Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

ALASCA

Creo que xa llo contei outra vez, doutor. O meu alcume  non lle vén polo estado de USA, nin pola cantante. De feito é Alasca con “c” e non con “K”.  Foille cousa de Darío, e remóntase a cando íamos en primaria. O señor cura, que nos impartía doutrina católica, decidiu formar un coro para as misas. Eu estaba moi animada, admiraba moito a Marta Sánchez e soñaba con ser de maior cantante. Tiña todos os discos de “Olé Olé” e na casa sempre estaba cantando —ben, cantar é un dicir, xa verá por que—temas como “No controles”, “Lili Marlene” ou “Voy a mil”. Así que me apuntei ao coro e resultou ser un desastre.

Ao segundo día, D. Remixio díxome:  “Mira Elisa, o teu non é o canto, polo que é mellor que de agora en diante estés caladiña. Podes seguir no coro, pero só movendo os labios, facendo coma se cantases”. Asistín a dous ensaios máis, pero sentinme tan mal que abandonei, humillada e avergonzada- O único consolo veu de Darío, que achegándose a min dixo: 

—Non fiques triste, Alasca; vales máis ca todas as rapazas da vila.

—Oes, e por que me chamas Alasca? —pregunteille

—Pensa no teu nome e apelidos, e daraste conta— contestoume. 

E ao intre decateime; por suposto non tiña nada que ver con Alaska. (Amaia Lasarte Carreira:Alasca). O meu pai é de Zumaia, de aí o meu nome e o primeiro apelido.

Coitado de Darío, canto me quería! E como lle teño xa contado, D. Paulino, desde aquela fixémonos inseparables, ata converterse o noso, xa de adolescentes, nunha relación de parella que durou máis de dez anos. Que dedos, doutor, os daquel mozo, e que lingua. Como lle gustaba xogar co meu clítoris, que acababa por poñermo duro como ninguén o conseguía; ben, se exceptuamos a Sofia. Aínda hoxe con só lembrarme me corro, doutor. Estabamos no auxe da xuventude e xa se sabe, fodíamos en calquera momento e lugar. Tempos aqueles, divina xuventude!

Despois aparecería Sofía nas nosas vidas. Ao principio foinos moi ben. Entendiámonos os tres a perfección e sen asomo de celos. Cantas veces me teño ido, simplemente vendo como lla metía a Sofía mentres, móbil en man, os gravaba. Aínda conservo algúns vídeos. Ben o sabe, D. Paulino, pois xa os temos visto xuntos e ben que lle agradan.

Pero, aínda ben non sei por que, sería a rutina de tantos anos, comecei a cansarme de Darío, ao tempo que cada vez me tiraba máis a cona de Sofía. Acabamos por romper e quedar as dúas soas. Sofía non era só a miña amante, senón que tamén era a miña xefa; a dona de “AsesoraGest”. Foron anos marabillosos, pero todo o bo ten un fin. Nos últimos meses a cousa non pintaba nada ben. Eu cada vez estaba peor, totalmente dominada polo alcohol e sobre todo pola coca. Sofía non cesaba de rifarme e eu non soamente non lle facía caso, senón que me ría na súa cara. “ Vas acabar mal, nena. Non podes seguir así. E xa non é só por ti, é tamén por min. Eu non aguanto máis e calquera día destes mándote á merda”, adoitaba dicirme, día si e día tamén. E acabou por estourar todo dun xeito inusitado, unha mañá de principios de xuño. E todo por culpa daquel cliente, un italiano de Nápoles que tiña unha casa rural pola Ribeira Sacra. Que bo estaba o cabrón! Mentres lle cubría uns impresos comezou achegarse a min, solermeiro, coma quen non quere a cousa, e non puiden resistirme. Ía tempo que non probaba un mango, desde que deixara a Darío, case dous anos, así que o agarrei pola man e leveino ao baño. Se lle conto, doutor. Nunca tan ben me sentou un “polvo” como aquel; nunca, doutor, xúrollo. Nin con Darío nin con Sofía me sucedeu cousa igual e mire que teño gozado ben. Con só pensalo, humedécenseme as bragas, mi madriña! E xusto cando estabamos saíndo do niño de amor, entra Rosa, que viña de tomar o café e cázanos a medio vestir, acabando de arranxarnos. Non dixo nada, pero pola cara que puxo fun consciente de que o noso tocara ao seu fin. Agardou que marchara o cliente, e dirixíndose a min nun ton serio e seco sentenciou:

—Podes marchar tomar o café e non volvas máis. Esta tarde ou mañá vou polo piso, recollo as miñas cousas e marcho para xunto os meus pais. Para a semana o luns ou o martes pasas por aquí a recoller o finiquito.

E da noite para a mañá quedei sen “curro”. Un ano de paro e enganchada á droga coma nunca, agora con máis motivo, pois atopábame moi soa e deprimida. Foi entón cando a miña veciña Luisa me botou unha man. Ben deitei dela, D. Paulino, que boa muller lle é. Mais como o asunto cada vez ía a peor, acabou convencéndome de ingresar nesta súa clínica, doutor, que tan boa fama ten. 

Ai!, D. Paulino, non sexa malo, que me está poñendo coma unha moto. Aínda vai entrar dun momento a outro unha enfermeira e a que se pode armar; non me vaia pasar coma con aquel cliente. Que vergoña, doutor! Pero siga, siga. Xa que empezou. Cada día que pasa gústame máis o novo método que decidiu aplicarme desde que se esqueceu de Freud e de toda esa mandanga. Abofé, que  a este paso, pronto vou estar curada. Xa deixei os “gin tonic” e case non consumo coca. Cando estea ben, vai ter que facerme un oquiño na súa clínica, de auxiliar, ou secretaria, do que vostede considere. Pero siga, doutor, non nota que duras se me están poñendo as tetas. Siga, siga…, non se corte, que o está facendo moi ben. Ai!, doutor, ben deito de vostede. Que sería de min sen o seu consolo e sen as súas mans tan delicadas.