A nova gala ‘Animus Iocandi’, con Ana Morgade, Eva Soriano, Leo Harlem e Sílvia Abril, e o show do podcast ‘La Ruina’, protagonistas da penúltima xornada do EMHU este sábado 6 de maio

O Teatro Colón recibirá contra ás 12:30 horas deste sábado o escachante espectáculo de Ignasi Taltavull e Tomàs Fuentes, mentres que o Palexco acollerá a estrea absoluta da nova gala do EMHU, cunha dobre función programada para ás 19:00 e as 22:00 horas

Todas as entradas para estes espectáculos que terán lugar na derradeira fin de semana da III edición do Encontro Mundial de Humorismo están xa esgotadas 

Finalmente, este domingo, 7 de maio, o EMHU 2023 botará o pano coa celebración da gala ‘Fantastic Colofon’, que contará coa participación de Carolina Iglesias, Luis Piedrahita e Pantomima Full e na que se entregarán os Premios EMHU 2023

Ana Morgade, Eva Soriano, Leo Harlem, Sílvia Abril, Ignasi Taltavull e Tomàs Fuentes son protagonistas da penúltima xornada do III Encontro Mundial de Humorismo, que chega este sábado, 6 de maio, con todas as localidades esgotadas para as tres funcións que se sucederán ao longo do día. 

Pola mañá, contra ás 12:30 horas, o Teatro Colón acollerá unos dos espectáculos máis destacados dos últimos tempos: La Ruina, a proposta coa que os guionistas e cómicos Ignasi Taltavull e Tomàs Fuentes fan que tanto asistentes á función coma figuras convidadas compartan a súa anécdota máis vergoñenta en público. Polos micrófonos do show xa amosaron as súas ‘miserias’ ou ruinas nomes como Berto Romero, Facu Díaz ou Marc Giró. Quen será a persoa convidada desta fin da semana é un misterio, máis os sorrisos estarán garantidos.

Xa pola tarde, o EMHU regresará ao Palexco para presentar a estrea absoluta dunha produción propia: a nova gala Animus Iocandi, que xunta por vez primeira nun mesmo escenario a catro dos nomes máis grandes da comedia actual en España: Ana Morgade, Eva Soriano, Leo Harlem -Premio EMHU 2023 Wenceslao Fernández Flórez, que recollerá o domingo 7 ao inicio da gala Fantastic Colofon– e Sílvia Abril. A estrea será por todo o alto, con dúas funcións (19:00 horas e 22:00 horas) de 90 minutos ás que asistirán 3.000 persoas. Presente e futuro da comedia farán estalar o auditorio en aplausos e risas nunha última cita ineludible e inesquecible antes do evento final da edición deste ano.

Finalmente, o domingo 7, ás 20:00 horas, o Teatro Colón acollerá a gala de peche da presente edición, Fantastic Colofon, creada expresamente para o festival, que contará coa participación de Carolina Iglesias, Luis PIedrahita (director artístico do EMHU) e do dúo Pantomima Full, conformado por Alberto Casado e Rober Bodegas. Durante a gala -que estará chea de monólogos, sketches, gags e moitas sorpresas- entregaranse os galardóns deste III Encontro Mundial de Humorismo, que este 2023 recaerán en Leo Harlem, Laura Caballero, Siro López e Carlos Ballarta. Todos os detalles da ultima fin de semana do EMHU 2023 pódense consultar na páxina web oficial do festival, www.emhu.es

AXENDA PROGRAMACIÓN EMHU 2023 – SÁBADO 6 E DOMINGO 7 DE MAIO

Sábado 6 de maio

12:30 horas | Teatro Colón: La Ruina

19:00 horas | Palexco: Animus Iocandi(estrea absoluta)

22:00 horas | Palexco: Animus Iocandi

Domingo 7 de maio

20:00 horas* | Teatro Colón: Fantastic Colofon


A convocatoria de medios será ás 19:00 horas no vestíbulo do propio Teatro Colón, no que terá lugar a sesión de photocall de despedida ao que asistirán as e os artistas participantes, Premios EMHU 2023, autoridades, patrocinadores e outras figuras convidadas. 

