Conferencia de LUZ DARRIBA, “Para reter a auga. Conversas ao redor de María Casares”, na Casa da Cultura de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), en colaboración co Concello de Vilalba, organiza o venres 21 de abril de 2023, na Casa da Cultura de Vilalba, ás 20:00 horas, a “Para reter a auga. Conversas ao redor de María Casares”, impartida por LUZ DARRIBA. artista e escritora. Presentará o acto MARISA BARREIRO, presidenta do IESCHA. Esta conferencia encádrase dentro do ciclo MULLERES GALEGAS.

NOTA_INFORMATIVA_LUZ-DARRIBA

Ataque Escampe publica mañá ‘Cabalgata’, o seu novo disco, nas principais plataformas dixitais

Ataque Escampe dialoga co pasado en Cabalgata, o novo álbum que publica este martes 18 nas principais plataformas dixitais

Cabalgata está producido polo Hevi (Ortiga, Novedades Carminha) e conta coa colaboración como vocalista de Antía Ameixeiras (do dúo de música de raíz Caamaño&Ameixeiras) e o deseño e vídeos de David Silva

A presentación ao vivo terá lugar o sábado 29 de abril na Sala Capitol e as entradas xa están á venda na plataforma www.ataquilla.com

Cabalgata, o oitavo disco de Ataque Escampeestará dispoñible desde as 00.00 horas deste martes, 18 de abril, nas principais plataformas dixitais. Trátase do primeiro LP que publica a banda compostelá en seis anos. Nesta ocasión, o grupo volve amosarnos o seu universo creativo, mantendo os seus trazos de identidade (como o coidado dunhas letras apoiadas no humor e a vulnerabilidade e o achegamento a estilos diversos) e achegando tamén numerosas novidades tanto na instrumentación -como a presenza de sintetizadores e, ocasionalmente, de saxo e bases electrónicas- como a nivel lírico.

O fío principal do disco é o diálogo co pasado, non como obxecto de nostalxia senón, en palabras do grupo, “como espazo inesgotable que nos interpela”. De aí sae o intento de explorar estilos musicais doutras épocas, pero tamén temáticas que atravesan o álbum, como a infancia, os amores diferentes ou as amizades conservadas ou perdidas, simbolizadas nas letras polas diferentes imaxes de cabalos ás que fai referencia o título: a tenrura dos cabaliños de carrusel das festas, a ameaza dos policías montados, a emotividade da relación cos animais á que podería apuntar Cabaliño lento, o terceiro adianto do LP -estreado o 31 de marzo- e tema que pecha o álbum. 

O peso das colaboracións

A cociña práctica, un dos dez temas que conforma o disco, conta cunha das colaboracións clave do mesmo: Antía Ameixeiras, do dúo de música de raíz Caamaño&Ameixeiras, participa no tema como vocalista, achegándose así a un rexistro máis pop, e suma tamén voces en Supermartes. A maiores, Cabalgata está marcado tamén pola participación de dous colaboradores habituais: o Hevi e David Silva. Hevi, responsable tamén de gravacións de Ortiga, Novedades Carminha ou Faia, entre outras creadoras, repite na produción despois de A alma e, como sucedía naquel EP, o resultado destaca pola procura da naturalidade nas interpretacións e o imaxinativo dos arranxos no achegamento aos diferentes estilos. Pola súa banda, David Silva, que vén de realizar con Ataque Escampe o espectáculo audiovisual Na noite brillan, encárgase dos videoclips de Cabalgata e do deseño, onde afonda na iconografía ecuestre presente no título.

Presentación na Sala Capitol

Ataque Escampe presentará Cabalgata na Sala Capitol o sábado 29 de abril, nun evento que abrirá un combinado de membros da Banda de Lalín. Así, péchase en certa maneira o círculo aberto pola mención á Banda dentro do disco ou a presenza de parte da súa formación no videoclip do adianto Lamborghini.As entradas xa están á venda, a partir de 10 euros, na web de www.ataquilla.com; mentres na billeteira costarán 15 euros.

20230417-NP-Ataque-Escampe-publica-este-martes-18-Cabalgata

Sinsal Primavera celebrarase o 19 e 20 de maio en Vigo

Sinsal Primavera celebrarase o 19 e 20 de maio no MARCO e na Sala Radar de Vigo

Seis artistas e grupos de mulleres de España, Portugal, Suíza e Turquía conforman o cartel do evento, vinculado á creación contemporánea e á vangarda, e que conta co apoio do Concello de Vigo

Angélica Salvi, Ece Canli, Ivankovà e Superorganismus -proxecto creado por Tramontana e Luz González- actuarán no MARCO; mentres que Ana Lúa Caiano inaugurará o primeiro concerto do evento na Sala Radar

As entradas xa están dispoñibles no web www.enterticket.es; e as persoas con billete para as sesións do MARCO poderán acceder, de balde, ao concerto da sala Radar 


O primeiro evento de Sinsalaudio deste ano en Vigo celebrarase no mes de maio: Sinsal Primavera terá lugar na fin de semana do venres 19 e sábado 20. O evento, que conta coa colaboración principal do Concello de Vigo, ademais do apoio do MARCO, do Instituto Camões e da Sala Radar, contará este ano cunha programación conformada por cinco proxectos de vangarda, de e liderados por mulleres, chegadas de distintos puntos da Península Ibérica, Suíza e Turquía.

