Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

SOUTOMERILLE

Máis de medio século de abandono, a couza do tempo roendo ao seu antollo, fixo deste lugar, a parroquia máis pequena de Castroverde e outrora unha das máis ricas, un lugar espectral, pero tamén máxico; de conto de fadas, se se quere.

Entre castiñeiros e carballos, no Camiño Primitivo e a poucos quilómetros de Lugo, agoniza San Salvador de Soutomerille. Dise que antano chegou a ter sete fogares para romeiros que acudían desde Oviedo en peregrinación a Santiago.

SOUTOMERILLE 

Todo é soidade e silencio

neste souto adormecido,

apenas, dalgún paxariño,

se escoita o seu ledo trilo.

Pedras comestas do mofo,

parladoiros acalados,

campás que un día fuxiron,

reclinatorios baleiros.

Camposanto no olvido,

defuntos de case un século,

lápidas para lembralos,

silvas, breixos e mais toxos.

Ao pé da croa, castiros,

garridos e centenarios,

corredoiras e camiños,

de ninguén, lugar de paso.

Todo é soidade e silencio,

tristura e desleixamento,

tempo no ar pendurado,

neste souto de mirellus.

Hoxe quedan as ruínas da Casa da Torre de Arriba, casa que foi de soga e coitelo, con cárcere para malfeitores.

TORRE DE ARRIBA

No mesmo medio da fraga,

Torre de Arriba,

outrora de romeiros parada,

camiño de Compostela.

Pedras comestas pola maleza

no labirinto da bouza

onde o rechouchío dos paxaros

silencia a gadaña da Parca.

Xanelas de parladoiros mudos

que agochan inconfesables segredos,

agora físgoas de entrada do lueiro

en longas noites de ausencias.

Ruínas que se resisten a sucumbir

á ulceración do montaraz baleiro,

sen aínda dixerir a traizón dos patrucios.

Torre de Arriba,

agochada polas silveiras e o esquecemento,

esmorecendo ao pé da Croa de Soutomerille,

aquí, onde o tempo fuxiu de si mesmo.

Amais da citada Casa da Torre de Arriba, fican catro esborralladas pedras da Casa da Torre de Abaixo e doutras dúas casas, unha igrexa prerrománica, con características visigóticas, a que lle romperon á porta de entrada e lle roubaron as campás e un cemiterio con tres panteóns, que din que é o máis ou un dos máis pequenos de Galicia.

TRES TUMBAS PARA CATRO CASAS

gadoupas do tempo

averno que acolle

a carcasa do pasado

o que a vida foi

no souto de mirellus 

o que a vida puido ser

entre esveltas paredes

o que a vida hoxe é

tempo suspendido

á sombra do desleixo 

o nimbo da morte

faísca na enramada da desfeita

Unha de tantas aldeas abandonadas de Galicia, pero ao mesmo tempo un lugar de calma e sosego, onde o silencio é o rei da foresta, só alterado polo rechouchío dos paxaros ou as pisadas dalgún peregrino rumbo a Compostela. 

Un paseo pola coñecida Corredoira, sempre é unha cura para o espírito, cunha parada obrigada diante do castiñeiro centenario e unha posterior subida á Croa.

Soutomerille, Imprescindible visita que non ha defraudar.

CASTIÑEIRO DA CORREDOIRA

A carón da corredoira,

salienta a túa presenza,

en valo xebre enxertado,

centenario castiñeiro.

Na aldea xa ninguén fica,

apenas sinais en pedras

chantadas no esquecemento,

cicatrices doutros tempos.

Mais ti en pé, érgueste rexo,

vencedor contra o desleixo

e contra a couza do tempo,

centenario castiñeiro. 

Suso de Lameliña