Seis anos despois do seu último LP, o grupo compostelán lanza un disco no que se achega a novos estilos (synth-funk, hi-NRG, hip hop, no wave), mais sen abandonar o pop

A nivel lírico, o fío do disco pasa por un diálogo co pasado que non cae na nostalxia, abordando temas como as amizades conservadas ou perdidas (LamborghiniAmigoCabaliño lento) ou a infancia (Fuck the Police), entre outros

A presentación ao vivo terá lugar o sábado 29 de abril na Sala Capitol e as entradas xa están á venda na plataforma www.ataquilla.com


A banda Ataque Escampe publicará Cabalgata, o seu oitavo álbum, o vindeiro martes 18 de abril nas principais plataformas dixitais. O novo LP do grupo compostelán, do que xa se coñecen Lamborghini, Viaxamos a Miami e Cabaliño lento, está conformado por 10 temas e conta coa produción do Hevi (Ortiga, Novedades Carminha). A reserva de Cabalgata xa está dispoñibile a través do enlace https://ffm.to/cabalgata.
Cabalgata séntese como unha sorte de retorno. Non é que nos últimos anos o grupo estivese inactivo, nin moito menos: Ataque Escampe publicou o EP A alma ou as compilacións de rarezas Ídolos adolescentese A vida dos animais, e versionou a Ana Kiro no sinxelo Por última vez. Pero, con todo, pasaron xa seis anos desde o anterior disco longo (Primeiros bicos, 2017). Neste novo traballo discográfico, o grupo compostelán volve amosarnos o seu universo creativo, mantendo señas de identidade(como o coidado dunhas letras apoiadas no humor e a vulnerabilidade e o achegamento a estilos diversos) e achegando tamén numerosas novidades.
Esas novidades fíltranse en diferentes aspectos de Cabalgata. Na instrumentación, por exemplo, destaca a presenza dos sintetizadores e, ocasionalmente, do saxo e as bases electrónicas, cos que aparecen influencias pouco vistas no grupo como a música disco e hi-NRG (presente no primeiro adianto,Lamborghini), o hip hop da vella escola (Fuck the Police) ou a no wave (Amigo). 
No aspecto lírico, o fío principal do disco podería ser o diálogo co pasado, non como obxecto de nostalxia senón, en palabras do grupo, “como espazo inesgotable que nos interpela”. De aí sae o intento de explorar estilos musicais doutras épocas, pero tamén temáticas que atravesan o álbum, como a infancia, os amores diferentes ou as amizades conservadas ou perdidas, simbolizadas nas letras polas diferentes imaxes de cabalos ás que fai referencia o título: a tenrura dos cabaliños de carrusel das festas, a ameaza dos policías montados, a emotividade da relación cos animais á que podería apuntar Cabaliño lento, o terceiro adianto do LP e tema que pecha o álbum. 
Ao mesmo tempo, como vén sendo habitual nos discos de Ataque Escampe, as letras e as músicas poñen tamén en relación o traballo do grupo co contexto político, histórico e artístico que o marca. Deste xeito, en Cabalgata asoma un conxunto ben variado de figuras e referencias que van do presente ao pasado: Bad Bunny, Nina Simone, Roberto Carlos, Bruce Lee, Wallace Stevens, Luz Pozo Garza… Entre todas elas pode observarse tamén unha vontade por achegarse ao popular, visible na presenza da Banda de Lalín na letra de Terras raras ou na inclusión dunha receita de filloas, explicada por Delfina Sánchez (avoa do batería Cibrán Tenreiro), en A cociña práctica.

Presentación ao vivo na Sala Capitol
O retorno que supón Cabalgata levará tamén de volta ao grupo aos escenarios de Santiago de Compostela: Ataque Escampe estará na Sala Capitol o sábado 29 de abril para presentar o disco, nun evento que abrirá un combinado de membros da Banda de Lalín. Así, péchase en certa maneira o círculo aberto pola mención á Banda dentro do disco ou a presenza de parte da súa formación no videoclip do adianto Lamborghini. As entradas xa están á venda, a partir de 10 euros, na web de www.ataquilla.com; mentres na billeteira costarán 15 euros.

Lista de cancións de Cabalgata:

  1. Terras raras
  2. Supermartes
  3. Entra o dragón
  4. Fuck the Police
  5. A cociña práctica
  6. Pantalón curto
  7. Lamborghini
  8. Viaxamos a Miami
  9. Amigo
  10. Cabaliño lento

20230411-NP-Ataque-Escampe-publicara-Cabalgata-o-18-de-abril