EMHU 2023 

O EMHU, promovido polas produtoras Etiqueta Negra (Galicia) e Producciones El Espectador (Madrid), e que conta co apoio do Concello da Coruña, da Xunta de Galicia e de Estrella Galicia, é unha das citas de referencia da comedia a nivel estatal tanto pola súa programación -pola que pasaron artistas como Andreu Buenafuente, Inés Hernand e Nerea Pérez de las Heras ou David Broncano, entre outras- como pola afluencia de público: no 2022, no que o Coliseum foi unha das principais sedes, o Encontro Mundial do Humorismo sumou máis de 19.000 espectadores. 

De cara á presente edición de 2023, o EMHU inclúe, como é habitual, a presenza de figuras icónicas en galas de produción propia, creadas exclusivamente para o evento. É o caso de Humoris Causa, que este ano xuntou a Eva Hache, Dani Rovira, Javier Cansado e Xosé A. Touriñán sobre o escenario do Pazo da Ópera o 29 de abril; da nova gala Animus Iocandi, coa que o EMHU regresará ao Palexco para que o público escache coa risa da man de Ana Morgade, Eva Soriano, Leo Harlem e Sílvia Abril; ou de Fantastic Colofon, a gala de peche do evento, que terá lugar o 7 de maio e que contará con Carolina Iglesias, Pantomima Full e co director artístico do EMHU, Luis Piedrahita, sobre as táboas do Teatro Colón. Nesta cita, ademais, entregaranse os Premios EMHU 2023: Leo Harlem, Laura Caballero, Siro López e Carlos Ballartason os artistas recoñecidos nesta edición. 

O Encontro Mundial de Humorismo contará na súa programación troncal con algúns dos espectáculos en xira máis demandados polo público neste momento. É o caso de Buenismo Show, cuxa estrea en Galicia tivo lugar o 28 de abril no marco do EMHU; ao igual que La capital del pecado 2.0 de Juan Dávila, presentado o luns 1 de maio; ou Estirando el chicle desde un castillo, un programa especial do podcast de Carolina Iglesias e Victoria Martín que se gravou, ao vivo, na tarde do 30 de abril desde o Castelo de Santo Antón. Ademais, entre as propostas que se poden ver estes días na Coruña, están La comedia salvó mi vida, con Ignatius Farray (30 de abril); La Ruina, o show de Ignasi Taltavull e Tomàs Fuentes (6 de maio); e Garabato controlado (5 de maio), cita que suporá a estrea en España do novo espectáculo do arxentino Juan Barraza. 

A comedia galega terá unha importante presenza neste encontro de ámbito estatal. Alén das estreas absolutas de As R(h)umorosas Ansia Viva, ou da participación de Carolina Iglesias, Luis Piedrahita e Rober Bodegas (Pantomima Full) na gala Fantastic Colofon, tamén conta con selo do país o filme Amigos hasta la muerte, a adaptación cinematográfica que dirixe Javier Veiga sobre a obra teatral e que chegará aos cinemas o 15 de setembro. Ademais da programación de espectáculos, o EMHU conta cunha serie de actividades paralelas abertas ao público ou con acceso mediante convite, como foi caso do concerto La banda sonora de nuestra risa (4 de maio) ou da presentación de Showriano, o programa da plataforma Movistar Plus+ (5 de maio). De entrada libre é a exposición El Guernica: una viñeta universal, humor en la oscuridad, que se poderá visitar até o 30 de xuño na Casa Museo Picasso, ou propostas xa celebradas, como foron a charla Picasso e a caricatura (venres 28) e a función da Escuela de Impro A Coruña (sábado 29). 

20230505-Axenda-6-e-7-maio-EMHU-2023