Neste terceiro avance, a banda traballa coas texturas electrónicas e os sintetizadores nunha evocadora letra que mestura imaxes medievais e contemporáneas

O vídeo da canción, a cargo de David Silva, xoga coa idea dos retratos filmados situando ao grupo na estrañeza dun recinto ecuestre

Con este sinxelo, Ataque Escampe revela tamén información sobre o LP Cabalgata,  con cancións producidas polo Hevi e que estará dispoñible a finais de abril

O Ataque Escampe publicará mañá, venres 31 de marzo, Cabaliño lento, novo adianto do seu álbum Cabalgata, o que será o oitavo traballo de estudio de Ataque Escampe e que estará dispoñible a finais de abril. O tema, producido polo Hevi, acompañarase dun vídeo dirixido por David Silva. 

O imaxinario dos cabalos é rico e variado ao longo da historia da arte. Cadros, filmes e cancións teñen xogado con el, levándonos da épica dos westerns ou os retratos ecuestres á realidade do traballo agrario ou a maxia festiva que na infancia nos traen os carruseis e as cabalgatas de Reis. No seu novo sinxelo,Cabaliño lento, Ataque Escampe entra nesta tradición á súa maneira, presentando unha canción delicada, construída sobre texturas electrónicas, na que o cabalo é parte do relato dunha despedida incerta. En troques de épica ou maxia, amosa unha vulnerabilidade tranquila que aparece (igual que as imaxes de cabalos) a miúdo en Cabalgata, o álbum da banda para o que Cabaliño lento serve de terceiro adianto.

Despois do achegamento á música disco de Lamborghini e o synth-funk de Viaxamos a Miami, con este tema Ataque Escampe continúa achegándose a diferentes estilos sen abandonar unha perspectiva pop. EnCabaliño lento a voz achégase ao estilo da canción melódica pero o dominio dos sintetizadores pode levar a banda a un terreo próximo ao dream pop de Beach House, tamén pola repetición minimalista dunha base de caixa de ritmos e baixo que remite tanto a Gorillaz como, na súa estrutura, a algunhas danzas do barroco. A letra, con todo, vai nunha liña diferente á das referencias musicais (e novidosa para Ataque Escampe), utilizando o imaxinario medieval dunha maneira ambigua para afondar con tenrura e serenidade nos momentos, cousas e persoas queridas que quizais quedaron xa atrás no tempo.

Ao igual que nos últimos sinxelos da banda, Cabaliño Lento acompáñase dun vídeo dirixido por David Silva, que nesta ocasión entra tamén no imaxinario hípico desde unha perspectiva pouco común. Ao estilo dos retratos dos ‘screen tests’ de Andy Warhol, o director ralentiza a imaxe nun sutil zoom cara atrás para chamar a atención sobre os mínimos xestos do grupo e de Cacique, o cabalo que os acompaña. Desde a premisa sinxela dun único plano frontal, o clip combina a estrañeza de presentar a Ataque Escampe nun retrato ecuestre coa naturalidade que se impón a través dos pequenos azares incontrolables que a cámara rexistra. O vídeo estará dispoñible desde as 00.00 horas deste venres 31 na súa canle de Youtube. 

20230330-NP-Cabalino-lento-de-Ataque-Escampe