Sinsal Primavera
propón visualizar propostas singulares e únicas, vinculadas á experimentación e á creación contemporánea, de difícil clasificación e, por tanto, pouco habituais na programación dirixida ao público xeral. Así, Angélica Salvi, Ece Canli, Superorganismus -proxecto musical de Tramontana e Luz González-, Ivankovà e Ana Lúa Caiano conforman o cartel desta edición, que se celebrará os días 19 e 20 de maio no MARCO de Vigo. Como novidade, ademais, este ano a programación extenderase a unha das principais recintos de música ao vivo da cidade, a Sala Radar, que acollerá o concerto da portuguesa Ana Lúa Caiano na noite do sábado 20. 

As entradas do Sinsal Primavera 2023 están á venda, desde hoxe mesmo, na plataforma web www.enterticket.es  e desde a páxina web  https://festival.sins.al/gl. O prezo da entrada anticipada para cada xornada no MARCO é de 15 euros (agás no caso dos billetes para as e os menores de 10 anos, cuxo acceso será gratuíto). No caso das persoas que posúan unha entrada para os concertos do MARCO, poderán asistir de balde ao concerto da Sala Radar na noite do sábado 20 (as entradas para este directo tamén están dispoñibles en Enterticket por 8 euros anticipada e 10 euros na billeteira).

O Sinsal Primavera é a primeira cita do ano de Sinsalaudio, que suma á xa anunciada nova edición do Festival Sinsal SON Estrella Galicia, que se celebrará na illa de San Simón do 21 ao 23 de xullo. As entradas para o festival sairán á venda proximamente. 


PROGRAMACIÓN SINSAL PRIMAVERA 2023


ANGÉLICA SALVI (España) | MARCO. Venres 19, 20:30 horas 
Angélica Salvi é unha arpista española que reside en Porto (Portugal) desde o 2011. Dedícase á improvisación dentro da música contemporánea e da electroacústica, explorando varias técnicas de preparación e amplificación do instrumento na procura de novos timbres e sonoridades. A arpista convida ao público a mergullarse nas súas vivencias emocionais e espirituais, empregando as mesmas para escribir o guión dun soño.

ECE CANLI (Turquía) | MARCO. Venres 19, 21:30 horas
Ece Canli é artista, música e investigadora. Naceu en Turquia e reside en Porto (Portugal). Na súa práctica artística e vocal explora o estado liminal dos corpos agonizantes e demonizados, a desvinculación corporal e mental, e as expresións extralingüísticas por medio de técnicas vocais extendidas. Colaborou con varios artistas, músicos e coreógrafos a nivel internacional e creou bandas sonoras para performances ou exposicións. 

SUPERORGANISMUS (Suiza) | MARCO. Sábado 20, 20:30 horas
Tramontana e Luz González crean Superorganismus, unha peza electroacústica para flauta, viola, arpa e electrónica ao vivo. A proposta agroma coa intención de xerar música de forma cooperativa e horizontal. Aínda que as catro músicas sexan independentes, a electrónica de Luz González pode modificar o son de Tramontana, mais os instrumentos acústicos son a raíz sonora dun superorganismo que o público percibirá coma un todo. 

IVANKOVÀ (España) | MARCO. Sábado 20, 21:30 horas
Ivankovà é o proxecto en solitario da artista e compositora madrileña Irene de la Cueva. As súas creacións agroman a través de estruturas repetitivas que se converten en mantras deseñados para xerar atmósferas determinadas e convidar así ao público a transitar por paisaxes nas que os sintetizadores, a voz e os sons electrónicos xerados a partir da transformación de sons orgánicos son protagonistas. 

ANA LÚA CAIANO (Portugal) | Sala Radar. Sábado, 23:00 horas.
Cantante, compositora e artista multidisciplinar. Ana Lúa Caiano converte constantemente a experiencia en creatividade e explora a fusión do folclore portugués co música electrónica e sons cotiáns. Nos seus director, parte de bases sinxelas para construír marcos rítmicos usando beatbox, palmas, tambores e maracas, nas que superón texturas de teclado, sons ambientais e a propia súa voz. 

20230413-NP-Sinsal-Primavera

EXERIA publica o seu primeiro sinxelo, “Un novo nome”


A banda do Condado, EXERIA, estreou o pasado 11 de marzo o seu primeiro sinxelo, Un novo nome.
Gravado en Estudios Lufs atopámonos cun tema de enérxicas guitarras, perpetrando uns riffs pesados e que invitan ao headbanguin. A letra trata sobre a transición, a aceptación dos cambios na nosa vida, así como as escollas que esta obríganos a realizar. Neste tema pregúntanse se cando algo remata abruptamente e debemos adaptarnos a una nova realidade, teremos a forza para comezar una vida distinta e renacer?

Estamos falando dun grupo de recente formación, pero que conta nas súas filas con membros xa curtidos en distintos grupos como O Caimán do rio Tea, Cool Funeral, Circular ou Met. O seu estilo estaría nun punto común entre o grunge, o stoner, o rock dos 90 ́s, e incluso o britpop, todo aderezado con letras en galego. As raíces son importantes para calquera proxecto, e a sensación de pertenza a un lugar e un tempo concretos determina unha mirada e un xeito de crear as súas cancións, formando así o leito polo que discorre seu discurso estilístico.

O videoclip esta dirixido e realizado polo artista e terapeuta Wences Lamas (Lugo,1983). No ámbito do audiovisual rodou a longametraxe “El Campo”, os documental “Bailes de Histéricas”, videoclips para selos como Subterfuge, Humo ou Ernie Récords, solistas como Pablo Und Destruktion, Alberto Montero ou Santi Araujo, bandas como Fantasmage, Balcanes ou Grupo Salvaje. Trata de que a cámara sexa unha ferramenta máxica dentro dun
ritual. Podes ler cousas sobre as súas videoclips aquí:

https://voraginetv.com/realizadores-nacionales-wences-lamas/

GAL-PROMO-Un-novo-nome-