Búscame,
na fondura do mar inmenso,
na area quente dunha praia deserta,
nas rochas, nas ondas,
no voar das anduriñas viaxeiras,
no vento que pasa silandeiro,
búscame,
nos beizos mozos que non bicaron ainda,
nos suspiros dun corazón namorado,
búscame,
nas estrelas, na máis escondida, nesa que tanto brila,
búscame,
no sorriso dun neno,
nas mans que piden xustiza,
no pranto cotián de tanta xente,
búscame,
no regato de augas cristalinas
que discurre pólos nosos desexos,
búscame,
na tristura calada, tamén na ledicia,
neses intres que mancan,
neses outros tamén que pasan sen deixar siquera nada, nin ferida…
búscame,
no fondo dunhos ollos que miran,
ás veces sen ver, outras vendo demasiado…
ollos que ainda pechados
rabuñan o corazón,
e saben das vidas alleas…
búscame,
nas pedras dos camiños,
nas frores e nos carballos,
no fulgor da primavera,
búscame,
alí estarei, en todas partes onde mires,
porque é a vida,
e eu: son a vida mesma…
(Emilia Martínez Fuentes)