LUGO
Poemas á miña cidade, LUGO
AMENCER EN LUGO
Amence, docemente zarzalla.
Os farois, aínda acesos,
as rúas, baleiras, silenciosas…
Co paraugas aberto, camiño amodo,
no chan, vanse formando pequenos regatos,
tan pronto agroman, como se esvaen.
Rúa San Pedro, o reloxo de Correos dá as sete.
Praza Maior, Rúa Doutor Castro…
Detéñome ante o escaparate dunha tenda:
Chapeus, puchos, gorras, diferentes todos…
Mais todos nos axudan a cavilar.
Praza do Campo, lembranzas de adolescencia,
hoxe San Vicente non bota viño.
Rúa do Miño, A Tinería,
outrora barrio do amor prohibido.
Porta Miñá. Fernando Esquío, trobador:
“O amor que eu levei de Santiago a Lugo,
Esse me adug´e e esse me adugo”.
Delampa, pecho o paraugas.
A luz do abrente chucha a das lámpadas.
Continúo a camiñar… paseniñamente:
Ronda da Muralla, S. Roque, Sanxillao.
LUGO
Vella cidade de Lugo,
milenarias pedras te cinguen.
Xeometría circular,
pedreiros da Roma imperial
ergueron hai dous mil anos.
Lugo, afincada nun outeiro,
vizosa carballeira, outrora,
abondosos mananciais.
Aos teus pés, axeonllados,
O Miño e mailo O Rato.
Cidade esgallada en dúas:
Lucus Augusti, soterrada,
romana de condición;
Lugo de Pimentel e Fole
de María Castaña e Xoán Montes.
Labirinto de pedra e néboa,
dez vans polos que entrar,
ollos que esculcan ao lonxe.
Cidade tinguida de gris,
onde o tempo se esvaece
ao camiñar polas rúas.
PRAZA COMANDANTE MANSO*
Unha placa na lembranza
dun comandante fascista.
Unha porta, A Toledana,
racións de pataca brava
na barra do Madrileño.
Un xardín onde acougar
a carón de Xoán Montes.
Revistas e máis diarios
nun xa vetusto quiosco,
cigarros soltos á venda.
Mozos de carga e descarga
en Lence e no Valenciano,
bocois e caixas de froitas.
Dostoyevski e Víctor Hugo,
venres tras venres na praza
no bibliobús agardando.
Integrais e derivadas,
sintaxe e morfoloxía,
política e mais relixión,
Cid Campeador e Colón,
“no debe hablar el gallego”,
censura e represión.
Praza Comandante Manso,
adolescencia vivida,
na pel tatuado o oprobio.
*Jesús Manso Rodríguez, foi un comandante franquista que o 21 de xullo ao mando do tercio de Lugo entra en Vilafranca do Bierzo. En poucos días caería toda a comarca nas mans dos fascistas. Ata vai uns meses esta praza de Lugo seguía a levar o seu nome. Hoxe é a praza dos Mártires de Carral.
MURALLA DE LUGO
intemporal círculo
feito pedra milenaria
granítica néboa
orballo de laxe
puro hábito
na liturxia do día a día
na soidade da distancia
soño de eternidade
valo que nos cicela
coma fillos de Lugh
LUGO
amándote
nas pedras que falan
por boca dos de antes
sempre en min
medrando día a día
auscultando
o teu peito de amante eterna
xeometricamente aduladora
de portas abertas
por onde entrar en ti
mesmo non entrando
por ser sangue que corre
polo tempo que foi
eido de puberdade
agora mansío de señardades
sacra fraga
que en min habita
levedándome
augusta urbe
MURALLA
Pedra a pedra,
verso a verso…
circular é o poema.
Adarve de orballo e néboa,
espíritos vellos aniña.
Falso Cíclope,
dez, os seus ollos…
dez, os seus versos…
Milenario e silencioso valo,
poema de pedra e lastra.