoras que cooperan ou, incluso, un boneco de neve que chegará desde o Ártico. A obra está dirixida, especialmente, a bebés de 6 meses a tres anos e cada función ten unha duración duns 30 minutos e, a continuación, conta con 15 minutos de espazo de xogo coas familias.
De cara á vindeira semana, Camiño Escena Norte continuará o seu percorrido por Viveiro, Carballo, Vimianzo e Portomarín, con espectáculos como Sexpiertos -gañadora do Premio Max Mellor Labor de Produción 2023-, que ofrecerá unha función o venres 13 en Viveiro e outra o sábado 14, en Carballo; Misery, a adaptación da novela de terror de Stephen King, que chegará o sábado 14 a Vimianzo; e Malabaracirco, espectáculo de novo circo que se poderá ver en Portomarín o domingo 15.
PROGRAMACIÓN CAMIÑO ESCENA NORTE 2023
06.10 | Ames: Baby Esferic, de Aboon Teatro (Euskadi).
13.10 | Viveiro: Sexpiertos, de Tanttaka Teatroa (Euskadi).
14.10 | Carballo (FIOT): Sexpiertos, de Tanttaka Teatroa (Euskadi).
14.10 | Vimianzo: Misery, de Saltantes Teatro (Asturias).
15.10 | Portomarín: Malabaracirco, de Circus Magníficus (Cantabria).
20.10 | Lugo: La bestia negra, de Proyecto Piloto (Asturias).
22.10 | Santiago de Compostela: Fronterizas, de Mari Paula Dance & Performance (Cantabria).