Ataque Escampe dialoga co pasado en Cabalgata, o novo álbum que publica este martes 18 nas principais plataformas dixitais

Cabalgata está producido polo Hevi (Ortiga, Novedades Carminha) e conta coa colaboración como vocalista de Antía Ameixeiras (do dúo de música de raíz Caamaño&Ameixeiras) e o deseño e vídeos de David Silva

A presentación ao vivo terá lugar o sábado 29 de abril na Sala Capitol e as entradas xa están á venda na plataforma www.ataquilla.com

Cabalgata, o oitavo disco de Ataque Escampeestará dispoñible desde as 00.00 horas deste martes, 18 de abril, nas principais plataformas dixitais. Trátase do primeiro LP que publica a banda compostelá en seis anos. Nesta ocasión, o grupo volve amosarnos o seu universo creativo, mantendo os seus trazos de identidade (como o coidado dunhas letras apoiadas no humor e a vulnerabilidade e o achegamento a estilos diversos) e achegando tamén numerosas novidades tanto na instrumentación -como a presenza de sintetizadores e, ocasionalmente, de saxo e bases electrónicas- como a nivel lírico.

O fío principal do disco é o diálogo co pasado, non como obxecto de nostalxia senón, en palabras do grupo, “como espazo inesgotable que nos interpela”. De aí sae o intento de explorar estilos musicais doutras épocas, pero tamén temáticas que atravesan o álbum, como a infancia, os amores diferentes ou as amizades conservadas ou perdidas, simbolizadas nas letras polas diferentes imaxes de cabalos ás que fai referencia o título: a tenrura dos cabaliños de carrusel das festas, a ameaza dos policías montados, a emotividade da relación cos animais á que podería apuntar Cabaliño lento, o terceiro adianto do LP -estreado o 31 de marzo- e tema que pecha o álbum. 

O peso das colaboracións

A cociña práctica, un dos dez temas que conforma o disco, conta cunha das colaboracións clave do mesmo: Antía Ameixeiras, do dúo de música de raíz Caamaño&Ameixeiras, participa no tema como vocalista, achegándose así a un rexistro máis pop, e suma tamén voces en Supermartes. A maiores, Cabalgata está marcado tamén pola participación de dous colaboradores habituais: o Hevi e David Silva. Hevi, responsable tamén de gravacións de Ortiga, Novedades Carminha ou Faia, entre outras creadoras, repite na produción despois de A alma e, como sucedía naquel EP, o resultado destaca pola procura da naturalidade nas interpretacións e o imaxinativo dos arranxos no achegamento aos diferentes estilos. Pola súa banda, David Silva, que vén de realizar con Ataque Escampe o espectáculo audiovisual Na noite brillan, encárgase dos videoclips de Cabalgata e do deseño, onde afonda na iconografía ecuestre presente no título.

Presentación na Sala Capitol

Ataque Escampe presentará Cabalgata na Sala Capitol o sábado 29 de abril, nun evento que abrirá un combinado de membros da Banda de Lalín. Así, péchase en certa maneira o círculo aberto pola mención á Banda dentro do disco ou a presenza de parte da súa formación no videoclip do adianto Lamborghini.As entradas xa están á venda, a partir de 10 euros, na web de www.ataquilla.com; mentres na billeteira costarán 15 euros.

20230417-NP-Ataque-Escampe-publica-este-martes-18-Cabalgata