COLINAS DEL CAMPO DE MARTÍN MORO TOLEDANO
Hoxe imos viaxar a un precioso recuncho do Bierzo Alto, Colinas del Campo de Martín Moro Toledano. En principio chama a atención o seu nome tan longo, que xunto con Gargantilla del Lozoya y Pinilla de Buitrago, na provincia de Madrid, é un dos nomes máis longos de vilas da Península. Mais non só o seu nome é curioso, a mesma aldea é un oasis de beleza e sosego, onde o silencio é o rei, sendo só alterado polo murmurio das augas dalgunha fonte, ou do Boeza, río que a atravesa. Atópase no concello de Igüeña, preto de Bembibre e a uns 50 km de Ponferrada.
Colinas, que é así coma se coñece popularmente, está protexido polos cumes do Catoute e Arcos da Auga e bañado, coma veño de dicir, polo río Boeza, cunha altitude duns 1200 m. Tanto a aldea coma o seu entorno, embebido de natureza, constitúen un Conxunto histórico, coma así foi declarado no ano 1994, onde semella que o o tempo se detivo lustros atrás.
Apenas unhas cincuenta almas, habitan este pintoresco lugar, a maioría xente maior, aínda que chegado o verán, a poboación aumenta considerablemente, grazas aos emigrantes e visitantes, que veñen pasar uns días a casas habilitadas para o turismo rural. Aquí tamén, coma en todo o rural, o despoboamento é un mal endémico. Sirvan de exemplo, Urdiales de Colinas e Los Montes de la Ermita, dúas aldeas, moi pretiño de Colinas, na actualidade, baleiras.
Segundo chegamos temos que deixar o coche á entrada, porque, agás aos veciños, non se permite a entrada de vehículos. Unha ponte medieval que cruza o río Boeza será o primeiro que nos atoparemos, para dar paso a rúas empedradas e un conxunto de vivendas en pedra e de teito de lousa, con corredores e balcóns de madeira, típicas desta comarca berciana. Logo a Ermida do Santo Cristo aparecerá á nosa vista, cun precioso arco, por debaixo do cal teremos que pasar. Dise que por aquí, outrora, pasaron peregrinos camiño de Santiago de Compostela.
A fonte de San Juliano, de fresca auga, é outro lugar a visitar, sen esquecernos de beber un grolo e, se levamos unha botella, de enchela do prezado líquido. Se seguimos camiñando chegaremos á Praza Bocos, o centro do lugar. Iso si, a non ser que sexa en verán, é fácil que non nos crucemos con ninguén. Coma dixen ao principio, aquí o silencio e o rei e a soidade, a súa compañeira.
Non podemos deixar este paradisíaco entorno sen dar un paseo pola beira do Boeza e observar os antigos muíños de auga que se encontran no seu curso e, se temos tempo e, sobre todo, se decidimos pasar uns días, realizar diferentes rutas de sendeirismo en pleno contacto coa natureza. Unha delas, moi interesante é a que une Colinas con Bembibre, a segunda localidade, en poboación, do Bierzo.
E coma remate, destacar o edificio que se coñece co nome de “Sede Estable de Artesanía” un espazo con diversas salas onde artistas da zona expoñen as súas obras e no que tamén se celebran recitais e eventos poéticos.
Animo, pois, a que en calquera fin de semana ou vacacións vos acheguedes e coñezades esta fermosa aldea, que tan preto está de nós, coma moitos outros lugares, e que descoñecemos. Ah! E non vos esquezades dun bo cocido, con botelo e chourizos caseiros e, se sodes máis de peixe, podedes degustar un bacallau con patacas. Todo isto regado cun Mencía ou un Godello da zona.