Camiño Escena Norte contará, por terceiro ano consecutivo, con Vegalsa-Eroski como patrocinador oficial
A supraentidade Camino Escena Norte AIE e a compañía galega de distribución alimentaria ratificaron esta mañá na Coruña o acordo de colaboración
O proxecto de intercambio de artes escénicas entre Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra contará na súa quinta edición (17 de setembro-22 de outubro) con espectáculos de danza e artes do movemento, teatro e novo circo
As compañías galegas Caramuxo Teatro, Rebordelos e Xampatito Pato participarán no programa de exhibición ‘Itinerario Constelacións’, mentres que Os Náufragos Teatro, Marta Alonso Tejada e Paula Quintas foron seleccionadas para o intercambio profesional ‘Cruzamentos’
Camiño Escena Norte (CEN) e Vegalsa-Eroski fornecen súa alianza. Por terceiro ano consecutivo, o proxecto de intercambio de artes escénicas entre Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra contará co apoio da compañía galega de distribución alimentaria, que se consolida como patrocinador oficial da iniciativa.
Na sinatura do acordo, que tivo lugar esta maña no Club Nordés da Coruña, estiveron presentes, por parte de Camiño Escena Norte AIE, Santiago Cortegoso, o presidente de Escena Galega (a entidade que representa o proxecto en Galicia); mentres que pola banda da distribuidora alimentaria estivo Gabriela González, directora de Sostibilidade e Comunicación Corporativa de Vegalsa-Eroski. O acto tamén contou coa asistencia do coordinador de CEN, Diego V. Meizoso, e de representantes da compañía coruñesa Caramuxo Teatro, unha das tres compañías galegas que participarán no programa de exhibición do CEN 2023. No seu caso será coa montaxe de teatro para público infantil e familiar Crisálida.
“Desde Camiño Escena Norte celebramos que, por terceiro ano consecutivo, Vegalsa-Eroski se sume ao proxecto como o noso patrocinador oficial. A colaboración entre o sector cultural e creativo e o sector produtivo é indispensable para o presente e o futuro dos proxectos culturais. Especificamente para Camiño Escena Norte é moi importante na consolidación e crecemento sostible do proxecto, que este ano chegará a case 60 localidades, entre elas 26 sedes de Galicia e do Principado de Asturias”, indicou Santiago Cortegoso.
“Para Vegalsa-Eroski a promoción da cultura constitúe un dos atributos patrimoniais que nos representan, vinculan ao noso territorio e conectan coa sociedade. O apoio, unha vez máis, a Camiño Escena Norte, supón apoiar un dos eixes culturais que vertebran as artes escénicas en Galicia e nas demais comunidades”, manifestou Gabriela González.
Camiño Escena Norte
CEN naceu en 2019 co obxectivo de promover o intercambio cultural a través das artes escénicas, tomando como referencia e fío condutor os camiños a Santiago de Compostela. Desde o seu inicio, CEN levou o teatro e a danza a escenarios alonxados, en moitos casos, dos circuítos habituais de representación, ofrecendo así a oportunidade de acceder á cultura a públicos de municipios e localidades que non poden gozar, con regularidade, deste tipo de espectáculos.
CEN é unha iniciativa promovida polas asociacións profesionais de produtoras de artes escénicas Escena Galega (Galicia), EscenAsturias (Asturias), ACEPAE (Cantabria), Eskena (Euskadi) e ESNA (Navarra), que se incorpora este ano como entidade promotora no territorio. Todas elas únense na supraentidade Camino Escena Norte Agrupación de Interés Económico, creada especificamente para o desenvolvemento, xestión e produción deste proxecto.
A expansión do Itinerario Constelacións en 2023
Camiño Escena Norte, que conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); continúa este ano co seu enfoque expansivo e o compromiso de promover o intercambio escénico, artístico e profesional. No 2023, CEN contará cunha programación especial que se celebrará do 17 de setembro ao 22 de outubro. No seu programa de exhibición, nomeado Itinerario Constelacións, participarán 15 compañías de teatro, danza e artes do movemento e novo circo que mostrarán os seus espectáculos en perto de 60 localidades do arco cantábrico, o que supón a consolidación do proxecto no territorio fiado, simbolicamente, pola ruta xacobea que percorre o norte da Península Ibérica.
Galicia exportará talento aos demais territorios grazas á representación da compañías galegas Caramuxo Teatro, co seu espectáculo Crisálida;Rebordelos, con Amantis. Selfies, sexting e outras formas de amar(se); así como de Xampatito Pato con Só.
Ademais do Itinerario Constelacións, CEN conta con outra pedra angular: Cruzamentos, un programa deseñado para promover o intercambio artístico e profesional entre compañías. Este ano, a rede de estadías artísticas e profesionais desenvolverase a partir do 17 de agosto, previamente ao programa de exhibición. As propostas seleccionadas, no caso galego, foron as que realizaron as galegas Marta Alonso Tejada a La Sala (Euskadi), para abordar os proxectos Shine + Dancin’ Queen; e Paula Quintas Cía, que achegará unha mirada externa sobre o espectáculo Me arrepiento da compañía vasca Node. Pola súa banda, a compañía Os Náufragos Teatro será convidada pola cántabra Escena Miriñaque para investigar arredor dunha instalación-espectáculo inmersivo para bebés, Meeting Baby.
Sobre Vegalsa-Eroski
Vegalsa-Eroski conta en Galicia, Asturias e Castela e León con 281 establecementos, entre propios e franquiciados, ao abeiro das marcas comerciais Hipermercados e gasolineras Eroski, Eroski/Center, Autoservicios Familia, Cash Record, Eroski/City, Aliprox e Rapid. A súa estrutura comercial en Galicia esténdese polas 4 provincias galegas e conta cunha moderna plataforma de mercancías xerais situada en Sigüeiro (A Coruña), dotada con tecnoloxías loxísticas de última xeración, ademais das plataformas de produtos frescos de A Coruña e centros de redistribución en Vigo e Ourense. Pola súa banda, a división de Autoservicios Cash Récord de Vegalsa-Eroski conta cun mapa comercial composto por 18 centros distribuídos de xeito homoxéneo, entre Galicia e Asturias, con fáciles e rápidos accesos nas áreas empresariais e con boas comunicacións.
20230620-NP-GAL-CEN-e-VEGALSA