O primeiro directo para dar a coñecer o novo álbum do trío terá lugar no marco da celebración do festival ‘O que non se escribe’ sobre arquivos sonoros e creación contemporánea


As entradas para a cita, que terá lugar o venres 9 a partir das 20:30 horas no Teatro Principal, están dispoñibles desde hoxe no espazo web 
www.compostelacultura.gal

Alberto Cernadas (crnds), Antía Ameixeiras, Begoña Riobó, Claudia Abril, Marta Collazo, Flor Díez, Diego Alonso e Germán Díaz participarán na presentación

Caldo presentará ao vivo Lugar A Ponte, o seu novo traballo discográfico, o vindeiro venres 9 de xuño. A actuación, que terá lugar a partir das 20:30 horas no Teatro Principal de Santiago, enmárcase na celebración da terceira edición do festival O que non se escribe, o encontro arredor do patrimonio sonoro e a creación contemporánea. As entradas para o directo, que contará coa participación de diferentes convidadas, están dispoñibles desde este martes 16 a través da páxina web www.compostelacultura.gal

Lugar A Ponte, o segundo álbum do trío conformado por Anaïs Barbier, María Jorge e Pedro Fariñas publicouse o pasado 12 de maio nas principais plataformas dixitais. Producido man a man con Alberto Cernadas (crnds), é un disco con dez cortes no que Caldo incorpora novas texturas e atmósferas á súa sonoridade, mais sen renunciar á súa identidade, que agroma e bebe da tradición. Neste sentido, o grupo adapta e toma como punto de inspiración melodías ou temas tradicionais recollidos en lugares de Gargamala, As Neves, Avión, Pontecaldelas e Pazos de Borbén. 

O concerto do vindeiro venres 9 contará, ao igual que sucede no propio álbum, con numerosas colaboracións e artistas convidadas. Así, ademais da participación do produtor e instrumentista crnds, sobre as táboas do Teatro Principal Caldo acompañarase de German Díaz (zanfona), Diego Alonso (saxo), Claudia Abril, Flor Díez e Marta Collazo (voz e pandeireta) e as violinistas Antía Ameixeiras (Caamaño & Ameixeiras) e Begoña Riobó (SonDeSeu). 


Caldo

María Jorge (violín), Anaïs Barbier (voz e pandeireta) e Pedro Fariñas (guitarra e gaita) son Caldo, o trío que achega a música tradicional a contextos sonoros contemporáneos a través da experimentación cos propios instrumentos. Premiadas co galardón ao Mellor proxecto de música folk nos Premios Martín Códax da Música (2020) e gañadoras do concurso Fran Pérez ‘Narf’ da Deputación da Coruña (2020), as creadoras de Caldo integran melodías tradicionais galegas e composicións propias con influencias das músicas europeas e atlánticas, unha fusión natural que vai directa ao sentir do público.

O pasado 12 de maioCaldo publicou Lugar A Ponte, o seu segundo álbum, unha proposta íntima, moderna e potente, ateigada de honestidade e de responsabilidade tanto coa tradición coma con elas mesmas. Con este traballo, producido e gravado man a man con Alberto Cernadas (crnds), Caldo abre paso e reinvidica o seu espazo no panorama actual coma unha das agrupacións imprescindibles á hora de entender a renovación e posta en valor da música tradicional a través da experimentación sonora.

Escoita Lugar A Ponte

20230516-Presentacion-ao-vivo-de-Lugar-A-Ponte